Australia declara os coalas como animais en perigo de extinción

Os incendios, as secas e as enfermidades son as principais ameazas dos marsupiais, nunha situación especialmente vulnerable na costa leste do país

Os coalas son un símbolo nacional de Australia. Pero un símbolo cercado polas ameazas. Os incendios —sobre todo as ondas destrutivas dos últimos anos—, os longos períodos de secas e as enfermidades poñen en xaque a supervivencia desta especie. De feito, e segundo recollen no portal ScienceAlert, ao longo das últimas dúas décadas experimentouse un forte descenso da súa poboación. Por este motivo, o goberno australiano acaba de declarar os coalas en perigo de extinción en varias zonas da costa oriental do país: Nova Gales do Sur, o Territorio da Capital Australiana e Queensland.

A situación dos coalas leva décadas sendo preocupante e, de feito, hai dez anos que xa se declarara especie “vulnerable”, tamén na costa leste, onde habitan principalmente este animais. A ministra de Medio Ambiente, Sussan Ley, asegurou que dar este paso, o de incluílos na lista de animais en perigo de extinción, é unha maneira de ofrecerlles máis protección. Por outra banda, asociacións ecoloxistas están a favor da decisión, pero reclaman leis máis estritas e incentivos aos propietarios das terras, co obxectivo de que se protexan mellor os bosques onde viven os coalas.

Publicidade

https://twitter.com/WWF_Australia/status/1491880119304011813

Descenso rápido da poboación

Dende organización WWF australiana, o conservacionista Stuart Blanch apuntou: “Pasaron de estar na lista de vulnerables ao perigo de extinción nunha década. Esa é unha diminución sorprendentemente rápida”. De feito, e aínda que é complicado dar cifras concluíntes ao respecto, o Comité Científico de Especies Ameazadas de Australia estima que o número de coalas pasou de 185.000 en 2001 a 92.000 en 2021. Unha redución considerable e preocupante, á vista das últimas decisións.

Publicidade

Aínda que as ameazas que están a sufrir os coalas son moitas, os devastadores incendios dos veráns recentes mermaron considerablemente a súa poboación. Pero máis alá diso, o cambio climático está complicando a supervivencia da especie, con longos períodos de secas e aparición de enfermidades que comprometen a estes marsupiais. Os ataques doutros animais e as limpezas das terras complican aínda máis o escenario. O mesmo que obrigou a dar a voz de alarma a decretar a especie en perigo de extinción en Australia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

O rastro da esquiva quenlla branca no noroeste peninsular: menos de 30 avistamentos en cinco séculos

Unha investigación con participación galega segue os rexistros do animal nas augas do Atlántico nororiental

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A ciencia redefine o coello de monte: Galicia alberga unha especie diferente e máis ameazada

O estudo conclúe que existe unha separación evolutiva con realidades ecolóxicas e necesidades de conservación distintas entre os exemplares ibéricos e europeos