Unha vintena de participantes volveron ao río Tins a pasada fin de semana para continuar coa campaña de eliminación de especies invasoras arbóreas no seu treito urbano ao seu paso pola Serra de Outes, xusto antes da súa desembocadura na ría. O curso de auga, o único con dereitos de toda España, foi testemuña da retirada de varios pés de falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e o último dos exemplares de mimosa (Acacia dealbata) que ficaba na superficie. A Actuación forma parte do proxecto Renatur_Outes.
Segundo o balance realizado polos participantes na campaña, toráronse e derramáronse unhas tres toneladas, coa particularidade de que boa parte dos traballos se tiveron que realizar dentro do río. A pesar da dificultade engadida, o traballo na auga axudou a soportar os efectos da onda de calor. Participaron na acción 12 persoas voluntarias adultas e 6 rapaces e rapazas da Casa de acollida da Asociación Dignidad Galicia, que se achegaron desde A Coruña para colaborar e coñecer o proxecto. Na xornada tamén se realizaron traballos de control das matas de bambú e crocosmia.
Un traballo conxunto a prol da biodiversidade
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.













