Mércores 24 Abril 2024

“Coa hepatite aguda infantil estamos máis atados de mans porque ignoramos a súa orixe”

A hepatóloga santiaguesa Sabela Lens analiza as investigacións para determinar a causa da doenza en nenos, que suma cinco casos en Galicia

Sabela Lens García é unha hepatóloga especializada na hepatite viral e a resposta inmune. Aínda que é orixinaria de Santiago de Compostela, leva dende 2007 vivindo e traballando en Barcelona, actualmente no Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (Ciberehd). Polo momento, non ten as respostas para esclarecer a causa da hepatite aguda infantil que continúa sumando casos en diferentes países, cinco deles en Galicia, pero si coñece a evolución das investigacións que se están realizando nestes momentos e pode achegar algunhas pinceladas.

—Canto máis tempo pasa e máis casos aparecen, máis alarma social hai. Existen motivos para isto?

Publicidade

—Non. Non debe xerarse unha alarma social, porque aínda que exista esta alerta a nivel da comunidade médica o número de casos reportados é baixo. Simplemente hai unha alerta sanitaria para determinar que é o que está a ocorrer, pero non ten a incidencia que tivo a infección por covid no seu momento. É unha incidencia baixa.

—Neste sentido, en que medida aumentaron os esforzos investigadores para determinar a causa desta hepatite aguda infantil?

—O primeiro que se fixo foi concienciar a sanitarios e investigadores para estar máis alerta ante este tipo de casos. Así, no momento no que exista un caso compatible cos criterios que se estableceron para esta hepatite aguda de causa non aclarada, pódese rexistrar. O ministerio xa dispuxo unha folla na que se poida recoller toda a información de forma detallada de cada un dos casos. Ademais, nos hospitais que atenden a poboación pediátrica tamén se está facendo unha revisión dos casos compatibles que puidera haber nos últimos meses, dende finais de 2021, para ver se realmente tamén existe e se detecta un aumento da incidencia aquí a nivel nacional.

“A forma de presentación é a típica hepatite aguda, con síntomas gastrointestinais e presenza de ictericia”

—Entón existe algún patrón común entre os pacientes pediátricos?

—De momento non, non está clara a etioloxía. A forma de presentación é a típica hepatite aguda, que na poboación infantil preséntase con síntomas gastrointestinais e é moi característica tamén a presenza de ictericia, esta cor amarela nos ollos e na pel, e a nivel analítico reflíctese un aumento das transaminasas, que sinalan a inflamación do fígado. Todos eles teñen en común que se descartan as causas habituais de hepatite en nenos, como son os virus que causan hepatite A, B, C ou E tanto na poboación infantil como en adultos, outros virus respiratorios que en nenos con frecuencia tamén provocan alteracións nas transaminasas ou tóxicos e medicamentos que poden facelo. Entón, estase recollendo de forma moi detallada a información de cada un destes casos, mostras de sangue e feces para determinar se é un axente infeccioso e illalo.

—Precisamente, unha posibilidade é o adenovirus, non?

—Este é un virus respiratorio que con moita frecuencia afecta a nenos. Existe a dúbida  porque en Reino Unido unha porcentaxe elevada de casos daban positivo para este virus, aínda que non é habitual que este virus estea ligado a unha hepatite aguda tan grave. Por iso, a nivel internacional, non só no Reino Unido, estase estudando se pode existir unha nova cepa de adenovirus ou algún factor que faga que este virus produza hepatites máis graves. Non obstante, non é algo que se detectara en todos os casos reportados ata o momento e polo tanto as hipóteses seguen abertas.

“Estase estudando se existe unha nova cepa de adenovirus que produza hepatites máis graves”

—Entendo que tamén chama a atención que saltara esta alerta en varios países á vez.

—Claro. Cada ano adoita haber algún caso de hepatite aguda, tanto en nenos como en adultos, nos que a causa non é clara. Na medicina hai que descartar as causas principais e ás veces non se acaba por atopar o motivo ou a etioloxía da hepatite aguda. A alerta que hai agora é o porque as hepatites deste tipo, de causa non aclarada, é maior ao habitual. Foi en Reino Unido no primeiro sitio onde o detectaron e o resto de países, incluído España, agora están revisando con moito coidado todos os casos nos últimos anos e moi pendentes dos casos que poidan xurdir agora para ver se tamén temos esta mesma tendencia. Cando xorde unha enfermidade na que a causa non está clara, ás veces a única maneira de atopar esa causa é unindo esforzos a nivel de varios países e diversos centros hospitalarios para poñer en común todas as características epidemiolóxicas e clínicas e todos os resultados de laboratorio e dos estudos, para coñecer mellor a enfermidade e tamén para poder actuar en consecuencia para previla.

—Algúns casos requiriron un transplante de fígado. Isto quere dicir que os síntomas son máis graves?

—O que chama a atención é que, ademais do número de casos onde as causas principais foron descartadas, son hepatites graves e algúns deles, non moitos, requiriron transplante hepático, o cal non deixa de reflictir a gravidade do cadro. Pero non todos eles nin moito menos. A indicación de transplante hepático realízase cando se produce unha insuficiencia hepática ou cando a inflamación é tan grave no fígado que o corpo non é capaz de funcionar con esa inflamación tan severa. Como non hai unha causa clara, non se pode iniciar un tratamento específico para resolver esa hepatite aguda. Os únicos tratamentos que se poden achegar son para mellorar esa inflamación do fígado, pero de maneira inespecífica, polo que cando a situación se agrava e hai un perigo para a vida do paciente o transplante é o único método curativo.

“Cada ano hai casos de hepatite de causa descoñecida. A alerta actual é porque aumentou a incidencia”

—Se non hai unha causa clara e algúns pacientes presentan adenovirus e outros non, os tratamentos serán moi diferentes. 

—Exacto. Cando hai unha hepatite aguda se a etioloxía ten tratamento, como por exemplo a hepatite B ou a C para as que temos antivirais para diminuír a replicación deses virus, esa sería a principal actuación. Cando non sabemos a causa, non podemos aplicar un tratamento etiolóxico, é dicir, dirixido á causa que está producindo esa hepatite, non queda máis que intentar mellorar toda a inflamación que se produce no contexto do fígado, pero estamos máis atados de mans.

—Hai países que xa están comezando a revisar casos non só de hai meses, senón tamén de hai algúns anos. Ten sentido?

—Se realmente queremos avaliar cal é o aumento da incidencia desta enfermidade é bo ter datos sobre a epidemioloxía dos últimos anos. Como comentaba antes, cada ano adoita haber algún caso de hepatite aguda na que non logramos identificar a causa, entón para saber como aumentou esta incidencia a única forma é sabendo cantos casos estabamos tendo nos últimos anos.

—Hai experiencias previas de repuntes de casos de hepatite?

—Si, ondas e brotes de hepatite imos tendo por exemplo coa hepatite A. Aínda que existe unha vacina non está incluída no calendario vacinal en todas as comunidades autónomas e de vez en cando vemos brotes. Estes brotes adoitan ocorrer cando a causa da hepatite é un axente infeccioso, se non é máis raro a non ser que exista unha exposición conxunta a un tóxico, pero non parece que este sexa o caso. Cando os brotes son por unha causa coñecida e sabemos que se dan de forma recorrente non xeran esta alarma porque existe un tratamento e unha vía de actuación.

“Os primeiros datos mostran que non hai ningunha asociación nin coa vacina nin coa propia covid”

—No contexto da pandemia e as vacinas contra a covid non falta quen lle bota a culpa a estas. 

—Os primeiros datos mostran que a maioría destes nenos non foran vacinados aínda e que non hai ningunha asociación nin coa vacina nin tampouco coa propia covid. Unha vez que se puxeron en común todos os datos a nivel internacional isto non parece que sexa a causa, pero obviamente, igual que inicialmente hai que descartar os virus que habitualmente causan hepatite, tanto a covid como as vacinas entran na ecuación de cousas a descartar en calquera proceso similar. E realmente isto son datos que se recollen de todos os casos sospeitosos ou confirmados para poder descartar a relación.

—Entre a variedade de hipóteses que se barallan, hai algunha que explique por que se está dando en nenos?

—O sistema inmune vai madurando ao longo da nosa vida e sobre todo na primeira época da vida. Isto pode ser un factor, especialmente se a etioloxía ao final é un axente infeccioso.

—E xa tendo en conta aos pais e nais, que loxicamente están preocupados, como se pode manexar isto?

—Eu creo que o que hai que facer é vida normal. É bo coñecer que existe esta alerta, simplemente porque é bo que as familias saiban cales son os signos ou os síntomas que nos poden facer pensar que existe unha hepatite aguda. Non obstante, sen crear ningún tipo de alarma porque como digo a incidencia é baixa e agora mesmo non hai motivo para xerar a alarma a nivel da vida cotiá. É clave dar esta mensaxe de que hai unha alerta, pero é a nivel da comunidade médica e de reportar casos sospeitosos para poder facer unha análise dos datos. Non estamos vivindo para nada un caso como foi a covid onde a transmisión era tan alta e que afectou tanto a nivel social. Non estamos nese punto nin moito menos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Isto é o que lle ocorre ao teu fígado cando deixa o alcol

Este órgano ten asombrosos poderes autocurativos pero ten límites, así que máis vale non abusar del bebendo en exceso

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios