Non é un acontecemento insólito na natureza galega. Máis estraño é, como aconteceu esta vez, que haxa alguén presente para tomar esta fotografía. Unha imaxe que, canto menos, impacta por situarse no momento exacto: o intre no que unha cobra (nome que recibe en galego a culebra en castelán) captura un peixe, este loita por liberarse e, aínda con vida, comeza a ser devorado polo réptil. Pero alí estaban un grupo de rapaces, e decidiron retratar unha escena de natureza pura que se volveu viral, pero da que se descoñecían os detalles. Así aconteceu:
Segundo explican as persoas que presenciaron o asunto, un grupo de amigos estaban bañándose no río Bibei, afluente do Sil, á altura das Ermidas, no concello ourensán do Bolo, o pasado 12 de maio. E aínda que circularon diversas versións, as persoas que estaban alí achegan máis detalles e imaxes da mesma. Así, segundo contan, “estabamos bañándonos e de súpeto dende a beira un dos nosos amigos berrou ao ver que unha serpe estaba comendo o peixe”.
Foi entón cando se deu a situación circulou polas redes a fume de carozo. “Entón collemos un pao e sacámola da auga para ver que tipo de serpe era, e para ver tamén se soltaba o peixe”. Como xa apuntaban fontes coñecedoras do comportamento das serpes, e estraño que estas especies, como as cobras de auga, abandonen o solo e fiquen expostas, como aparece na imaxe, polo que era posible que algún humano a colocara nese lugar elevado.
Mais a cobra seguiu ao seu. “Non soltou o peixe, que aínda seguía vivo e estaba empezando a ser comido“, contan os que presenciaron o momento. Finalmente, “soltámola na auga outra vez e perdémola de vista”. Non en tanto, tiveron tempo para gravar tamén un vídeo.
Unha cobra inofensiva e habitual en Galicia
Segundo se pode albiscar na imaxe, trátase dunha especie inofensiva (Natrix maura), a chamada cobra de auga (pola súa apetencia por lugares húmidos), bastante frecuente en Galicia. Non é velenosa nin ataca aos humanos, aínda que ás veces pode reaccionar por temor a verse atacada, aplanando a cabeza para asemellarse a unha víbora (de aí que tamén sexa coñecida como cobra viperina). Non adoita sobrepasar os 80 centímetros, e aliméntase na súa etapa adulta de ras, sapos e peixes, mentres que os xuvenís capturan insectos, larvas de anfibios e pequenos moluscos.
Por tanto, non é un feito para alarmarse, por moito que o sesgo que producen a ficción e o alarmismo pode levar a pensar que todas as serpes son animais mortais de necesidade ou perigosos para os humanos. Algo semellante aconteceu o ano pasado en Amess, cando un exemplar da mesma especie apareceu na contorna dun río (o seu hábitat natural) e xerou unha polémica política que provocou alarma na localidade.
Do mesmo xeito, tampouco queda clara a especie de peixe da que se trata. Aínda que se fala segundo algunhas informacións dunha troita (Salmo trutta), pola súa morfoloxía hai quen apunta que se trata dun escalo (Squalus carolitertii) ou unha boga (Chondrostoma polylepis).