Historia dunha (suposta) agresión: a tensa segregación dun grupo da UVigo que acabou no xulgado

Exalumnos da universidade denunciaron ante o reitorado presuntas estadías falsas no equipo liderado polo profesor acusado de agredir un alumno o 23 de xaneiro

O venres 23 de xaneiro, un estudante de doutoramento da Universidade de Vigo (UVigo) presentou unha denuncia ante a Policía Nacional tras ser supostamente agredido polo profesor Miguel Ángel Prieto. O alumno declarou recibir unha labazada no pectoral esquerdo tras o que buscou “asistencia médica de inmediato”. O docente nega os feitos e defínea como unha “denuncia falsa”. O contexto no que se produciu a presunta agresión responde a unha tensa escalada que derivou da segregación do grupo ao que pertencía Prieto. Aquel día 23 era a data límite para a separación física dos espazos e, en consecuencia, para o reparto dos materiais. Este suceso é o último dunha longa historia de desencontros que xa motivou en 2021 unha denuncia ante o reitorado por parte de estudantes de doutoramento, incluída unha exalumna do seu grupo, por un caso de supostas estadías falsas, así como por sospeitas de hiperprodución.

Cronoloxía da suposta agresión

Segundo o relato do doutorando, o 23 de xaneiro ás 9:20 horas chegou ao Citexvi, o centro da UVigo onde está o laboratorio en disputa. O estudante asegura que estaba a mover varias mesas, xunto a outros catro compañeiros, por mandato dun docente. “Durante este tempo non tiven ningunha discusión nin disputa con ninguén. De repente, un profesor universitario irrumpiu no laboratorio, extremadamente axitado. Primeiro, golpeou con forza a mesa que estabamos movendo. Logo, agrediume fisicamente, primeiro tirando da miña roupa, logo tirándome a un lado e empuxándome. Finalmente, golpeoume no peito e berroume repetidamente Fóra!“, relata o doutorando nun correo electrónico. O caso está agora mesmo xudicializado.

Publicidade

Prieto nega a suposta agresión e explica que o 2 de xaneiro, unha resolución reitoral determinou a separación definitiva dos espazos, coa data límite no 23. Segundo o relato do profesor, chegouse a un acordo entre as partes de non repartir o mobiliario, que debía quedar no laboratorio. Precisamente a distribución das mesas, caixoneiras e outros obxectos foi o que motivou o clímax da tensión. “Estaban transportando unha mesa de 120 quilos que era un perigo. Se lles caía ían facerse dano. Alcei a voz e díxenlles que isto tiña que parar”, lembra. Admite un enfrontamento co doutorando que o denuncia, mais en ningún caso recoñece a agresión. De feito, refire un clima tenso coa dirección do grupo AA1, ao que pertencía antes da escisión, e que ten o seu epicentro no Campus de Ourense: “Durante dous anos tivemos moitísimas dificultade para investigar”.

Prieto sinala directamente a Juan Carlos Mejuto, líder do grupo AA1, quen asumiu a coordinación do equipo tras o relevo a Jesús Simal. Dende aquela, o docente asegura que se foron encadeando momentos de tensión e desencontro entre os dous. “Mejuto tenme un odio innato. Intenta que eu quede totalmente illado, sen recursos científicos, nin de laboratorio nin persoais”, apunta. Froito desta tensa relación, Prieto solicitou á vicerreitoría unha estrutura e un espazo propios para a fundación dun novo grupo: o NuFoG, que actualmente dirixe. O profesor da UVigo asegura non saber o motivo dese “odio visceral”. O líder do AA1, pola súa parte, declinou facer declaracións ao tratarse dun suceso xudicializado. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, tamén rexeitou pronunciarse ao respecto ao considerar que non é oportuno facer declaracións que “puidesen interferir no proceso”.

