Venres 26 Abril 2024

Sete puntos negros para o medio ambiente en Galicia

As centrais contaminantes, o deficiente saneamento e os problemas non resoltos de antigas explotacións mineiras copan os lugares conflitivos

A riqueza natural de Galicia, a pesar da deficiente xestión na conservación da natureza, permite que aínda poidamos gozar de espazos de gran valor. Non en tanto, hai datos pouco alentadores: Galicia é a comunidade de España con menor porcentaxe de superficie protexida como Rede Natura, por exemplo. No Día Mundial do Medio Ambiente, compilamos sete exemplos que poden considerarse como puntos negros da contaminación e a mala xestión da nosa contorna.

1. Central das Pontes

Os datos da Unión Europea confirmárona en abril deste ano como a máis contaminante de España polas súas emisións de dióxido de carbono. Pola térmica saíron en 2018 7,9 millóns de toneladas de CO2 equivalente, situándose como a 17ª que máis gases de efecto invernadoiro emitiu de toda Europa.

Publicidade

2. Meirama e Sogama

No concello de Cerceda, a moi pouca distancia, sitúanse outros dous puntos que tamén xeran unha notable cantidade de contaminación. A central térmica de Meirama, cuxo peche está previsto para 2020, é a número 11 na lista de maiores emisións de CO2 en España. E o complexo de xestión de residuos de Sogama, onde se concentra o lixo procedente de gran parte de Galicia e se teñen producido algúns episodios de contaminación, completa a paisaxe neste municipio coruñés.

3. Refinería e porto exterior da Coruña

A praia de Barrañán, á esquerda da imaxe, viuse afectada polas obras do porto exterior de Langosteira. Fonte: Google Maps.
A praia de Barrañán, á esquerda da imaxe, viuse afectada polas obras do porto exterior de Langosteira. Fonte: Google Maps.

A instalación de Repsol é a terceira, despois das dúas térmicas, en canto a emisións contaminantes en Galicia. Esta factoría está estreitamente vinculada ao porto exterior da Coruña, onde xa está en marcha o pantalán para petroleiros que levarán o combustible para a refinería. Non en tanto, faltan aínda por construír os poliductos que deberán facer o camiño entre o peirao e a fábrica de Repsol, e que agora cruzan a cidade herculina. Pola súa banda, o porto exterior, cun enorme dique de abrigo, xera un notable impacto nos areais próximos, alén da controversia coa destrución do patrimonio que se produciu durante a súa construción.

4. Minas sen restaurar: Touro-O Pino, Monte Neme…

Contaminación no río Portapego, nunha foto tomada o 10 de marzo de 2018. Imaxe: Mina Touro-O Pino Non.
Contaminación no río Portapego, nunha foto tomada o 10 de marzo de 2018. Imaxe: Mina Touro-O Pino Non.

O novo proxecto mineiro para extraer cobre en Touro e O Pino expuxo de novo as eivas producidas pola anterior explotación: os desbordamentos de antigas balsas e o impacto nos cursos de auga da zona coinciden no tempo coa tramitación do novo proxecto, xerando desconfianza entre os veciños da zona. Do mesmo xeito os desbordamentos de grandes masas de auga en explotacións abandonadas, como é o caso de Monte Neme, expoñen a deficiente xestión destes puntos.

5. O lindano no Porriño

Mapa das zonas afectadas por Lindano no Porriño.

Un produto que no século XX se usou como insecticida en locións para piollos acabou sendo un grave problema medioambiental no sur de Galicia. Hoxe é considerado como carcinóxeno pola OMS. Os residuos da fábrica na que se produciou o lindano en pasadas décadas seguen contaminando a terra en varias zonas deste municipio. Non en tanto, hai menos de dous meses, a Xunta reiterou a recomendación de non consumir nin usar auga dos pozos, regatos ou fontes da zona para cociñar, aseo ou rego da horta, así como de non consumir produtos de animais criados nesas vivendas, nin produtos da horta, especialmente tubérculos.

6. Saneamento e contaminación nas rías

A ría do Burgo sofre un grave problema de contaminación.
A ría do Burgo sofre un grave problema de contaminación.

O descontrolado crecemento urbano arredor das rías e a deficiente xestión do saneamento provocaron que algunhas rías acadasen niveis de contaminación que, nalgúns casos, seguen sen paliarse. É o caso da ría do Burgo, a carón da Coruña: o nivel de sedimentos e lodos contaminantes que se acumulou é tal que fai moi complicados os labores de limpeza. Do mesmo xeito, cómpre subliñar os problemas provocados por Ence na ría de Pontevedra ou a actividade industrial e portuaria na ría de Vigo.

7. Montes queimados e erosionados

Monte dos Ancares afectado pola erosión tras os incendios de 2017. Foto: R. Pan.
Monte dos Ancares afectado pola erosión tras os incendios de 2017. Foto: R. Pan.

Os grandes incendios que afectan de xeito periódico a Galicia provocan danos a curto, medio e longo prazo. Ademais da destrución do lume, a perda de masa vexetal trae consigo un gran aumento da erosión nestes puntos, impulsada polas chuvias posteriores. Os expertos sinalan que nalgúns casos, esta erosión está a piques de converter en deserto importantes extensións de monte no país.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez