Un equipo internacional con participación da Universidade de Vigo realizou un estudo co obxectivo de analizar “que ocorre cos excesos de auga doce (evaporación menos precipitación) que se producen nos océanos e que, debido ao cambio climático, serán cada vez máis frecuentes“. No traballo demóstrase que, nas últimas décadas, estes excesos se teñen intensificado e migran cara a terra, é dicir, cara os continentes.
No estudo participou persoal investigador da Universidade de Vigo, da China University of Geosciences de Wuhan, das universidades de Oxford e Reading (Reino Unido) e da de Princeton (EEUU). Por parte da UVigo colaborou o catedrático Luis Gimeno, membro do grupo de investigación do campus de Ourense Environmental Physics Laboratory (EPhysLab-CIM); do Grupo de Investigación do Sistema Climático UVigo-Cesga e da Unidade Asociada da UVigo ao CSIC, denominada Grupo de Física da Atmosfera e do Océano. Esta colaboración internacional súmase á ampla e recoñecida traxectoria investigadora de EPhysLab en diagnose e modelización do clima.
Dentro do obxectivo xeral de estudar o destino dos excesos de auga doce xerados nos océanos, esta investigación céntrase en afondar en como migran estes excesos, ata onde chegan e de que maneira poden influír na precipitación sobre os continentes.
En canto á relevancia de abordar esta temática, os autores do estudo salientan que “a dispoñibilidade de auga terrestre sustenta os medios de vida, o desenvolvemento socioeconómico e os ecosistemas“. Porén, advirten que “a pesar de comprender as contribucións da humidade oceánica aos extremos hidroclimáticos terrestres, aínda non está claro se os excedentes de dispoñibilidade de auga terrestre migran directa e contiguamente desde o océano nin a influencia do cambio climático neste proceso”.
Pasado, presente e futuro
No traballo, o equipo internacional analizou computacionalmente a evolución espazo-temporal dos excedentes de dispoñibilidade de auga doce de océano a terra. Para iso empregáronse diversos modelos de simulación climática, tanto de carácter histórico (1921-2020) como de proxección futura (ata o ano 2100). “En palabras sinxelas, no estudo calcúlanse rexións oceánicas onde a precipitación excede a evaporación, e despois como ese excedente de auga se propaga espacialmente ata alcanzar rexións continentais, sendo posteriormente responsable de precipitacións nestas áreas”, resume o investigador da UVigo.
Entre as principais conclusións, Luis Gimeno destaca que, nas últimas décadas, especialmente nas latitudes medias e altas do hemisferio norte, por riba de 48°N, “estes excesos de auga doce oceánica amosaron unha maior persistencia, extensión e intensidade que os desenvolvidos unicamente sobre terra”. Ademais, observouse que migran cara aos continentes e que estas migracións están asociadas a coñecidos patróns de teleconexión atmosférica no Atlántico e no Pacífico.
Cambio dos patróns de precipitación
Así mesmo, empregando distintos modelos CMIP6, os mesmos modelos climáticos utilizados no último informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático (IPCC), a investigación observou unha “intensificación dos procesos de migración co cambio climático“, o que aumentará notablemente a súa influencia nos patróns de precipitación sobre os continentes.
Esta influencia producirase tanto por causas dinámicas, relacionadas con cambios na circulación da atmosfera, como termodinámicas, vinculadas ao incremento da humidade na atmosfera. Segundo explica o físico da UVigo, estes cambios nos patróns de migración “poden ter unha grande influencia nos patróns rexionais de precipitación e seca a longo prazo“.
A participación do catedrático Luis Gimeno centrouse na avaliación dos mecanismos de transporte de humidade e na diferenciación do mecanismo proposto neste traballo, a propagación espacial do excedente de precipitación menos evaporación, doutros mecanismos de escala espacial e temporal, como os ríos atmosféricos, os jets de niveis baixos e os ciclóns tropicais. Ademais, participou na interpretación global dos resultados.
Referencia: Excess water availability in northern mid-high latitudes contiguously migrated from ocean under climate change (Publicado en Science Advances)














