Un equipo da UVigo estuda como producir químicos a partir de bagazo de uva e mazá

O proxecto quere fabricar produtos sostibles de base biolóxica que permitan unha economía circular e unha simbiose industrial

Desde setembro de 2023 e ata agosto de 2026, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) está a levar a cabo o proxecto estatal AdChemFood. Esta iniciativa céntrase no estudo de procesos verdes avanzados para desenvolver químicos de plataforma baseados en subprodutos alimentarios, concretamente no bagazo de mazá e uva. Este proxecto dá continuidade a outro no que se investigou a produción de bioetanol a partir de residuos da vinificación, como o sarmento e o bagazo de uva. “Agora buscamos aplicar os coñecementos adquiridos no deseño de novos modelos produtivos, máis ecolóxicos e eficientes, para o desenvolvemento de plataformas químicas baseadas na produción de 5-hidroximetilfurfural HMF e os seus derivados”, sinalan dende o equipo.

Segundo continúan explicando, na industria vitivinícola a transformación do viño produce unha gran cantidade de residuos, incluídos os restos de poda das viñas e o bagazo de uva. Este último (pel, sementes e talos) representa ao redor do 25% do peso total da uva utilizada no proceso de elaboración do viño, xerando ao redor de un quilo de bagazo de uva por cada seis litros de viño. Con respecto á súa composición, indican que este material é un substrato complexo composto por polisacáridos neutros, substancias pécticas ácidas, proantocianidinas insolubles, lignina, proteínas estruturais e fenois.

Publicidade

Doutra banda, a mazá é unha das froitas máis consumidas no mundo. Entre o 70% e o 75% consómese como froita fresca, mentres que entre o 25% e o 30% restante procésase noutros produtos como concentrado de zume, sidra ou marmeladas. O bagazo de mazá (pel e polpa, sementes e talos) representa aproximadamente o 25%-30% das froitas orixinais e os lodos de bagazo de mazá o 5%-10% e son altamente susceptibles á biodegradación. Neste caso contén unha gran cantidade de carbohidratos e considérase unha fonte rica de pectina e polifenois valiosos.

Resolver desafíos ambientais

Neste marco de traballo, o proxecto AdChemFood “foi deseñado para resolver desafíos ambientais, principalmente nos sectores agroalimentarios asegurando prácticas respectuosas co medio ambiente”. Deste xeito, o seu obxectivo xeral é “desenvolver procesos alternativos, innovadores e ecolóxicos para a fabricación sostible de produtos químicos de plataforma de base biolóxica, que permitan lograr unha economía circular e unha simbiose industrial”.

Publicidade

Concretamente, a iniciativa analiza e propón o uso de solventes verdes asistidos por sistemas de quecemento eficientes (como a tecnoloxía de microondas) para producir 5-hidroximetilfurfural e utilizando como materia prima azucres obtidos de bagazo de mazá e uva. O HMF é “unha molécula altamente versátil incluída na lista dos doce principais produtos químicos de valor engadido polo Departamento de Enerxía de Estados Unidos”. Ademais, tamén é un obxectivo deste traballo “a produción doutros valiosos” produtos químicos de plataforma con aplicacións industriais interesantes”, como os derivados de HMF empregando procesos de biocatálise.

Xeralmente, unha alta porcentaxe dos subprodutos empregados neste estudo utilízanse principalmente como compoñente de pensos, unha aplicación de baixo valor engadido. Con todo, debido ao alto contido de azucres simples e humidade, ambos subprodutos da uva e a mazá son perecedoiros e altamente biodegradables, o que provoca problemas ambientais. Segundo detallan os investigadores, nun contexto de transición a unha economía circular, a xestión adecuada destes subprodutos mediante unha valorización eficiente nun amplo espectro de produtos químicos de base biolóxica de valor engadido podería contribuír ao crecemento económico e o desenvolvemento sostibles, mitigando problemas ambientais.


Podes ler o artigo do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto