Martes 16 Abril 2024

O “nabo do diaño”, un suplantador de identidades

Un home morreu en Bergondo a causa dunha intoxicación alimentaria pola inxestión de tubérculos da planta, denominada en galego "pé de boi"

Contan estes días os medios galegos que o pasado mes de decembro un veciño de Bergondo morreu por causas daquela descoñecidas. As primeiras observacións invitaban a pensar nun infarto, pero investigacións máis detalladas descubriron hai poucos días que se tratou dunha intoxicación alimentaria.

E cal foi a causa da morte? Segundo estes mesmos medios, a inxestión de tubérculos de “nabo do diaño”, unha planta da familia das Umbelliferae.

Publicidade

Pero se queremos identificar esta planta para prevernos de consumila, descubrimos con sorpresa que é case imposible, pois non hai “nabos do diaño” en ningunha das guías ou dicionarios botánicos que podemos consultar en galego. Algo ben raro, non? Por que prensa e televisión en galego utilizarían un nome que os propios galegos non usamos nin coñecemos? Andará o castelán polo medio?

Pois abofé que anda! “Nabos do diaño” non atopamos, pero nabos del diablo en fontes en castelán, os que se queiran.

E agora de repente… enténdese de onde xorden eses “nabos do diaño” imposibles de documentar. Os medios que os citaban elaboraron as súas informacións probablemente partindo dun documento policial ou xudicial en castelán, e limitáronse a traducir o nome da especie vexetal sen preguntarse se en galego podería ter un nome diferente. Porque… “se en castelán se chama nabo del diablo, como se ha chamar en galego máis ca nabo do diaño?”

Pois velaí a pregunta: como se chama en galego? Pois tendo o nome castelán que nos permite identificar a especia (Oenanthe crocata) a cousa é ben doada e non leva máis dun minuto de traballo: só hai que buscar en fontes galegas usando ese dato para atopar o nome que debera aparecer nos medios: pé de boi. Unha forma que atopamos en dicionariosobras en castelánpáxinas web… e que ata bautiza grupos musicais.


Así que non permitamos que o nabo del diablo se disfrace de galego para intentar suplantar a identidade do noso pé de boi.

E pidámoslles a eses medios de comunicación un pouco máis de interese e profesionalidade: elaborar textos en galego é moito máis ca traducir literalmente as versións en castelán; algo que cada vez se ve con máis frecuencia debido ao emprego masivo das ferramentas de tradución automática sen revisión posterior. Se ninguén pensaría en usar en castelán meaperro para referirse ao Taraxacum officinale, usando como argumento que en galego o seu nome é mexacán, tampouco é xustificable facer a mesma reflexión en sentido contrario.

1 comentario

  1. Bon dia:
    Parabéns polo artigo. Esperemos q a reflexion de fundo tamén a apliquen en GCiencia, pois cada vez máis o tradutor automático causa verdadeiros estragos.
    Saúde!
    Alexandre, Mugardos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario