A directora científica do proxecto, Mabel Loza, xunto a Francisco Conde, Juan Viaño e Ángel Carracedo. Foto:xunta.gal.
A incubadora de fármacos dirixida polos científicos Mabel Loza e Ángel Carracedo é pioneira en España. Foto: Consellería de Industria.

Biotecnoloxía: unha peza clave para o progreso científico e económico de Galicia

A ciencia afronta coa biotecnoloxía un gran desafío, pero tamén unha oportunidade con enormes posibilidades para mellorar a vida da sociedade. Esta disciplina baséase no conxunto de técnicas e tecnoloxías que empregan organismos ou partes deles, así como calquera outro tipo de tecnoloxías e disciplinas que poidan converxer con ela (informática, enxeñería, robótica, nanociencias, tecnoloxías de materiais, etc.) para ofrecer solucións creativas a problemas complexos. E neste sentido, o sector biotecnolóxico está chamado a ser un dos terreos con máis oportunidades de crecemento nos próximos anos e, para Galicia, é un dos eidos clave dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) da comunidade.

Así, a Xunta conta, desde 2016, coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020, que mobiliza 200 millóns en investimentos. Con esta estratexia xa se ten conseguido alcanzar os 258 millóns de euros de facturación en 2017, un 90% do obxectivo, fixado en 300 millóns de euros. Desde que se lanzou esta Estratexia tamén se fundaron 11 novas compañías do sector ‘biotech’, alcanzando o cento de empresas que se dedican en Galicia en exclusiva a producir biotecnoloxía, cun investimento en I+D de 37 millóns de euros, e xa se teñen creado 125 novos empregos no sector. Neste ámbito o principal obxectivo da Estratexia é seguir avanzando na captación de investimentos para que o sector continúe creando emprego de calidade na Comunidade.

Comunidade bioemprendedora

Galicia é a cuarta Comunidade máis bioemprendedora de 2017 e a primeira en volume de financiamento alcanzado polas empresas biotecnolóxicas, compañías que representan o 8,6% no conxunto de España e que empregan a 3.000 profesionais na Comunidade.

Galicia está a marcar fitos como contar coa primeira incubadora de fármacos de España da man da Fundación Kaertor e Janssen, un proxecto coordinado polos científicos Mabel Loza e Ángel Carracedo. Tamén está a impulsar cinco Unidades Mixtas de Investigación no sector bio nas que colaboran empresas da talla de Roche, Laboratorio Esteve, Jealsa-Escurís, Calvo ou Coren; e a próxima posta en marcha en Santiago, xunto coa Fundación Incyde, dunha aceleradora especializada no sector biotecnolóxico.

Ao tempo que se aposta por reforzar o sistema galego de saúde, avanzando en novos produtos e servizos para os cidadáns, a biotecnoloxía galega sitúase como unha tecnoloxía facilitadora e como valor engadido na industria galega, en sectores como a pesca, a agricultura, ou o ámbito sociosanitario.

A biotecnoloxía pode achegar solucións creativas para os sectores lácteo, pesqueiro ou sanitario

Neste sentido, as mellores oportunidades na biotecnoloxía galega están hoxe nos novos produtos e procesos para o sector lácteo; o aproveitamento dos recursos mariños e pesqueiros; a eficiencia na sanidade animal; a alimentación e o envellecemento activo; as novas tecnoloxías para medicina personalizada; ou a innovación aberta no descubrimento de fármacos.

A posta en marcha da Estratexia contou coa participación e colaboración de 66 axentes do sector entre empresas, universidades, fundacións, sistema hospitalario, centros tecnolóxicos e de investigación, clústers e asociacións e a propia Xunta que aposta por seguir nesta senda da colaboración e do traballo conxunto para dar o impulso definitivo a un sector no que Galicia está chamada a ser un referente.

A Estratexia de Especialización Intelixente afronta os dous próximos anos en Galicia co obxectivo de incidir nesa cohesión do ecosistema biotecnolóxico a través dos futuros Hubs de innovación dixital.

 

1 comentario

  1. Por que será que isto dia a panfleto da Xunta?
    Para começar, como pode Galiza ser pioneira representando o 8% dum setor, quando ise é exactamente a porcentagem que nos corresponderia por população no Estado??? Moi mal devem ir as cousas em outros setores…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.