As augas residuais dos cinco municipios que analiza o proxecto CovidBens —A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros— por fin mostran un “claro descenso” da carga viral. Entre os días 1 e 4 de febreiro, a variante de ómicron procedente de Sudáfrica e Botsuana tiña unha presenza do 88%, polo que seguía a ser a predominante. “Espérase que a carga viral continúe á baixa, mentres que na tendencia das variantes haxa maior variabilidade”, sinala Susana Ladra, profesora da Universidade da Coruña na área de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e encargada de analizar os datos de secuenciación a partir dos xenomas fragmentados das augas que chegan á depuradora de EdarBens para poder estudar as mutacións.
Aumento da subvariante BA.2
A subvariante BA.2 coñecida como “ómicron silenciosa” rexistrouse por primeira vez polo equipo de CovidBens nas mostras recollidas entreo 17 e o 21 de xaneiro. No último informe, a presenza desta subvariante xa alcanzaba o 6%. Segundo Ladra, “é unha cantidade significativa e que vai crecendo respecto á semana anterior, aínda que en principio este incremento non implicará un efecto moi importante na carga viral”. Doutra banda, a variante delta procedente da India aumentaba lixeiramente respecto a análises anteriores, e aparecía nun 9%.
O feito de que haxa menos carga viral supón que a proporción das variantes teña unha maior variabilidade, xa que implica que hai menos xenomas fragmentados procedentes de pacientes, e por tanto, unhas medicións cun maior rango de variabilidade. Así o explica Ladra, que engade ademais que na súa opinión: “Polo momento tivo máis efecto a volta ás aulas despois do Nadal que a presenza da subvariante BA.2 na comunidade galega”.
A este respecto, a coordinadora de CovidBens, Margarita Poza, non acaba de ver o nome de “ómicron silenciosa” como axeitado, xa que pode xerar confusión e alerta na poboación. “A subvariante BA.2 non deixa de ser unha subvariante de ómicron, un pouco distinta, pero que en principio non ten por que implicar nada máis”, sinala. E engade que aínda que é difícil facer predicións nesta pandemia, na que hai moita incerteza, “si que podemos guiarnos polo que está a pasar noutros países coa subvariante BA.2 para ter unha idea de como será a súa evolución”, conclúe.