Un equipo de Ourense define as mellores rutas para instalar aeroportos de drons

O grupo Aerolab está creando unha ferramenta computacional baseándose en datos xeoespaciais, meteorolóxicos e de simulación de dinámica de fluídos

O grupo de investigación Aerolab, no Campus de Ourense e vinculado á Universidade de Vigo (UVigo), traballa, no marco dun proxecto estatal, na creación dunha ferramenta computacional que, baseándose en datos xeoespaciais, meteorolóxicos e de simulación de fluídos, definirá as rutas máis seguras e eficientes para un vertiporto en cidade. É dicir, para un aeroporto de drons urbano.

O proxecto ten unha duración de dous anos e está previsto que remate en decembro de 2025. Está financiado con 121.000 euros pola convocatoria Proxectos de Xeración de Coñecemento, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Next Generation EU. Como investigadores principais están os catedráticos UVigo Elena Martín e Higinio González. O enfoque do proxecto é multidisciplinar, combinando persoal investigador con experiencia en sistemas aéreos non tripulados e tecnoloxía xeoespacial (Higinio González, Iván Puente e Luis Miguel González), en modelos meteorolóxicos (Nieves Lorenzo e Inés Álvarez) e aerodinámica, mecánica de fluídos computacional e modelado de orde reducido (Elena Martín).

Publicidade

Na actualidade, no sector en auxe dos drons, a tendencia é optar pola construción dos chamados vertiportos. É dicir, infraestruturas enerxeticamente eficientes pensadas para integrarse na cidade e permitir operacións áxiles e seguras deste tipo de aeronaves. “Os vertiportos achegarán un novo modelo de conectividade urbana”, sinalan. Neste contexto, o obxectivo xeral de Safe-Vertiport é “contribuír a garantir a seguridade e a eficiencia de manobras de aterraxe e despegue de aeronaves en emprazamentos de vertiportos urbanos”.

As rutas máis seguras e eficientes

Concretamente, Safe-Vertiport traballa no desenvolvemento de algoritmos para a definición de rutas de aterraxe e despegue baseadas en información xeométrica combinada, predicións micrometeorolóxicas-CFD, restricións reguladoras e a envolvente de voo dunha aeronave. O algoritmo de planificación que se persegue, baseándose nunha combinación de factores derivados da información anterior, ofrecerá un espazo aéreo “voxelizado”, indicando se cada vóxel (cada unidade cúbica del), é apto para ser utilizado pola aeronave ou non, definindo así en primeiro lugar o camiño máis seguro para ela e, en segundo lugar, o máis eficiente en tempo e enerxía consumida.

Publicidade

O proxecto aposta pola aplicación de tecnoloxías como modelado xeoespacial 3D; de simulación CFD de fluxos de aire e de microclima. A xeración e implementación dos diferentes modelos emprega ferramentas de balde e de código aberto. A validación da proposta desenvolvida realízase en parte empregando equipos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense á que pertence o equipo investigador.

Finalmente, Safe-Vertiport desenvolverá “unha ferramenta dinámica que resolverá, con predicións rápidas, o fluxo no vertiporto a escalas da orde de metros utilizando software CFD”. Deste xeito, o proxecto achegará tres novidades ao seu ámbito de traballo. O primeiro, o uso de condicións de contorna máis realistas e precisas. Segundo, a implementación dun rápido modelo de predición de fluxos de vento en resolución de metros. E, finalmente, a súa alimentación a partir da lectura dinámica de predicións meteorolóxicas.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais