A maquinaria pesada toma a praia protexida de Barrañán polo impacto do porto exterior

Adega presenta unha denuncia por unha obra de recheo no areal de Arteixo, enmarcada na "vixilancia ambiental" do porto exterior de Langosteira

O impacto ambiental das obras do porto exterior da Coruña é ben coñecido no litoral de Arteixo. O dique de Punta Langosteira, con máis de tres quilómetros, afecta á dinámica costeira dunha gran área. Así, ao tempo que se xerou unha praia en Sabón, a propia Demarcación de Costas ten constatada a perda de area nas dunas de Barrañán, unha praia que forma parte da rede Natura 2000, da Rede Natural de Espazos Protexidos como Zona Especial de Conservación (ZEC), do LIC Costa da Morte e da Reserva da Biosfera da Unesco.

Para paliar o impacto do gran dique, a Autoridade Portuaria da Coruña, responsable da infraestrutura, realiza de xeito periódico obras enmarcadas nun “programa de vixilancia ambiental derivado da construción do porto exterior”. A última destas obras, acordada coa Demarcación de Costas de Galicia e o Concello de Arteixo, conta cun investimento de 168.000 euros e está tendo lugar nestes días. Contempla a achega de 15.000 metros cúbicos de area á praia de Barrañán procedente da dragaxe do contradique de Langosteira para frear o retroceso das dunas e preservar o conxunto da praia.

Publicidade

Fontes da Autoridade Portuaria explicaron a GCiencia que “o acceso da maquinaria á praia efectúase por un dos seus extremos, co obxectivo precisamente de minimizar o impacto da obra sobre as dunas“. Do mesmo xeito, engaden que é “unha actuación consensuada con todos os organismos que teñen competencias na materia, e é obxecto dun seguimento ambiental”.

A praia de Barrañán, á esquerda da imaxe, viuse afectada polas obras do porto exterior de Langosteira. Fonte: Google Maps.
A praia de Barrañán, á esquerda da imaxe, viuse afectada polas obras do porto exterior de Langosteira. Fonte: Google Maps.

E estes traballos provocaron a denuncia da asociación ecoloxista Adega ante o Seprona e a xefatura provincial da Consellería de Medio Ambiente debido ao uso de maquinaria pesada que, segundo a entidade, podería afectar gravemente á conservación das mencionadas dunas. “Parécenos imposible que algo así se poida autorizar, coa lei na man”, critican fontes de Adega.

Publicidade

Unha escavadora sobre a zona de dunas de Barrañán. Fonte: Ana Noya.
Unha escavadora sobre a zona de dunas de Barrañán. Fonte: Ana Noya.

A Autoridade Portuaria xustificou as obras, segundo algunhas informacións, “para corrixir un retroceso no areal que foi motivado, principalmente, polos temporais que golpearon a costa galega no inverno de 2014. Non en tanto, outras novas, que citan informes solicitados pola propia demarcación de Costas, recoñecen que a perda de area se debe tamén ao cambio de correntes provocado polo dique de Langosteira.

Así, segundo estes informes, aos que tivo acceso La Opinión de A Coruña, é patente o “a tendencia erosiva do conxunto das praias desde a construcción” do porto de Langosteira. Un retroceso que chega a valores de entre 25 e 30 metros na zona máis próxima a Combouzas. Neste sentido, si é certo que os temporais produciron un “cambio notable na forma en planta das dunas”. Porén, a “tendencia erosiva” rexistrada despois da construción do dique “potenciou” o efecto dos temporais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Galicia dos 71 sistemas dunares: cando a rexeneración artificial tamén é perigosa

A bióloga ambiental Noelia Pereira cuestiona a rexeneración artificial dos ecosistemas, sobre todo a achega periódica de area, con custos económicos millonarios

Por que se curva o lombo coa idade? Isto é o que podes facer para evitalo

A linguaxe popular fala de "chepa" e o termo médico é "cifose", que pode provocar dor e mobilidade reducida en casos graves

“O eucalipto nunca substituirá a vexetación autóctona”

Un estudo con participación galega nega que os eucaliptais sexan "desertos verdes" pero recoñece o seu impacto na biodiversidade

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares