Xoves 18 Abril 2024

O 5G permite visitar a Praza do Obradoiro en tempo real dende calquera lugar do mundo

A experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar o sector do turismo á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos

Santiago de Compostela acolleu a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están a desenvolver en Galicia. Trátase dunha solución innovadora que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real, o que poderá aplicarse no ámbito turístico. É posible grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado dese punto clave da cidade, que retransmiten imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, se aplican técnicas de realidade virtual.

Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo
móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de xeito que terán a
sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro. Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar o turismo á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía.

Publicidade

Galicia e o 5G

O Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedeu dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás que se promoveron desde o Nodo do Plan Galicia 5G, sumando preto de 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan arredor de 40 entidades.

A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final.
Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados a ámbitos como a atención sanitaria,
a educación, a xestión de incendios, a industria, a automoción no audiovisual ou o
turismo, entre outros. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, comenta que o seguinte paso será a avaliación destes 30
casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos
públicos e dos diferentes sectores produtivos.

“Esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra”

Por outra banda, a directora da Amtega sinalou que a Xunta vén de lanzar un acordo
marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector
público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de
implantación e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía que se incorpore
debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade
senón a súa sustentabilidade futura.

Aposta pola tecnoloxía

A directora da Amtega destacou tamén que na comunidade se conformou un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas
iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que formemos o territorio escollido para
a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das
primeiras cidades de España en contar con redes 5G.

A responsable autonómica recalcou que a Administración autonómica fixo unha forte
aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G “porque é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G de atlanTTic, deseñando o futuro

Felipe Gil Castiñeira, director do laboratorio, sinala o reto que enfrontan: crear unha rede piloto 5G-6G que converterá o campus de Vigo “nun espazo de investigación avanzado”

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios