Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

*Un artigo de

Cando oímos as palabras “obesidade” ou “sobrepeso”, automaticamente pensamos en comida pouco saudable e, como moito, en sedentarismo. Pero hai outro factor tan pouco coñecido como omnipresente que nos pode estar a provocar un aumento de peso a pesar de levar unha vida sa.

Porque nos últimos anos demostrouse que determinados compostos químicos presentes no ambiente tamén poden ter un papel no desenvolvemento de sobrepeso ou obesidade na poboación. Chamados obesóxenos, producen un aumento da masa do tecido adiposo branco ou masa graxa só con expoñernos a eles a través da inxestión (dieta), por contacto ou mediante inhalación de aire contaminado.

A día de hoxe, ao redor de 50 produtos químicos foron catalogados como obesóxenos ou potenciais obesóxenos. Entre eles están o famoso bisfenol A, os bifenilos policlorados, os ftalatos, os éteres de polibromodifenilos, as substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas, os parabenos, a acrilamida, os alquilfenoles, o dibutilestaño ou algúns metais pesados como o cadmio e o arsénico. Forman parte de moitos produtos que usamos diariamente (deterxentes, alimentos, envases de plástico, roupa, cosméticos…), o que complica evadir os seus efectos.

Alteracións no tecido adiposo, as hormonas e a microbiota

E como nos engordan? En realidade, estas substancias non provocan obesidade por si mesmas, senón que promoven o exceso de peso mediante diferentes mecanismos. Por exemplo, favorecen a proliferación e a diferenciación de adipocitos. Ou, dito doutro xeito, incrementan o número e tamaño desas células encargadas de acumular graxa.

Tal aumento no tecido adiposo branco pode contribuír á obesidade e ás enfermidades metabólicas relacionadas mediante reaccións de inflamación e estrés oxidativo, susceptibles á súa vez de provocar a acumulación de glicosa e de ácidos graxos en diversos órganos, especialmente o fígado.

Así mesmo observouse que a exposición a substancias obesóxenas pode alterar a acción de hormonas —como as sexuais ou as tiroideas— relacionadas coa diferenciación das células adiposas, a ganancia do peso e o metabolismo.

E aínda por riba, a microbiota intestinal tamén pode verse afectada pola acción destes compostos. Falamos de millóns de bacterias que regulan a absorción de lípidos, entre outras funcións, polo que a súa deterioración pode provocar enfermidades metabólicas como a diabetes tipo 2 ou a obesidade.

O efecto dos obesóxenos mesmo antes de nacer

Os potenciais efectos dos obesóxenos varían segundo o momento no que se produce a exposición. As fases máis vulnerables son as máis temperás da vida: a etapa fetal e a primeira infancia, cando o desenvolvemento é moi rápido e coordinado. Por iso, a alteración deste proceso tan sensible pode ter un impacto na nosa saúde a longo prazo.

É o que explica a Hipótese das Orixes da Saúde e Enfermidade no Desenvolvemento (ou hipótese DOHaD). Segundo postula, o ambiente que rodea a unha persoa durante o seu desenvolvemento temperán pode provocar cambios fisiolóxicos que a fagan máis vulnerable a certas enfermidades ao longo da súa vida. Ditas modificacións poden persistir mesmo cando o “estresor” xa non está presente.

E isto pode suceder no caso da obesidade? Pois a evidencia científica parece indicar que si. A exposición aos citados tóxicos durante momentos críticos do desenvolvemento é capaz de promover cambios epixenéticos, ou sexa, modificacións no ADN que non afectan á secuencia do mesmo. Isto pode cambiar a expresión dos xenes e, por conseguinte, as funcións das células, o que aumentaría a susceptibilidade de desenvolver obesidade e outras enfermidades metabólicas.

Pero aínda hai máis. En estudos realizados con animais observouse que estas modificacións poden ser transmitidas ás xeracións posteriores. É dicir, os cambios “hérdanse” de pais/nais a fillos/as.

Estategias (individuais e colectivas) para evitalos

Sabendo todo isto, que podemos facer para eludir a exposición aos obesógxenos? Aínda que, como comentamos, convivimos con eles no noso día a día, algunhas prácticas a nivel individual poden axudarnos a sortealos. Velaquí algúns consellos:

  • Non fumar.
  • Diminuír o consumo de alimentos e bebidas envasados.
  • Reducir o uso de plásticos, así como de certos cosméticos e locións.
  • Limitar o consumo de alimentos con pesticidas.
  • Reciclar e reutilizar todo o que poidamos.

Doutra banda, as autoridades de saúde pública e de medio ambiente deberían desenvolver estratexias políticas para diminuír a exposición da poboación a estas substancias, tamén poñendo foco nas desigualdades sociais en saúde.

Xunto a isto, é necesario seguir investigando sobre os efectos dos obesóxenos. Así se poderán tomar con coñecemento de causa as decisións que nos afectarán a todos e todas, aos que estamos e aos que virán.


*Raquel Soler Blasco é investigadora posdoutoral en Saúde Ambiental da Universitat de València. Sabrina Llop é investigadora posdoutoral Miguel Servet en Fisabio.

Cláusula de divulgación: Raquel Soler Blasco recibe fondos do Ministerio de Universidades, da unión Europea-Next Generation EU e do Consello Xeral de Enfermería. Sabrina Llop recibe fondos do Instituto de Saúde Carlos III, Unión Europea, Generalitat Valenciana e CIBERESP.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto en China un novo virus do mesmo xénero que Crimea-Congo transmitido por carrachas

O patóxeno emerxente, denominado Xue-Cheng pola cidade onde foi descuberto, provocou dende febres agudas ata ingresos hospitalarios en 25 pacientes

Un equipo galego abre o camiño a novos métodos de síntese química

Investigadores da UDC participan na creación dun proceso que podería empregarse para fabricar medicamentos intelixentes e materiais activos

Un cangrexo de mil caras chamado cancro

O médico grego Hipócrates ideou o termo 'karkinos', que fai referencia ao animal mariño, e da que deriva o nome da segunda causa de morte no mundo

E ti, de maior, serás neurona ou célula muscular?

O corpo humano alberga máis de 300 tipos de células diferentes, cada unha coas súas particularidades morfolóxicas e funcionais