Sábado 20 Xullo 2024

Os frescos da igrexa dos Vilares cobran nova vida e saen da lista vermella do patrimonio

As pinturas do século XVI caían das paredes e a policromía estaba gravemente deteriorada debido ao paso do tempo e a humidade

Toda obra de arte necesita, chegado o momento, coidados de conservación. Moito máis se estamos falando dunha do século XVI. Os frescos da igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, no municipio lucense de Guitiriz, son un conxunto de pinturas de estilo gótico flamenco que se atopaban nun grave estado de conservación. As pinturas caían, había unha perda importante de policromía e apenas se podían recoñecer a composición. Formaban parte da lista vermella do patrimonio de Hispania Nostra, que recolle aqueles elementos que se atopan sometidos a risco de desaparición. Tras catro anos con esta etiqueta, os frescos pasan a pertencer á lista verde despois dunha complexa restauración polo estado das pinturas e as humidades dos muros do templo que ralentizaron os traballos.

A adhesión dunha obra á lista vermella do patrimonio pode ser solicitada por calquera persoa. Tan só é necesario encher un formulario e agregar documentación gráfica que respalde a información. Posteriormente, un comité científico solicita os datos ás administracións competentes. Así aconteceu cos frescos dos Vilares, cuxa intervención foi finalmente contratada pola Xunta de Galicia e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández, celebra que os frescos acaden unha nova vida e resalta que grazas á lista vermella, “os poderes públicos devolven o esplendor ao patrimonio que está abandonado”.

Publicidade

Os frescos da Igrexa dos Vilares antes da restauración. Foto: Hispania Nostra

Segundo explica Hispania Nostra, os frescos foron descubertos en 1991 tras unha serie de obras que se realizaron no seu interior. As pinturas puidéronse conservar pola costume de quentar as paredes para evitar a proliferación de pragas e enfermidades ao longo do século XVI. Con todo, a humidade e outras prácticas degradaron practicamente a totalidade da obra. “Calquera pintura mural co tempo vai acumulando graxas e nas igrexas hai moitas partículas polo fume das velas que as degradan. Cada vez hai menos culto relixioso e polo tanto, menos ventilación, polo que son edificios que están moito tempo pechados”, comenta o presidente de Apatrigal.

A restauración baseouse en limpar e quitar elementos que, co paso do tempo, se volven inevitables. Para restaurar os frescos utilizouse a modo de técnica a aplicación dunha capa de morteiro de cal e area para a base, engadiuse unha capa de “enlucido de granulometría” máis fina e a continuación, aplicouse a decoración polícroma de tons terra, vermellos e azuis.

Publicidade

Os frescos deterioráronse pola humidade e a falta de mantemento

Os frescos da Igrexa dos Vilares atópanse nunha das paredes más antigas do templo. O morteiro estaba desprendido do muro, pero, cando as restauradoras de Crea Restauración puideron limpar toda a cal, observaron unas pinturas moi ben executadas e que hoxe xa se poden ver na súa totalidade. Están organizadas en escenas enmarcadas por orladuras decorativas. No muro norte pode observarse a única representación existente en Galicia sobre a “Imposición da casulla a San Ildefonso”, unha cruz e a “Lamentación sobre Cristo morto“.

Muro sur da Igrexa dos Vilares despois de ser restaurado. Foto: Hispania Nostra

Os frescos do muro sur son moito máis pequenos, e segunto explica Hispania Nostra, interpretáronse como unha escena relacionada con Santiago Matamoros. A carón desta, descubríronse outras máis antigas. A maiores, a igrexa incorpora tamén unha serie de pinturas con elementos xeométricos e paisaxes. “A lista vermella é unha lista de deberes para as administracións. A propia Torre de Hércules estivo nela. Con todo, neste grupo non se inclúen todos os bens que están en mal estado en Galicia. Senón aqueles que unha persoa denunciou. Por iso é importante que os particulares envíen información”, explica o presidente de Apatrigal.

Hispania Nostra conta tamén cunha lista negra na que se inclúen todos os bens que foron excluídos da lista vermella porque xa desapareceron e non é viable a súa recuperación. De momento, Galicia non conta con ningún elemento patrimonial rexistrado neste grupo. Os frescos dos Vilares restauráronse despois de catro anos e, agora, as pinturas están consolidadas grazas ao emprego de técnicas tradicionais que lle devolveron todo o seu esplendor. De feito, esta intervención serviu para descubrir outros elementos, como os restos dunha terceira escena no muro sur no que se pode apreciar a pata dunha besta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta publica o mapa de zonas de baño de Galicia: estas son as 39 praias non aptas

O último control microbiolóxico realizado pola Xunta identificou unha trintena de espazos marítimos e continentais con clasificación sanitaria insuficiente

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Descuberto un novo petróglifo no municipio coruñés de Aranga

Foi achado por casualidade no mes de febreiro e dende Colectivo A Rula explican que é un xacemento con "motivos propios da nosa arte atlántica"