Publicidade

Denuncia ante o reitorado por supostas estadías falsas

Os desencontros entre Prieto e o seu grupo de orixe, o AA1, veñen de lonxe. El lideraba a delegación viguesa do equipo, malia que a matriz principal estaba en Ourense.Prieto conseguiu un laboratorio no campus vigués a comezos de 2019 e, segundo unha exintegrante que abandonou o grupo en 2020, tamén había tensións internas entre os que formaban parte da rama de Vigo. Ela foi unha das 13 persoas que asinaron unha denuncia ante o reitorado presentada o 22 de outubro de 2021, na que se acusaba a Prieto de promover supostas estadías falsas.

O texto presentado ante o reitorado, ao que tivo acceso GCiencia e que motivou unha investigación posterior por parte da UVigo, sinala varios puntos sospeitosos: a maioría das estadías tiveran lugar no mesmo centro de investigación e nas mesmas datas. “Eran 10 persoas do mesmo grupo e todas ían ir a Portugal. Cando deberían estar facendo a estadía, viámolos todos os días na cafetería. En convocatorias anteriores fixeran o mesmo”, lembra Mauro Lago, un dos promotores da denuncia. Naquel momento estaba a facer o seu doutoramento xunto aos demais asinantes do documento, mais non pertencía ao grupo de Prieto. Agora está a realizar o seu posdoutoramento na Universidade de Standford, en Estados Unidos, pero é membro da Rede Galega pola Investigación (Investigal) e coordinador do seu grupo de posdoutorais.

Na denuncia recollen as coincidencias en datas e centros de investigación, así como a constancia de ter visto membros do grupo que deberían estar na estadía nas dependencias da UVigo. O grupo de estudantes que promoveron a denuncia detectaron irregularidades en anteriores convocatorias, non só na de 2021, polo que pediron formalmente controis máis estritos: “Gustaríanos solicitar que na adxudicación destas bolsas de mobilidade se esixan documentos xustificativos de gastos levados a cabo durante a estadía, máis alá do papel de actividades asinado polo laboratorio de destino”.

O documento remata expresando a principal preocupación dos denunciantes: “Tememos, non só que os fondos públicos destinados a estas axudas de mobilidade non se estean utilizando de forma correcta, senón tamén de que se estea levando a cabo a formación sen control de ‘investigadores pantasma’, é dicir, investigadores cuxo currículo competitivo se basearía en méritos falsos. Isto atentaría contra os estándares éticos da comunidade científica que a Universidade de Vigo comparte coa Declaración sobre a ciencia e o uso do coñecemento científico da Unesco”.

Lago, xunto a Carlos López Solarat, Mauro Chivite, José Luis Soto, Jessica Calo e outros oito estudantes de doutoramento naquel momento detectaron irregularidades na concesión de “Axudas propias á mobilidade da Universidade de Vigo 2021 (Modalidade B)”. Tras preguntar no departamento de Recursos Humanos, animáronos a presentar unha queixa formal ante o reitorado para que se investigase o asunto. Unha das asinantes do documento foi Celia Jiménez, quen pertencera ao grupo entre 2019 e 2020. Ela testemuña que foi unha das persoas ás que Prieto incitou a solicitar estadías para, despois, non acudir ao centro formativo de destino. Estas axudas á mobilidade podían estar dotadas con ata 2.000 euros —en función do lugar e do tempo no que se realizase—.

“Solicitei tres pero só fixen unha entre marzo e maio de 2019”, recoñece. En relación ás motivacións de pedir unha axuda á mobilidade cando, en realidade, non se ía levar a cabo, Jiménez explica: “Os cartos quedaban na conta de cada persoa. Prieto gañaba porque, como a maioría non tiñamos contrato, era a súa forma de pagarnos. Dicíanos que con eses 2.000 euros xa tiñamos para tirar uns meses”. Polo tanto, e segundo o relato de Jiménez, Prieto puido ter obtido un beneficio indirecto ao manter o grupo de doutorandos a través dos cartos percibidos por unhas estadías que nunca tiveron lugar. Tras ser preguntado, o profesor da UVigo non fixo ningunha declaración ao respecto.

Despois do rexistro da denuncia, varios dos seus promotores reuníronse co reitor, Manuel Reigosa, en novembro de 2021. “Estivemos máis dunha hora falando. El recoñeceu que era unha mala praxe, pero que había que probalo. Puxeron como mediadora a María José Bravo Bosch, quen escoitou a nosa versión e anotou todas as probas para pedirlles xustificación”, lembra Lago.

Acusacións de hiperprodución dende dentro

“Foron dous anos duros. Vinme como nunca me vira. Ata me cambiou a personalidade”, lembra Jiménez, en referencia ao período 2019-2020 no que estivo a realizar parte da súa etapa predoutoral baixo a tutela de Prieto. Máis alá da solicitude de estadías que nunca tiveron lugar co obxectivo de que o seu alumnado percibise un soldo, dado que estaba sen contrato, Jiménez describe un ambiente de traballo de alta esixencia. “Preocupábase polo noso currículo, pero a maioría deses méritos eran estadías falsas ou reviews [é dicir, non son estudos orixinais, senón unha recompilación de datos e evidencias previamente publicadas]. Calquera as pode facer, non se precisa un laboratorio. A cousa foi escalando cada vez máis e non había nin horario”, sostén.

De feito, Jiménez insiste na importancia que o profesor da UVigo lle daba á elevada produción científica: “El quería que o laboratorio tivera boa cara, pero en realidade non se usaba tanto. Tíñanos todo o tempo facendo reviews. Distribuíanos para escribilas pero despois colocaba como autores a xente que el quería”, afirma. Jiménez non lembra un enfrontamento directo que fose o detonante da súa marcha do grupo, senón unha escalada de tensión ao longo dos case dous anos nos que estivo alí. Máis alá das estadías falsas, escribir constantemente reviews sen poder realizar o traballo real dunha investigadora foi o principal motivo do seu abandono. Tamén, a hiperesixencia que Jiménez lle atribúe a Prieto: “Non había límite horario. Se non traballabas 24 horas o fallo era teu”.

En 2023 saltou ás portadas o caso da trama saudita, pola que varios investigadores declararon traballar en falso en universidades sauditas para ascender nos ránkings internacionais. O caso salpicou a dous investigadores galegos do Centro Tecnolóxico da Carne dirixidos por José Manuel Lorenzo, quen chegou a publicar ata 200 artigos científicos ao ano. Tamén estivo no foco Jesús Simal, xefe naquel momento do grupo AA1, que, aínda que non estivo vinculado á trama saudita, publicaba 100 artigos ao ano. A este respecto, Prieto di o seguinte: “Estas persoas non deberían estar cuestionadas. Paréceme moi triste. Pero isto non ten nada que ver con todo o que pasou”. Así responde o docente ante os vínculos da sospeita por hiperprodución co acontecido o 23 de xaneiro.

Onde os medios teñen que poñer o foco non é nos que producen demasiado, senón nos que traballan demasiado e nos que reciben grandes cantidades de fondos europeos para que o persoal poida desenvolver o seu labor en España”, defende. En relación aos casos de Lorenzo e Simal, argumenta: “Non sei se son hiperprodutivos ou non, pero a nós ninguén nos paga por producir máis. É un mérito que se obtén en función do noso traballo e das nosas colaboracións”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Madre mía, sois la prensa rosa de la supuesta “ciencia”, deberíais solicitar mejor una sección en el “pronto”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek

Radiografía das enfermidades raras: ciencia de fronteira, colaborativa e con pouco financiamento 

O grupo de Diana Valverde investiga dende o CINBIO a base molecular das ciliopatías, enfermidades de moi baixa prevalencia que afectan varios órganos causando cegueira, xordeira e malformacións

Un equipo de atlanTTic desenvolve un simulador virtual para mellorar a formación en colonoscopia

LoGiViT é unha ferramenta pensada para reducir custos e facilitar a aprendizaxe inicial dos residentes

A UVigo arquivou a investigación por supostas estadías falsas tras a desaparición de probas

A eliminación do rexistro de entrada no edificio onde ten a súa sede o equipo AA1 condicionou o proceso que solicitaron 13 persoas