A ciencia responde: este é o peso que os rapaces deben levar nas mochilas e carros

Científicos de Granada e Liverpool estiman que é aconsellable non superar o 10% nas mochilas e o 20% no caso de levaren carros

Investigadores da Universidade de Granada (UGR) e a Universidade John Moores de Liverpool determinaron por primeira vez cal é o peso máximo que un neno debe transportar nun carro con rodas para ir ao colexio: un máximo do 20% do seu peso corporal. Do mesmo xeito, corroboraron que no caso das mochilas, a rapazada debe evitar cargas superiores ao 10% do seu peso.

Nun artigo publicado na revista Applied Ergonomics, os científicos estableceron por primeira vez a nivel mundial unhas recomendacións do peso adecuado que deben transportar os escolares de primaria cando utilizan un carro con rodas. Ata agora, déranse recomendacións de peso para as mochilas escolares, xa que son as máis utilizadas na contorna escolar mundial, pero en España, o uso dos carros escolares elévase a máis do 40%, e ata a data, non había estudos que estableceran recomendacións de peso para o uso do carro con rodas.

Publicidade

José Mª Heredia Jiménez e Eva Orantes González, dous dos autores do estudo. Fonte: ugr.es.
José Mª Heredia Jiménez e Eva Orantes González, dous dos autores do estudo. Fonte: ugr.es.

Este traballo levouse a cabo grazas a unha colaboración entre investigadores da Universidade de Granada, do departamento de Educación Física e Deportiva e o Laboratorio de Análise do Movemento e Comportamento Humano do campus de Ceuta (HubemaLab) e os investigadores de Liverpool

Estudo do peso máximo con escolares de Primaria

Neste estudo avaliouse a 49 escolares de Educación Primaria, aos que se lles analizou a cinemática (postura do tronco e extremidade inferior) mentres camiñaban sen peso, ou cunha mochila ou un carro escolar de rodas con diferentes cargas (10, 15 e 20% do seu peso corporal). Para a análise, utilizouse un sistema de captura de movemento óptico tridimensional, similar aos utilizados en películas de animación e videoxogos.

Publicidade

Ademais, en colaboración cos investigadores da John Moore, de Liverpool, os investigadores utilizaron técnicas estatísticas que permiten analizar as curvas de cinemática completa, é dicir, punto a punto.

As principais conclusións do estudo establecen que as maiores adaptacións ao usar carro ou mochila prodúcense nas extremidades proximais (cadeira e tronco) sen haber moita diferenza na cinemática das extremidades distais (xeonllo e nocello). Con todo, o uso do carro escolar produce menos cambios na cinemática e por iso, aseméllase máis á locomoción do neno sen carga, en comparación co uso da mochila, mesmo con pouco peso transportado.

Para finalizar e como conclusión xeral, o estudo corrobora que os escolares que utilizan mochilas deben evitar, como peso máximo, cargas superiores ao 10% do seu peso corporal, e establece, como novidade que, ao utilizar o carro, débese evitar un peso superior ao 20% do peso corporal do neno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

Seis claves da miopía na infancia: “É unha epidemia”

O profesor Francisco Gómez-Ulla alerta sobre o aumento acelerado da patoloxía entre os máis novos e a necesidade de prevención e diagnóstico precoz

A mestra de Ferrol que foi precursora do libro electrónico: “Era un ben común e universal”

María Luisa Souto conta a historia da súa avoa tras un evento da Universidade da Coruña no que se conmemora o 50 aniversario do seu falecemento

Aprender en chanquetas: como evitar que o verán borre o que vimos na clase

Estratexias para previr a perda de coñecementos durante os dous meses e medio de vacacións estivais e reforzar a práctica fóra da aula