Como serán os fogares do futuro en Galicia? Este será o seu cambio en 2039

As proxeccións do Instituto Galego de Estatística avanzan un incremento xeral das vivendas, con máis persoas vivindo soas e menos parellas con fillos

Aínda faltan catorce anos para chegar a 2039, pero as previsións das institucións permiten anticipar como será a evolución das nosas cidades. Do mesmo xeito que podemos mirar cara ao pasado, tamén podemos tentar comprender o futuro. O Instituto Galego de Estatística (IGE) elabora cada dous anos a operación Proxeccións de Fogares, que ofrece unha estimación da evolución futura dos fogares galegos a partir das condicións demográficas actuais.

Estes estudos permiten coñecer aspectos como o número, tamaño e composición dos fogares, e teñen unha incidencia directa noutros traballos derivados. Por exemplo, son unha ferramenta clave para a toma de decisións nas políticas públicas de planificación territorial e social.

Publicidade

A operación, vinculada tamén ao Censo de poboación e vivendas de 2021 do Instituto Nacional de Estatística (INE), amosa un crecemento do número de fogares entre 2024 e 2039, cun aumento de 65.623 unidades, o que supón unha variación relativa do 5,9%. Deste modo, Galicia alcanzará os 1.168.864 fogares no ano 2039.

O maior número de fogares concentrarase na provincia da Coruña, con 493.258, seguida de Pontevedra. Con todo, esta última será a que medre máis rápido en proporción ao seu tamaño inicial: pasará de 369.058 a 398.333 fogares, o que representa unha taxa de variación do 7,9%. Pola súa parte, Ourense e Lugo manteranse arredor dos 138.000 fogares, aínda que o crecemento será lixeiramente superior en Ourense. En Lugo, a variación será a máis baixa de Galicia, cun 1,6%.

Publicidade

Onde haberá máis fogares?

Das vinte áreas de Galicia nas que se organiza Galicia, que agrupan as distintas comarcas, o número de fogares aumentará en quince delas no período comprendido entre 2024 e 2039.

A área da Coruña será a que experimento o maior crecemento, cun incremento do 12,2% segundo as previsións. Na mesma provincia, a área de Santiago tamén amosará un avance notable, cun 10,6% máis de fogares. Séguenas as áreas de Vigo (9,4%) e Caldas-O Salnés (8,4%), que tamén destacarán polo seu dinamismo.

Porén, o maior decrecemento tamén se concentrará na provincia da Coruña: a Costa da Morte perderá un 3,5% dos fogares, pasando de 52.614 a 50.796. O mesmo observarase no Lugo oriental, que descenderá de 14.867 a 14.346 fogares. Tamén se prevé unha diminución na área de Ourense sur, cunha caída do 2,6% ao longo do período analizado.

De portas cara a dentro

En 2039, o tamaño medio dos fogares situarase entre unha e dúas persoas, con porcentaxes de 29,5% e 29,7%, respectivamente. En conxunto, estas dúas tipoloxías representarán máis da metade dos fogares galegos. Na maioría dos casos, a estrutura estará formada por vivendas unipersoais, seguidas das parellas con fillos. Ademais, haberá 247.702 fogares compostos por parellas sen fillos e 109.866 unidades monoparentais.

A imaxe da esquerda amosa os datos do 2024, mentres a da dereita amosa os de 2039. Fonte: IGE. Proxeccións de fogares. Datos referidos ao 1 de xaneiro de cada ano.

Esta situación contrasta coa realidade do ano 2024, cando a tipoloxía máis habitual é a das parellas con fillos, seguida das vivendas unipersoais. A tendencia, polo tanto, apunta cara a fogares de menor tamaño e con menos descendencia.

Con todo, estas estruturas varían segundo a provincia. Mentres que na Coruña, Lugo e Ourense predominarán os fogares unipersoais, en Pontevedra serán máis frecuentes as parellas con fillos. Esta evolución non só amosa como cambiarán as cidades galegas, senón tamén como se transforma a nosa sociedade.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla