O prometedor uso das algas para frear a praga que asola as vides en Galicia

Un proxecto no que colabora o CSIC estuda o efecto antifúnxico dun extracto vexetal para reducir os efectos nocivos do mildiu

Ano tras ano, a xente que traballa na viticultura ten que lidar cun inimigo insidioso. O mildiu, enfermidade provocada polo patóxeno Plasmopara viticola, é unha das pragas máis importantes que afectan as vides en Galicia; de feito, é endémica. Co peche da campaña de 2024, as bodegas respiran tranquilas: o ano non foi, nin de lonxe, tan terrible como 2023. Pero seguen facendo falla tratamentos que axuden a mitigar a súa influencia. Agora, un proxecto de investigación na que colaboran a empresa Porto-Muíños coa Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC) analiza o emprego de extractos de algas para axudar no seu control.

Un dos principais problemas do sector vitícola

Por que ten o mildiu esta presenza tan relevante en Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra? Rosa Pérez Otero, xefa de artrópodos e control integrado da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, expón as claves que favorecen a súa aparición: “Temperaturas elevadas, sobre todo de noite, e humidade relativa alta, que pode vir de precipitación ou de néboas densas, orballo…”. Condicións que se dan frecuentemente en Galicia, especialmente no suroeste: a contorna ideal para que o patóxeno reapareza cada ano.

Publicidade

É a enfermidade, sen dúbida, que require máis compromiso, máis tempo e máis traballo por parte dos viticultores en cada campaña”, explica Pérez Otero, “porque pode causar unha destrución total da colleita”. Isto sucede, por exemplo, cando o patóxeno ataca ao comezo da campaña. Nestas primeiras fases de crecemento das plantas pode afectar a todos os órganos verdes da vide, causar unha defoliación total se non se controla ben e a perda das uvas: en resumo, pode acabar con toda a produción.

O ano 2023 foi un ano terrible para as bodegas, precisamente porque este pseudofungi atacou na fase de floración, un período extremadamente sensible da viña. “Para que se produza un ataque da enfermidade, ten que darse o que se chama o triángulo da enfermidade”, explica: “A planta, unha contorna favorable, como tivemos o ano pasado, e presenza do patóxeno, que o temos sempre porque a enfermidade é endémica”. En 2023, na floración déronse as condicións idóneas durante varios días consecutivos. “Foi o súper triángulo”, indica.  Os efectos foron tales que moita xente xa non continuou tratando despois dese momento, “porque xa non tiña colleita que salvar”.

Publicidade

Un ciclo adiantado

Fronte a isto, en 2024 viviuse unha campaña bastante normal, con casos de mildiu larvado ou tardío nalgunhas parcelas, especialmente na zona das Rías Baixas. Estes habitualmente veñen de ataques mal controlados ao inicio da campaña e non se ven habitualmente na folla, senón nos acios. Malia que non adoita estragar toda a colleita, si pode levar a perdas importantes.

Ademais disto, Pérez Otero destaca un adianto no ciclo do mildiu, que relaciona cunha tendencia cara a invernos máis cálidos. A maduración da oospora ou ovo de inverno, a forma na que o patóxeno sobrevive durante esta estación, vénse producindo desde 1997 entre abril e marzo. Nos últimos anos foise adiantando e, neste 2024, foi a comezos de febreiro. “Para min foi algo moi significativo. Que teña interese estatístico, verémolo este próximo ano e os vindeiros”.

Como controlar o mildiu

O tratamento do patóxeno non é fácil, xa que require da aplicación de produtos de forma constante e nuns momentos concretos, que non sempre se respectan: danse seguindo un calendario decidido de antemán, en vez de atender o crecemento da planta, o tipo de tratamento ou as condicións ambientais. Deste modo, pódense chegar a xerar resistencias fronte aos produtos fitosanitarios. Súmaselle a isto o actual momento de cambio normativo: a estratexia “Da granxa á mesa” do Pacto Verde Europeo avoga por un uso sostible de praguicidas, cunha redución significativa do emprego destes químicos.

Follas de vide inoculadas co mildiu e, posteriormente, tratadas co extracto de algas nun dos experimentos feitos na MBG.

É neste contexto no que son especialmente interesantes propostas como a que están a realizar desde a Misión Biolóxica de Galicia, un proxecto liderado pola empresa Porto-Muíños, conserveira especializada en algas para consumo humano. Carmen Martínez, investigadora científica e xefa do grupo Viticultura, Olivo e Rosa (VIOR) da MBG, explica que foi a compañía a que lles propuxo realizar un estudo sobre os posibles efectos das algas como, por exemplo, bioestimulantes, aproveitando os excedentes.

Posible efecto antifúnxico

Desde a MBG xurdiu a idea de analizar o efecto antifúnxico en viñedos. Para isto, explica Martínez, o equipo proba os extractos de algas que fan en Porto-Muíños tanto en laboratorio como en campo. Malia que o proxecto está sen acabar, con arredor un ano de investigacións pendentes, si se están a detectar resultados positivos, como se presentou recentemente no 45º Congreso Mundial da Viña e o Viño, celebrado en Dijon.

A nivel laboratorio si que vemos un certo efecto funxicida”, desenvolve Martínez. “Non é que mate o fungo, pero digamos que controla a súa entrada na planta a través das follas”. Para investigalo, inoculan no laboratorio o Plasmopara viticola en follas e posteriormente aplican os distintos extractos que lles pasan desde a empresa; aquí é onde, polo momento, estanse a obter resultados para a esperanza.

O seguinte paso é comprobalo sobre o terreo, onde xa están a realizar probas. Pero non será tarefa fácil. “En campo é máis difícil obter conclusións claras”, matiza. “É unha leñosa, hai moitísimos factores que rodean a planta e é preciso repetir tres ou catro anos os ensaios para asegurarnos de que ten algún efecto positivo”, engade. Para a análise do valor das algas como bioestimulante tamén dependen dos condicionantes do traballo de campo e do tempo preciso para obter resultados.

Será nesas seguintes fases do proxecto cando se comprobará a viabilidade real do extracto de algas contra o mildiu. “Ao mellor non conseguimos que sexa eficaz utilizando soamente o extracto, pero poderíase combinar, por exemplo, cos fitosanitarios que se usan habitualmente”, anota Martínez. “Se podemos canda menos reducir estes tratamentos xa sería un avance”, conclúe.

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie