Alén da destrución dos ecosistemas que son pasto das lapas, os incendios forestais poden favorecer, segundo diversos estudos, a propagación de especies exóticas invasoras en terreos queimados. A Universidade de Santiago de Compostela, a través de cinco investigadores dos grupos de Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) e Economía Agraria e Medio Ambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc), están estudando e avalaiando os posibles efectos da severidade dos incendios forestais nos servizos culturais dos territorios afectados, así como no seu cambio de uso e mesmo no vínculo coa propagación de plantas invasoras nestas zonas.
O programa Fireseves (Severidade de grandes incendios en sistemas forestais propensos ao lume: condicionantes, efectos na provisión de servizos e solucións de xestión pre e post incendio), coordinado polo Grupo de Investigación Ecoloxía Aplicada e Teledetección da Universidade de León, constitúe unha actuación de I+D que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e que recibe apoio económico do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), na que tamén participan outros grupos de investigación das universidades de Alicante e Valladolid.
Os investigadores implicados no proxecto Fireseves veñen de participar no campus de Ponferrada con científicos das universidades de León, Valladolid e Alacante nunha reunión científica sobre lumes forestais no marco da que abordaron en profundidade cuestións relativas ao estudo dos condicionantes, efectos na provisión de servizos e solucións de xestión pre e post incendios da severidade de grandes incendios en sistemas forestais propensos ao lume e que tamén serviu para presentar algúns datos xa acadados.
A xuntanza científica, na que tomaron parte os profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo Elvira Díaz-Vizcaíno e Emilio Díaz Varela, así como os profesores da Facultade de Bioloxía da USC Otilia Reyes, Mercedes Casal e Óscar Cruz, que forman parte do grupo Biopalic, permitiu á delegación da USC poñer o foco nas pescudas xa desenvolvidas e noutras que se van realizar sobre aspectos ligados aos cambios de uso das áreas afectadas por lumes en Galicia, ademais de analizar o vínculo entre a severidade dos incendios e a posterior propagación de plantas invasoras ou mesmo a súa posible relación coa perda, modificación ou desaparición de servicios culturais.
O traballo que están a desenvolver os grupos de investigación implicados no proxecto Fireseves pretende dar resposta á situación dos lumes forestais na conca mediterránea, un territorio que nas últimas décadas está a rexistrar un aumento da incidencia dos lumes, así como da súa severidade e da superficie de territorio afectada polos incendios. Este cúmulo de factores pon en risco a capacidade do terreo para a súa rexeneración tralos lumes, así como a súa resilencia futura fronte a novos incendios, segundo apuntan os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo implicados no proxecto Fireseves, un grupo multidisciplinar de científicos que tamén están adheridos a BioReDes, a agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC.