A morte dun gato en Barcelona no mes de maio espertou unha notable alerta cando a necropsia revelou que o animal, de nome Negrito, de catro anos de idade, estaba infectado co SARS-CoV-2. O gato foi levado ao Hospital Veterinario Sant Mori de Badalona, onde se lle diagnosticou unha patoloxía no corazón. Debido ao seu estado terminal, practicóuselle unha eutanasia e, ao convivir con persoas infectadas co coronavirus, fíxoselle unha proba PCR, que detectou unha carga viral baixa e residual. Varias das persoas que convivían cos animais contraeran o coronavirus, e mesmo un dos propietarios faleceu nas primeiras semanas da crise, o 18 de marzo.
A análise, realizada nas instalacións de Alto Nivel de Bioseguridade do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CReSA), do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), confirmou que Negrito sufría unha cardiomiopatía hipertrófica felina e que a súa morte non foi provocada polo novo coronavirus. Ante o interese científico do caso, polas escasas infeccións por SARS-CoV-2 en felinos en todo o mundo, os investigadores do IRTA- CReSA xunto a investigadores de IrsiCaixa, o Barcelona Supercomputing Centre (BSC) e veterinarias do Hospital Veterinario Sant Mori profundaron o estudo do caso, cuxos resultados acaban de ser publicados na revista PNAS.
Dous gatos desenvolveran anticorpos
Os científicos realizaron unha análise do sangue do gato e doutro felino que tamén vivía no mesmo fogar, chamado Whisky, que non tivo ningún signo da enfermidade. As probas, realizadas polo Instituto de Investigación da Sida IrsiCaixa –centro impulsado conxuntamente pola Fundación “la Caixa” e o departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya–, mostraron que os dous gatos desenvolveran anticorpos contra o SARS-CoV-2.
“Nos dous casos detectamos anticorpos neutralizantes, é dicir, que teñen a capacidade de unirse ao virus e bloquealo”, explica Julià Blanco, investigador de IrsiCaixa. “Isto é importante xa que nos demostra que o sistema inmunitario dos gatos pode facer fronte ao virus e, nestes casos en concreto, protexelos para que non desenvolvan síntomas”, engade.
Por outra banda, na actualidade, hai estudos experimentais que demostran que os gatos, ademais de infectarse con SARS-CoV-2, pódeno transmitir a outros gatos próximos, mesmo sen presentar signos clínicos. Con todo, as primeiras sospeitas dos investigadores eran que tanto Negrito como Whisky contraeron a infección a partir dos seus propietarios, porque non estiveran en contacto con outros gatos.
Para comprobalo, o equipo analizou a secuencia xenética do virus que tiña Negrito e viu que tiña un 99,9 % de similitude co virus do propietario que morreu. “Isto suxire que o gato se infectou directamente a partir dos membros da familia”, engade Marc Noguera-Julián, investigador de IrsiCaixa.
Os animais domésticos non transmiten o virus
Os autores do traballo apuntan que tendo en conta o número de persoas infectadas en todo o mundo e os poucos casos reportados de animais, os expertos seguen remarcando que “os animais de compañía desempeñan un papel insignificante na epidemioloxía do SARS- CoV-2”, subliña Júlia Vergara-Alert, investigadora do IRTA- CReSA.
Segundo a experta, os gatos inféctanse de maneira moi residual e non hai ningunha evidencia de transmisión do virus ás persoas. “Trátase dun caso de zoonose reversa, en que os gatos son as vítimas colaterais sen que o virus lles cause problemas de saúde”, constata.
Ata o momento, só houbo un episodio reportado nos Países Baixos no que un granxeiro infectouse a través de visóns, o que sería o primeiro caso potencial coñecido de zoonose da COVID-19.
Referencia: Detection of SARS-CoV-2 in a cat owned by a COVID-19−affected patient in Spain (Publicado en PNAS).