Galicia, pioneira a nivel estatal coa súa nova incubadora de fármacos

Galicia xa conta coa súa primeira incubadora de novos fármacos. E ademais é pioneira a nivel estatal. O proxecto, desenvolvido pola Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), a Fundación Kaertor e a farmacéutica Janssen, presentouse este luns de forma oficial no CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, onde ten a súa sede. Estará coordinado polos científicos Mabel Loza e Ángel Carracedo.

O proxecto, que levará por nome I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery) espertou o interese de máis de 150 propostas de España, Francia, Alemaña, Reino Unido ou Canadá. Para desenvolver estes traballos, mobilizaranse 2 millóns de euros co obxectivo de favorecer a transferencia de coñecemento ao mercado e atraer estes inversores a Galicia. A convocatoria estará aberta ata decembro de 2018. Nesta primeira etapa priorizaranse os proxectos centrados nos eidos da oncoloxía, a inmunoloxía, as neurociencias, as enfermidades infecciosas e vacinas, a cardiovascular e o metabolismo.

Publicidade

A principios de 2018, desenvolverase unha segunda fase na que se vai realizar a incubación dos proxectos. Faranse os estudos encamiñados a adecuar as iniciativas aos obxectivos do programa, e cos resultados obtidos, farase unha análise de viabilidade para o paso a fases máis avanzadas.

Á presentación de este luns asistiron os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; e de Sanidade, Jesús Vázquez, o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente de Janssen España, Martín Sellés.

Publicidade

Galicia, polo de innovación

Con esta incubadora, a Xunta, Janssen e Kaertor pretenden situar a Galicia como un polo europeo no sector da innovación farmacéutica. Intentarase orientar a investigación, buscar ideas e proxectos en calquera parte do mundo para que sexan desenvolvidos en Galicia. Para comezar, crearanse 10 empregos directos de alta cualificación na sede do I2D2 e outros tantos indirectos.

O proxecto tamén contará coa aportación da plataforma Innopharma do CiMUS da USC, que acadou nos últimos anos 42 acordos con compañías e empresas, 6 contratos con industrias farmacéuticas e 25 colaboracións con grupos de excelencia estatal. Con I2D2, Janssen súmase a outras importantes empresas do sector, como Esteve ou Roche Farma, que xa traballan con institucións galegas a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado