atlanTTic abre as súas portas para divulgar os últimos avances en telecomunicacións

A primeira actividade consistirá na instalación dun punto informativo na rúa do Príncipe, en Vigo, para dar a coñecer as investigacións do centro

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) achegará un ano máis á cidadanía as súas últimas investigacións cunhas xornadas divulgativas que se celebrarán este martes 22 no centro da cidade, e o venres 25 de outubro nas instalacións do centro no campus de Vigo.

A primeira destas actividades, consistirá nun punto informativo que se instalará na rúa Príncipe, fronte ao museo Marco, en horario de 16.00 a 19.30 horas, grazas á colaboración do Concello de Vigo. Neste posto, o persoal investigador dará a coñecer algúns dos últimos avances en ámbitos como as comunicacións 5G ou 6G, coa compañía do can-robot Santi ou as tecnoloxías aeroespaciais e os nanosatélites.

Publicidade

Conecta con atlanTTic

O venres, as actividades trasládanse ao campus co sétima edición de Conecta con atlanTTic, a xornada na que cada ano o centro abre as súas portas á sociedade. Pola mañá, máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP achegaranse ás instalacións situadas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, para coñecer os equipos de investigación, as infraestruturas de investigación máis singulares e os principais proxectos no ámbito das comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade. Xa pola tarde, a actividade estará aberta ao público xeral. Dende centro destacan que esta é unha ocasión única para entrar en contacto co persoal investigador, xa que máis de 20 profesionais serán as encargadas de achegar, dun xeito ameno e interactivo, os seus últimos proxectos ás persoas asistentes. 

“Abrir as portas de atlanTTic a estudantes e público en xeral é moi importante para o noso centro, non só por compartir o traballo do noso persoal investigador senón porque deste xeito temos a oportunidade de coñecer, de primeira man, as inquedanzas da sociedade arredor dos novos retos das telecomunicacións”, explica o seu director, Martín Llamas Nistal. “Cada ano, damos un paso máis e agora xa temos consolidada tamén a actividade no centro de Vigo”, insiste.

Publicidade

Laboratorios que son referentes nacionais e europeos

No transcurso da visita, tanto o alumnado de secundaria como a cidadanía poderán visitar tres dos laboratorios máis singulares de atlanTTic que son referentes nacionais e europeos: o Laboratorio de Seguimento de Satélites; o Laboratorio de Acústica, que inclúe unha visita guiada á sala semi-anecoica, espazo no que todas as paredes, salvo o chan, están acondicionaas coa tecnoloxía Metadyne, material que permite absorber as ondas acústicas; e finalmente o Laboratorio de Medidas radioeléctricas e a súa cámara anecoica. 

Ademais dos laboratorios, que sempre son obxecto de gran curiosidade por parte dos asistentes, o centro disporá unha serie de postos nos que o persoal investigador amosará ao público diferentes proxectos punteiros e as últimas aplicacións que están a desenvolver. Trátase de demostracións vinculadas coas principais liñas de traballo de atlanTTic: tecnoloxías 5G e 6G, comunicacións ópticas, fotónica integrada, aplicacións accesibles, intelixencia artificial, criptografía cuántica, teledetección e sistemas aeroespaciais.

Entre todas e todos visitantes sortearase un kit de artigos promocionais do centro. Estas xornadas, cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER), requiren inscrición previa que pode realizarse a través da páxina web de atlanTTic. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade