Esta inofensiva cobra provoca unha polémica política en Ames

A cobra viperina, tamén coñecida como cobra viperina de auga (Natrix maura) é un réptil con querencia pola auga. Vive, por tanto, en ríos e lugares húmidos e limpos, e mide arredor de medio metro. Non é velenosa, pese ao seu apelido, que define a quen critica con malicia ou demostra maldade. Porén, sen querelo, un exemplar desta especie, que se deixou ver polo paseo fluvial de Bertamiráns, no municipio de Ames, viuse envolta nunha surrealista polémica política.

O grupo municipal do PP publicaba nas súas redes sociais esta mensaxe:

Publicidade

Esta publicación viña precedida doutra mensaxe tamén publicada polo PP nas redes sociais, na que xa se advertía do suposto “perigo para os nenos e cans”, aínda que o maior dano que podería causar sería un bo susto, xa que a cobra viperina nin pica nin morde. A súa única reacción de defensa é a de aplastar a cabeza para parecer unha víbora. Desde o partido da oposición, argumentouse a queixa no marco das denuncias polo “abandono” e carencia de “tarefas de mantenemento” no paseo fluvial de Bertamiráns.

E as reaccións non se fixeron esperar. Tanto os grupos que compoñen o goberno municipal, como veciños e usuarios das redes sociais e páxinas dedicadas á divulgación da natureza responderon á inxustificada alarma da publicación do grupo popular. Desde o portal Rewilding Galicia, por exemplo, sinalouse que “os políticos deberían ser prudentes no sinalamento público que se fai de especies protexidas e non causar histeria colectiva, con publicacións por rabuñar uns votos ou alcance en redes sociais”.

Publicidade

Esta publicación, que promove a conservación da natureza, engadiu: “Que unha serpe estea a carón dunha zona habitada significa que está no seu fogar, xa que as nosas vilas e cidades non son desertos bioxeográficos”.

3 COMENTÁRIOS

  1. Pensará a serpe, qué fai tanto ser humano no meu hábitat ?… e daralle continuidade ao seu camiño até que alguén desalmado ou desinformado acabe con ela. Unha magoa

  2. Home, falando de mellorar o coñecemento poderiades correxir o voso artigo. Fala de duas velenosas cando son tres, e a foto da Natrix maura non e esa especie (como algunha mais).
    Non podemos pedir a xente que coñeza as nosas especies se os materiais divulgativos non son correctos.

    Apertas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigador galego participa na identificación de áreas clave para a conservación de artrópodos

O equipo do estudo, con presenza da USC, xerou unha base de datos con máis de 6.000 especies da Península e Baleares

Recoñecida a Serra do Xistral como unha paisaxe de referencia mundial para a conservación de turbeiras

A designación Global Flagship Landscape sitúa os humidais atlánticos do noroeste ibérico no foco e reforza o compromiso de conservación, restauración e xestión do territorio

Tratado de Alta Mar: unha nova esperanzadora para a saúde dos océanos

O ordenamento das zonas máis afastadas da costa leva discutindo desde hai dúas décadas e só recentemente asinouse un Tratado de Alta Mar

Castro de Rei é o único lugar da península onde nidifica o mazarico real, en perigo crítico

O enclave lucense concentra a totalidade da reprodución confirmada desta ave migratoria na Península Ibérica