“A nova hepatite pode ser unha sinerxía entre a covid e outros virus, pero é cedo para sabelo”

O xefe de servizo de Pediatría no Hospital de Santiago, Federico Martinón-Torres, explica as posibles causas da doenza que xa afecta a 169 nenos no mundo

Federico Martinón.
O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital de Santiago, Federico Martinón-Torres. Foto: USC/Santi Alvite

Prudencia. Esa é a palabra á que máis apela o xefe de servizo de Pediatría no Hospital de Santiago, Federico Martinón-Torres, nas súas referencias á hepatite aguda de orixe descoñecida que xa afecta a case 170 nenos en diferentes partes do mundo, estando a meirande parte dos casos no Reino Unido. España, con 13, é o segundo país con máis afectados, aínda que se sitúa lonxe do primeiro. Ata o de agora, Galicia só rexistrou dous doentes que evolucionaron favorablemente. Unha boa noticia, dado que algúns dos pacientes precisaron dun transplante de fígado. Iso si, aínda se descoñece cal pode ser a causa desta enfermidade. Non obstante, Martinón-Torres apela á calma e recorda que os datos, de momento, non son preocupantes. E que a alerta sanitaria é máis para os profesionais, tanto médicos como investigadores, que para a poboación xeral.

—A OMS xa confirma 169 casos de hepatite aguda de orixe descoñecida, 13 deles en España. Como de preocupante é esta rápida escalada de casos?

—De momento non son números preocupantes. A meirande parte dos casos notificados proceden só do Reino Unido e no resto dos países os números poderían estar dentro dos casos esperables pola incidencia deste tipo de hepatite na poboación pediátrica. Tamén hai que saber que nesas contas non só se inclúen os casos prospectivos senón os que se están a buscar de xeito retrospectivo dende principios de ano. E que, ademais, non teñen que ser necesariamente debidos todos ás mesmas causas. Polo tanto, 13 casos en España dende xaneiro de hepatite aguda en nenos e da que non se puidese atopar a causa, podería ser un número dentro do normal, aínda que iso o teñen que determinar as autoridades. É dicir, podería entrar dentro do razoable.

—Un dos pacientes morreu e outros 17 doentes precisaron dun transplante de fígado. Cos datos e o número de casos actuais pódese facer xa unha estimación da gravidade da enfermidade?

—Non, aínda é moi cedo para facer estimacións. Independentemente de cal sexa a causa desta hepatite, non é tan estraño que falecera un rapaz dos 17 que precisaron dun transplante de fígado. Aínda que o transplante de fígado funcione moi ben e teñamos uns profesionais estupendos e uns equipos de transplante únicos é un procedemento de alto risco que ten a súa mortalidade, e que tamén depende da idade do paciente. Canto máis pequeno, máis taxa de complicacións. Polo tanto, que falecera un dos 17 doentes entra dentro da taxa de letalidade normal do transplante de fígado no primeiro ano. Non é un dato que me diga nada específico da mortalidade desta entidade. Só polo feito de ter precisado transplante de fígado, que algún deles puidera falecer, entra dentro desas taxas, aínda que varían moito segundo as estatísticas, segundo sexas un lactante ou un rapaz maior. No caso dos lactantes a taxa de mortalidade nun transplante hepático pode ser arredor dun 15%, por exemplo. Hai que ter en conta isto, e son rapaces moi novos os que precisaron dun transplante a causa desta hepatite aguda de orixe descoñecida.

“Non é extraño que falecera un rapaz dos 17 que precisaron dun transplante de fígado. É un procedemento de alto risco”

—Cal é a hipótese sobre a causa desta enfermidade que, actualmente, ten máis forza? Apúntase a un posible axente infeccioso.

