O inverno galego xa é máis curto: en Vigo hai un mes menos de frío

En 60 anos, a estación reduciuse unha media de tres semanas na península

“O inverno xa non é o que era”. Unha frase que repiten os nosos maiores e que vai máis aló dunha mera percepción. Cada vez é máis curto. Un traballo realizado por Roberto Granda, xeógrafo e meteorólogo de eltiempo.es, proba que en 60 anos —desde a década de 1961-1970 á do 2011-2020— a duración do inverno en España reduciuse de media unhas tres semanas aínda que con variacións, o que visibilizou nun mapa interactivo, elaborado con datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

O retroceso medio elévase ata superar o mes en tres puntos da xeografía española: en Murcia, onde a redución é de 32 días; Lleida, onde a variación é de 31 días e Vigo, onde son 30 os días de inverno “perdidos”. Detrás deles sitúanse Gran Canaria e Zaragoza, con 29 días; Santander, Reus, Albacete e Valencia con 28 días e Cuenca, con 26.

Publicidade

Fronte ao calendario oficial que respecta as estacións astronómicas e sitúa o inverno entre o 22 de decembro e o 21 de marzo, o chamado inverno meteorolóxico comeza o 1 de decembro e remata o 28 de febreiro (ou 29 se é ano bisesto), tres meses completos e con similitudes desde un punto de vista climático.

Con todo, unha simple convención temporal non permite saber cando empeza ou termina o inverno realmente, o que leva a Granda Maestre a utilizar percentís para realizar a súa análise. Estableceu o percentil 25 (P25) de todas as temperaturas medias para o período 1991-2020 como valor limiar para definir o criterio ‘inverno’, de tal xeito que se está por debaixo —é dicir, hai frío— pertencerá á dita estación meteorolóxica. Co valor do percentil fixado, calculou a media de temperaturas para cada período de cinco días. De maneira que, a primeira data na que a media é inferior ao P25, comeza o inverno; e o último onde a media continúe sendo inferior ao P25, remata. A partir desta marca, as temperaturas soben, son primaverais. Con todo, pode ocorrer que durante o inverno haxa días con tempo cálido. Por iso Granda sinala que o criterio non é “perfecto”.

Publicidade

No caso de Vigo, por exemplo, a duración do inverno pasou de 168 días na década de 1961-1970 a 138 días na do 2011-2021. E mentres que o inicio se atrasou dúas semanas, pasando do 4 ao 20 de novembro, o final adiantouse outro tanto, pasando do día 20 ao 6 de abril. 

En Lleida, a duración do inverno reduciuse de 149 a 118 días, atrasándose unha semana o inicio e adiantándose tres semanas o final. En tanto que Murcia pasou de ter 146 a 114 días, cun atraso ao comezo de dúas semanas e un final adiantado de case tres.

Máis curto e máis cálido

Entramos en xaneiro, o mes máis frío do ano, na metade dun inverno que a Aemet prognostica “máis cálido do normal” no territorio español. Unha anomalía térmica que, de cumprirse as previsións, repetirase por sexto ano consecutivo. Hai que mirar o inverno de 2017-2018 para atopar o último “frío” e ao do 2014-2015 para poder falar de “moi frío”.

O pasado inverno houbo unha temperatura media na España peninsular de 7,4ºC. Foi o décimo máis cálido desde 1961 e o quinto máis cálido do século XXI, segundo as estatísticas de Aemet.

Pola súa banda, Galicia rexistrou unha temperatura media de 9,3 graos, fronte aos 8,5 rexistrados no período 1981-2020. Unha anomalía positiva na temperatura de 0,8 ºC, a causa das elevadas temperaturas do mes de decembro cunha media de 11 graos, o que supuxo 2,3 graos máis que nas décadas anteriores, tal como recolle o Informe climatolóxico Inverno 2022-23 de Meteogalicia.

Galicia e o conxunto de España camiña cara a invernos máis curtos e cálidos, nos que non faltan episodios de frío polar, borrascas, DANAs e temporais; e cara veráns máis longos e calorosos con recorrentes vagas de calor e seca. “Non, non é unha boa noticia”, subliña Roberto Granda. 

As consecuencias destes cambios estacionais, ligados ao cambio climático, son moitas e negativas: desde perdas ambientais (destrución de ecosistemas ou impactos sobre a biodiversidade) a prexuízos económicos (danos na agricultura, en bens e produtos…) pasando por impactos negativos sobre a saúde das persoas (agravamento de enfermidades, riscos sanitarios ou falecementos).

.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o venres

A Xunta acende o aviso laranxa por altas temperaturas no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense e o amarelo na montaña de Lugo e en Valdeorras

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas