A acacia negra entrará no Catálogo de Especies Invasoras no territorio español

A especie exótica, procedente de Australia e moi abundante nas zonas litorais de Galicia, dificulta o crecemento doutra flora nas zonas onde medra

A acacia negra (Acacia melanoxylon), unha planta exótica procedente de Australia e actualmente moi estendida en áreas costeiras de Galicia, pasará a formar parte do Catálogo Español de Especies Invasoras, onde xa figura outra planta da mesma familia, a mimosa (Acacia dealbata), que está xerando importantes problemas nas provincias de Ourense e Pontevedra. Segundo recolle Efe Verde, a acacia negra entrará na listaxe xunto á térmite subterránea oriental e a alga asiática, que causan problemas no sur de España.

Segundo os trámites establecidos, o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) pechou o 10 de setembro o período de información pública do borrador da orde que sumará as especies ao listado, por constituír unha “ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, a agronomía ou para os recursos económicos asociados ao uso do patrimonio natural.

Publicidade

Na ficha do Ministerio que analiza a situación da acacia negra en España (ver PDF), o mapa pon de manifesto o notable impacto en Galicia, en zonas de importante valor natural como o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O abandono e o lume dan vía libre á mimosa

A acacia negra

Crese que a especie chegou a Europa arredor de 1800, como planta ornamental e de produción forestal, e estímase que en España foi introducida a finais do século XIX. O primeiro testemuño en estado naturalizado é de 1948, nun especimen localizado en Vilagarcía de Arousa. Apúntase que nalgúns casos se sementou para fixar dunas e xunto ao eucalipto, para mellorar o rendemento madeireiro desta árbore a través da nitrificación do solo, aínda que tamén hai constancia do seu uso como cortalumes, ao reter a humidade e non arder con facilidade. Porén, os incendios favorecen a súa propagación, xa que se ve favorecida pola degradación da cuberta vexetal. En Galicia aparece en zonas de suaves pendentes e altitudes inferiores aos 500 metros, xa que pode verse afectada polo frío intenso no inverno. Pode acadar máis de 15 metros de altura.

Publicidade

O seu impacto prexudicial nos ecosistemas autóctonos débese, en boa parte, á liberación de compostos fenólicos no solo a través das follas que desprende, e que impiden a xerminación e crecemento doutras especies que intentan medrar na mesma área. Na actualidade, o seu crecemento está descontrolado en amplas superficies dos montes galegos.

Entre os métodos para o seu control, do mesmo xeito que a mimosa, están herbicidas como o triclopir, que en doses correctas pode frear a súa expansión sen danar outras especies de flora e fauna, e axentes biolóxicos como algúns insectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

As acacias ameazan os bosques atlánticos: “Producen unha perda clara de biodiversidade”

Unha investigación das universidades de Vigo e Coimbra advirte que a expansión desta especie invasora altera a estrutura da vexetación, a calidade do solo e as comunidades de invertebrados

Loita contra as invasoras: así derrubaron a última mimosa do río Tins

Unha vintena de persoas voluntarias participan na campaña de eliminación de árbores como a acacia e retiran tres toneladas de madeira

Científicos galegos deseñan un sistema para prever a evolución de invasoras como a acacia

Un equipo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra traballa en dúas áreas piloto protexidas: as Fragas do Eume e a Serra do Cando