—En realidade non o sabemos. Estanse a barallar as hipóteses que máis forza teñen. As hepatites pódense producir por enfermidades conxénitas, por enfermidades autoinmunes, por causas infecciosas, que é a máis habitual, ou por tóxicos. O feito de que apareceran estes casos en diferentes lugares fai máis razoable pensar nunha hipótese de tipo infeccioso que nunha hipótese de tipo tóxico, pero aínda é cedo para descartar calquera posibilidade. Neste momento poderiamos ter tres posibles hipóteses fundamentalmente. Unha hipótese na que simplemente esteamos a ver de forma conxunta todos os casos de hepatite descoñecida que se tiñan que producir durante todos os anos da pandemia pero que non se produciron polas medidas de illamento dos rapaces e de protección doutros medios contra a covid e que tamén os protexeron doutras enfermidades. Non é raro que non cheguemos a atopar a causa exacta das enfermidades dos nosos doentes, especificamente da hepatite. Que non chegues á causa exacta e que a hepatite se catalogue como de orixe descoñecida é unha posibilidade real que xa acontecía antes.

A diferenza aquí é que de repente se produciran moitos casos de hepatite descoñecida agrupados no tempo e no espazo, nun período curto de tempo e nunha determinada área xeográfica. Isto é unha hipótese real. Outra das hipóteses é que de repente todos os casos que tiveran que producirse nos anos previos, agora que se normalizaron as medidas contra a covid, acontezan todos xuntos. Que eses rapaces estiveran previamente expostos, máis vulnerables a outras infeccións. Outra posibilidade é que se producira a colaboración sinérxica entre virus, como o da covid, que se atopou nalgúns rapaces, con outros virus estacionais, como o adenovirus, que normalmente non teñen moita importancia e producen cadros banais. Pero pode ser que tiveran unha colaboración sinérxica e, así, poder explicar estes casos. Aínda que, de novo, é simplemente unha hipótese.

“Unha posibilidade é que se produza unha colaboración sinérxica entre virus, como o da covid e o adenovirus”

E a terceira hipótese é que os adenovirus que se están a illar na metade dos rapaces realmente fosen unha variante xenética deses adenovirus con algún mecanismo novo non identificado que podería estar facendo máis dano. Pero insisto, son hipóteses e polo tanto hai que esperar a que os estudos nos digan que é. Iso é o que vai determinar se se pode facer algo distinto e que medidas podemos tomar para evitalo.

—De feito, algúns expertos apostan polo adenovirus como a causa máis probable. É así?

—Efectivamente illouse o adenovirus F41 nalgúns destes rapaces pero insisto, non é un xerme que habitualmente produza este tipo de patoloxías en suxeitos inmunodeprimidos, que non é o caso. Todos os casos notificados aconteceron en rapaces sans sen condicións de risco, ademais. Entón non parece que esa sexa por si soa a explicación. Ten que ser unha combinación dalgunha das hipóteses que comentabamos antes.

—Hai algunha posibilidade de que estea causada por un virus descoñecido ou aínda non identificado?

—Iso é bastante improbable. Sempre existe esa posibilidade e por iso se fan estudos e se están a recoller mostras. Para iso é a alerta sanitaria. De feito, isto tan só é unha alerta que pretende activar os sistemas sanitarios, os diferentes niveis asistenciais e aos investigadores, pero non tanto á poboación xeral. O que pasa é que agora transcende todo e xeramos a veces inquedanzas sen necesidade. Tamén hai outra hipótese que ten que ver con esas posibles hepatites de causa descoñecida que xa existían de antes. Poden ser por outros xermes menos habituais e que ata o de agora non se relacionaron causalmente con esta hepatite de orixe descoñecida. Pero insisto, estamos nun terreo puramente especulativo. Non creo que sexa preciso falar tentativamente sen ter máis datos.

Como actuar ante a nova hepatite de orixe descoñecida

—Polo tanto, unha das máis plausibles é que os rapaces agora están máis expostos, despois do levantamento das restricións covid. 

—É unha realidade, estámolo a ver con outras infeccións. O feito de que os rapaces non estean expostos a certos virus faría que non teñamos unha soa cohorte de rapaces aos que lle toca ese ano ter unhas determinadas infeccións senón que se acumula esa cohorte. O deste ano co do anterior e co do anterior. Polo tanto, acumulas moitas xeracións de rapaces que non estiveron expostos a certos xermes habituais. Entón, esa é unha posible explicación ou un factor que pode axudar a entender esta cúmulo de casos. Aínda así, creo que por si só é difícil. Sobre todo polo alto número de casos no caso do Reino Unido. Pero é unha posibilidade.

