Isto é o que Spotify e Tinder non nos contan

Un equipo de investigación de Nova Zelandia trata de analizar o algoritmo das dúas aplicacións a través dos seus documentos legais

Un estudo analiza a documentación legal de Spotify e Tinder e asegura que é, en moitos casos, ambigua. Foto: Unsplash
Un estudo analiza a documentación legal de Spotify e Tinder e asegura que é, en moitos casos, ambigua. Foto: Unsplash

En que se basean as aplicacións que empregamos para recomendarnos a música que nos gusta ou as persoas que nos resultan máis atractivas? Todo se basea en algoritmos. Non obstante, o seu funcionamento non é demasiado coñecido. Co obxectivo de revelar as súas claves, un equipo de investigadores da Universidad de Auckland, en Nova Zelandia, analizaron os documentos legais —termos de uso e políticas de privacidade— de dúas das aplicacións máis empregadas no mundo: Spotify e Tinder. A investigación acaba de ser publicada en Journal of the Royal Society of New Zealand

“A pesar da súa poderosa influencia, hai poucos detalles sobre o funcionamento dos seus algoritmos”, di Fabio Morreale, un dos autores. Máis en concreto, analizaron Tinder e Spotify porque as dúas plataformas se basean en algoritmos de recomendación: a primeira, para relacionar persoas; a segunda, para escoitar cancións específicas. “Os seus algoritmos pasáronse bastante por alto, sobre todo en comparación coas empresas tecnolóxicas máis grandes como Facebook, Google ou Tik Tok, que se enfrontaron a un maior escrutinio”, continúa apuntando. “A xente pode pensar que son máis benignos, pero seguen sendo moi influentes”, engade.

Documentación legal

Os investigadores analizaron os documentos legais das dúas aplicacións durante a última década. E malia que as empresas están cada vez máis obrigadas a informar os usuarios de que tipo de datos recompilan, ás veces a forma na que está redactada a documentación non é fácil de entender. “Tenden ao legalista e vago, o que inhibe a capacidade para examinar adecuadamente os algoritmos das empresas e a súa relación cos usuarios. Fai que sexa difícil para os investigadores e, sen dúbida, para o usuario medio”, di Morreale.

“Os seus documentos legais son difíciles de entender para o usuario medio”

Algúns dos resultados achados é que as políticas de privacidade de Spotify, por exemplo, mostran que a empresa recompila moita máis información persoal que nos seus primeiros anos, incluídos novos tipos de datos. “Na versión de 2012 da súa Política de privacidade, as prácticas de datos de Spotify só incluían información básica: as cancións que reproduce un usuario, as listas de reprodución que crea e información persoal básica, como a dirección de correo electrónico, o contrasinal, a idade, o sexo e a localización do usuario”, apunta Morreale. Despois de varios cambios da Política de privacidade, a política actual, de 2021, permite que a empresa recompile fotos, datos de localización, datos de voz, datos de son de fondo e outra información persoal.

Acordos con terceiros

Amais diso, os Termos de uso actuais de Spotify tamén establecen que “o contido que ve, incluída a súa selección e localización, pode verse influído por consideracións comerciais, incluídos os acordos con terceiros”. Polo tanto, e segundo explica Morreale, isto proporciona un amplo espazo para que a empresa resalte legalmente un contido a un usuario específico, pero que estea sobre a base dun acordo comercial previo. “Spotify promete que a lista de reprodución está deseñada só para ti, en función da música que xa che gusta, pero os Termos de uso de Spotify detallan como un algoritmo podería verse influído por factores extrínsecos ao usuario, como acordos comerciais con artistas e selos discográficos”, continúa Morreale.

Os Termos de uso de Spotify detallan que o algoritmo se pode ver influído por factores extrínsecos ao usuario

De igual modo que acontece con Spotify, Tinder, a aplicación de citas, funciona a través dun “gran algoritmo”. “Tinder declarou anteriormente que emparellou ás persoas en función das puntuacións de desexabilidade calculadas por un algoritmo. Non creo que os usuarios entendan completamente ou saiban como funciona o algoritmo de Tinder, e Tinder fai todo o posible por non dicírnolo”, explica Matt Bartlett, outro dos investigadores.

Máis transparencia

“Iso non quere dicir que isto sexa algo malo, o problema é que non son transparentes en relación a como de consegue o match. Na miña opinión, os Termos de uso deberían especificar iso”, continúa apuntando. Aínda que os investigadores non puideron identificar completamente como funcionan os algoritmos das plataformas, a súa investigación destacou ese mesmo problema: que as empresas non son transparentes sobre a recompilación dos nosos datos ou como os utilizan.

“Con estas poderosas plataformas dixitais que posúen unha influencia considerable na sociedade contemporánea, os seus usuarios e a sociedade en xeral merecen máis claridade sobre como funcionan os algoritmos de recomendación”, puntualiza Morreale. “É unha tolemia que non poidamos sabelo. Creo que no futuro miraremos cara a atrás e veremos isto como o Salvaxe Oeste da gran tecnoloxía”, conclúe.


Referencia: Analysing Privacy Policies and Terms of Use to understand algorithmic recommendations: the case studies of Tinder and Spotify (Publicado en Journal of the Royal Society of New Zealand)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.