Domingo 6 Outubro 2024

As uvas da eterna xuventude

bandera-espanaEspañol bandera-ukEnglish

A uva garda o segredo da xuventude. Do bagazo do albariño galego, o residuo que queda tras o prensado na adega, a empresa i-Grape extrae un líquido natural con propiedades antioxidantes e bactericidas. E as súas utilidades van das cremas cosméticas a tratamentos de farmacia e veterinaria. i-Grape, que está en fase de lanzamento, nace dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, xa colocou a súa patente no mercado e gañou o premio Argos á mellor ‘start-up’, os negocios que xorden a partir dos equipos científicos universitarios.

Equipo LIDSA de la Universidad de Santiago, germen de i-Grape.
Equipo LIDSA da Universidade de Santiago, orixe de i-Grape.

O segredo da uva son os seus polifenois, substancias químicas naturais que teñen virtudes antioxidantes, potencialmente capaces de atrasar o envellecemento ou protexernos de enfermidades como o cancro ou as doenzas cardiovasculares. Existen no viño e por iso un consumo moderado é beneficioso para a saúde. Pero tamén quedan no bagazo, o residuo que, nunha mínima parte, as adegas usan para facer augardentes e que, na súa maioría, supón un refugallo de difícil xestión polo seu volume e os seus gastos asociados.

Publicidade

“A nosa propia materia prima, o bagazo, supón solucionarlle un problema ás adegas”, resume Juan Verdes, responsable de i-Grape, que foi constituída o pasado xullo e que en 2015 comezará a comercialización do seu produto.

i-Grape nace do Laboratorio de Solucións Analíticas (LIDSA) da USC

Unha empresa de Ponteareas explotará a patente para cremas cosméticas, mentres que nunha granxa de Coristanco e noutra no Ulla xa proban o seu extracto como antibacteriano natural para as vacas, sen efectos secundarios na produción de leite. “O produto de i–Grape permite tratar ás vacas en casos de mamite sen utilizar antibióticos, que obrigan a unha corentena do gando”, explica Verdes.

Publicidade

A creación de i-Grape, da universidade á empresa, xorde do LIDSA, o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas, da Facultade de Química compostelá. Alí, a investigadora Marta Lores liderou un equipo que estuda as propiedades do bagazo, en colaboración coas cinco denominacións de orixe galegas. Tras varios descubrimentos, publicados en revistas científicas, decidiron dar o paso á industria. No camiño, uniuse a experta en alimentación Marta Álvarez, o investigador en Farmacia Jesús Álvarez e dous socios con perfil económico: Daniel Gómez e Juan Verdes, ambos os dous máster en Dirección de Empresas.

Gráfico sobre el extracto comercializado por i-Grape.
Gráfico sobre o extracto comercializado por i-Grape.

A idea de i-Grape non só crea unha nova actividade no sector vitivinícola. Tamén dá boa imaxe aos viños galegos, na súa meirande parte brancos, que quedan asociados ao saudable. Porque se sabe que as uvas tintas teñen maior concentración de antioxidantes, con 5.500 miligramos por quilo, fronte aos 4.000 por quilo da uva branca. E as desigualdades crecen porque, na elaboración do viño, no branco se separan as peles da uva do mosto, fermentando de xeito independente. Pola contra, no tinto mestúrase todo para a súa fermentación, o que enriquece o caldo con maior cantidade de polifenois totais. O que parece unha desvantaxe foi aproveitado polos investigadores composteláns: usar o bagazo de branco, que é onde a concentración de antioxidantes é maior.

“O que nos falta é un nome comercial”, recoñece Verdes, “aínda que nós o chamamos greipiño”. Así que “greipiño”, ou como se comercialice no futuro o extracto saudable da empresa i-Grape, nace para triunfar. E para demostrar que na uva pode estar o segredo da eterna xuventude.

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Bagazo de uva de Albariño para reducir o uso de antibióticos en animais

A catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores coordina un proxecto que dispón de oito millóns para contribuír a evitar as resistencias bacterianas

Proban na UVigo algas como antioxidantes para carne procesada

O investigador Rubén Agregán, do campus de Ourense, emprega tres clases de algas pardas para a conservación de alimentos

O viño como fonte de saúde

Científicos da USC converten o bagazo en produtos con usos saudables