Vigo acolle o primeiro título propio de España en Tradución de videoxogos

José Yuste, Óscar Ferreiro e Ramón Méndez, impulsores do título de Tradución de Videoxogos. Foto: Duvi.
José Yuste, Óscar Ferreiro e Ramón Méndez, impulsores do título de Tradución de Videoxogos. Foto: Duvi.

A industria do videoxogo é un nicho de emprego para os estudantes de Tradución e, dende hai varios anos, das aulas da Universidade de Vigo están saíndo destacados profesionais neste eido. Pero as empresas demandan unha formación máis ampla e profunda neste campo e, neste contexto, nace o primeiro título propio de especialización en Tradución para a industria do videoxogo que pon en marcha unha universidade pública en España.

Será un título de 200 horas, no que se poden inscribir todas as persoas que superasen o 3º curso de calquera grao

As clases comezan o vindeiro 11 de outubro pero este xoves tivo lugar a presentación en sociedade desta nova titulación da Universidade, que xurde dende o grupo de investigación de Tradución e Paratradución e do mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional. Os profesores Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e José Yuste son os principais impulsores dun título de 200 horas de docencia que ofrece 25 prazas, “preto do 80% delas xa cubertas”, como adiantaba o Yuste. Trátase dunha formación complementaria na que se poden matricular todas aquelas persoas que teñan superado 3º curso de grao, non necesariamente de Tradución e Interpretación, como remarcaban os seus organizadores, xa que “está aberto a calquera perfil”. De feito, Ramón Méndez explicaba que moitas das persoas matriculadas son “profesionais do sector interesados en ampliar competencias”, así como estudantes e titulados.

Demanda de expertos en tradución

Na súa presentación, Ramón Méndez lembraba que con este título trátase de dar resposta a unha demanda das empresas, “hai anos que detectamos a necesidade dunha titulación que permita á industria do videoxogo contar con profesionais preparados para esta especialidade”. Como explicaba José Yuste, a idea é que Universidade de Vigo oferte un título “que conte realmente cos profesionais do sector, para o que colaboran con nós 25 empresas, algunhas internacionais”. Segundo engade Méndez, “isto vainos permitir ter unha formación próxima ao mundo profesional, imos traballar con textos reais, con vídeos reais e todo vai ser achegado por estas compañías”.

Acto de presentación do título propio de Tradución de Videoxogos. Foto: Duvi.
Acto de presentación do título propio de Tradución de Videoxogos. Foto: Duvi.

Neste aspecto incidían tamén Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade, e Susana Rodríguez, directora da Área de Captación de Alumnado. O primeiro destacou que “é un orgullo ver como xorden novas titulacións, como este título propio, que é un exemplo non só de novas achegas didácticas senón tamén de transferencia entre a Universidade e a empresa”. Rodríguez remarcaba que o curso “mira á sociedade, pero mira de verdade”, facendo fincapé en que a tradución dos videoxogos é un campo de traballo que interesa moito ao alumnado da facultade, “ten demanda e isto vai permitir que exista moita transferencia e un ponte para o mercado laboral”.

No acto estiveron tamén presentes Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística, representantes do profesorado do título e das empresas colaboradoras, como é o caso de Belén Moreno, de Corvus Bello, que lembrou que é un eido que demanda traballadores e traballadoras, “a industria precisa perfís especializados e un título coma este é un selo calidade, un plus no currículo”.

Tradución, intepretación, dobraxe, subtitulación

O obxectivo fundamental desta nova titulación é axudar a profesionalizar un sector estratéxico como a industria do videoxogo. Por isto, as persoas matriculadas recibirán formación para realizar adecuadamente o labor localizador na industria do videoxogo; desempeñar correctamente os labores de revisión e control de calidade dos xogos; levar a cabo de forma profesional os labores de interpretación especializada nos eventos internacionais relacionados con esta industria, como feiras ou convencións e facer fronte aos desafíos lingüísticos e culturais que aparecen na comunicación internacional das empresas de videoxogos. Os contidos e a docencia centraranse na tradución dos videoxogos, pero tamén se impartirán bloques temáticos sobre tradución de xogos de mesa ou xogos de rol, así como sobre interpretación, tradución para a prensa especializada, subtitulación, dobraxe ou elementos paratextuais como textos publicitarios ou guías de estratexia ou revisión de textos.

Os contidos tamén abordarán a tradución de xogos de mesa e xogos de rol

As clases estenderanse de outubro a maio cun horario pensado para poder ser compatible con xente que traballa ou que está a estudar. O inglés será o idioma vehicular, “pero son verá vinculante, tamén se traduce do francés, do italiano ou o xaponés, etc.” remarcaba Méndez. Entre o profesorado haberá destacados tradutores, intérpretes, actores de dobraxe ou guionistas como Marc Berbabé, “o tradutor de manga máis importante de España e intérprete de xaponés”; Diana Díaz Montón, “unha das mestras deste eido, traballou en infinidade de xogos” ou Alessandra Vita, “unha das intérpretes máis importantes de Europa, que ademais de traballar en empresas como Intel ou IBM, tamén foi intérprete persoal de autoridades políticas internacionais”.

Paralelamente ás 200 horas de docencia, celebraranse charlas con profesionais de recoñecido prestixio. “A idea é que sexan actividades abertas a calquera persoa interesadas, xa que nesta industria colaboran estreitamente tradutores, deseñadores, programadores, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.