Recentemente deuse a coñecer o falecemento dun veciño de Bergondo tras inxerir Oenanthe crocata —coñecida como nabo do diaño, aínda que o seu nome correcto en galego sexa pé de boi—, unha planta da familia que contén unha neurotoxina denominada enantotoxina e que afecta aos mamíferos provocando vómitos, convulsións e inclusive paros respiratorios.
O descoñecemento da botánica e os posibles parecidos que algunhas plantas poidan ter con outras son o cóctel perfecto para provocar este tipo de incidentes. E se no outono os perigos veñen da man das setas, co comezo da primavera as plantas son as que máis precoupan.
Xosé Ramón García, experto botánico e socio da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), recorda que o ano pasado, tamén a comezos de maio, houbo un caso dun pelegrino que estaba facendo o camiño de Santiago que se intoxicou con Conium maculatum. “Puideron salvalo, pero é que practicamente todos os anos por esta época aparece algún suceso similar”, alerta.
Conium maculatum
“Da que sempre se fala é da Cicuta virosa, pero non existe en Galicia. A que aparece con frecuencia e que ademais é moi perigosa é a Conium maculatum”. Se a parte tóxica do pé de boi son as raíces, neste caso o perigo está nas follas e, especialmente, as sementes. “O problema que hai con esta especie é que cando o gando pasta é habitual que as coma“, explica García.

Coñecida como pirixel das bruxas ou dos sapos é unha planta da familia das apiáceas, á que tamén pertencen outras como a cenoria, o pirixel, o apio ou o fiúncho. O seu perigo vén dado pola coniína, unha neurotoxina que contén esta planta e que afecta tanto aos humanos como ao gando, inhibindo o funcionamento do seu sistema nervioso central.
A Cicuta virosa, aínda que non debe preocupar nesta zona da península, é outra especie que causa envelenamentos moi comúns, dado que é doada de confundir co apio e ten un cheiro similar ao pirixel. Ademais, pode chegar a contaminar as augas das fontes arredor das que medra.
Anthriscus
Outras dúas especies que pertencen á familia das apiáceas e que agochan un perigo son o Anthriscus sylvestris e o Anthriscus caucalis, en palabras do experto botánico, este segundo “é o máis habitual”.
Neste caso, o problema non radica tanto na súa toxicidade, senón na facilidade de confusión con outras especies mortais desta mesma familia, como a propia cicuta.
Evitando os riscos
Se ben existen numerosas plantas tóxicas, as que máis riscos supoñen para o ser humano son aquelas que poden ser confundidas con outras que non o son, facendo máis probable a súa inxesta.
Neste sentido, o experto botánico apunta á sabedoría popular: “Os nomes que se lles dan a estas plantas no rural dannos pistas: pé de boi, pirixel das bruxas… Mesmo ao Conium maculatum chámaselle cicuta, erroneamente, pero é un aviso. Tamén se di que as plantas como o pirixel que son vermellas pola parte de abaixo non se deben comer. O paisano tradicional tiña esta información e estaba debidamente vacinado contra estas historias“.
Na sociedade actual e, especialmente para aquelas persoas que habitan na cidade e en contornas urbanas, García só ten unha solución: “Nn pecar de exceso de valentía e saber un pouco de botánica. Non fai falta ser un experto e non é tan complicado”.