—Pode ter algunha relación coa covid? Por exemplo, unha secuela de ter pasado a enfermidade.

—Non o sabemos. Vimos que as súas distintas variantes están a producir cadros que non coñeciamos. No caso dos rapaces está a síndrome multiinflamatoria sistémica poscovid que é unha nova entidade. Podería ser que coas novas variantes houbese algún outro tipo do que chamamos fenotipo clínico. Pero insisto, non temos datos. O virus detectouse nalgúns destes rapaces pero no contexto dunha pandemia, detectar o virus SARS-CoV-2 en rapaces antes ou recente, non é difícil e non implica causalidade. Por iso temos que ser cautos nese senso. O mesmo sucede co adenovirus. Son virus estacionais que nun determinado momento están presentes con frecuencia e o feito de atopalo nestes rapaces non establece unha relación de causalidade, por iso hai que ter cautos.

“O SARS-CoV-2 detectouse nalgún destes rapaces pero no contexto dunha pandemia, nin é difícil nin implica causalidade”

—Hai algún síntoma identificativo desta enfermidade? Cales son os máis frecuentes?

—O único que conseguimos é alarmar á poboación porque é difícil que un pai ou unha nai saiba que o seu fillo ten unha hepatite. Poden empezar con síntomas inespecíficos como vómitos, diarrea, dor abdomina… Os que teñen que facer o diagnóstico da hepatite xa o saben e o normal é que os pais e as nais vaian ao hospital ou aos centros de saúde habituais. Están todos alertados porque o facemos por defecto. Xa saben todos o que temos que facer ante a sospeita dunha hepatite. Aquí neste caso específico de orixe descoñecida os que xa se infectaron presentaron cadros consistentes en dor abdominal, ictericia, a coloración amarela das mucosas e da pel, normalmente non tiñan febre… Pero iso é fácil a posteriori. Todos eses síntomas e signos son moi comúns. Non penso que poidamos facer unha recomendación específica.

—Hai diferenzas na sintomatoloxía entre os nenos de menor idade e os que xa están preto da adolescencia?

—Ningunha de importancia neste momento. Os casos que se están a producir son en nenos que están por debaixo dos cinco anos na meirande parte.

—Hai algunha hipótese que explique por que se dan a meirande parte nos casos na poboación de 1 a 6 anos?

—Non. A máis lóxica, tendo en conta a falta de exposición, é que sexan precisamente os rapaces máis novos os que estiveron sen exposición a outros virus estacionais e que teñen uns sistemas inmunes máis inmaduros agora que se atopan por primeira vez con estes virus. Pero é puramente especulativo e non hai unha razón específica.

“Os casos estanse a producir, sobre todo, en nenos que están por debaixo dos cinco anos”

—Cal é o tratamento que se lles adoita administrar?

—Depende da etioloxía. Para algunhas temos tratamentos específicos e para outras son de sorporte. Despois, en ultima instancia e saber se responde ou non ao tratamento ou non recuperan a funcionalidade do fígado, é facer uns transplante. Intentámolo evitar e non é necesario na meirande parte dos casos.

—Debemos lanzar unha mensaxe de calma aos pais? Como se pode relativizar a situación?

—Por suposto. Neste momento só é unha alerta sanitaria que debería estar só nos niveis de institucións e a nivel de profesionais sanitarios e investigadores, pero non a nivel de pais. Como non sabemos o que é, díficilmente podemos facer pautas de recomendación que teñan un impacto específico ou que poidan axudar os pais ou as nais. Ademais, no noso contexto e no noso medio o número de casos identificados en España pode entrar potencialmente na normalidade e do número de casos de hepatite nos tres ou catro meses que transcorreron deste ano. Aínda é pronto. Se os casos aumentan e facemos avances no coñecemento de cal é a causa ao mellor pódense facer recomendacións específicas. Se as causas fosen infecciosas, o lavado frecuente de mans, evitar o contacto con persoas que teñan infección… Como non sabemos se é infecciosa ou se o é que tipo é, non sabemos se esas medidas poden funcionar ou non.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.