María del Mar Tomás, premio Zendal 2023: “Deseñamos virus para atacar ás bacterias resistentes”

A traxectoria pioneira da médica e investigadora do Inibic foi recoñecida polo grupo farmacéutico, que financia unha das súas liñas de investigación en terapias con fagos

A natureza dos virus é tan apaixonante como desconcertante. Son tantos, e tan distintos, tan diminutos, tan mortíferos ás veces… Moitos supoñen para o ser humano un auténtico crebacabezas aínda a día de hoxe. Algúns deles, de feito, ata puxeron en perigo a continuidade da nosa especie. Con todo, hai un tipo de virus que, máis que un inimigo, é un aliado: trátase dos bacteriófagos, popularmente coñecidos como fagos, os cales conviven con nós dentro e fóra do organismo. Estes virus non infectan ás células eucariotas, senón que colonizan bacterias. E un pouco ladroas si que son: unha vez entran no organismo da bacteria, toman o control dos seus mecanismos celulares para replicarse a si mesmos. Unha vez que rematan o traballo, lisan a bacteria, o cal quere dicir que esta explota.

Poderíamos pensar que o que ocorra entre as bacterias e os virus na súa intimidade é problema seu. Pois non: fronte a ameaza que supón a resistencia antibiótica das primeiras, os segundos poden ser unha alianza estratéxica. Neste eido traballa precisamente María del Mar Tomás Carmona, médica especialista en microbioloxía clínica e científica no Inibic (Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña). A súa investigación pioneira en terapias con fagos foi recoñecida o ano pasado polos Premios Zendal na categoría de Saúde Humana. O grupo farmacéutico vén de lanzar unha nova convocatoria, cun prazo para apuntarse que rematará o vindeiro 4 de outubro.  

Publicidade

As bacterias resistentes, na contorna cidadá

–Imos comezar polo principio. Cada vez escoitamos máis falar sobre a resistencia das bacterias aos antibióticos pero, a que se debe isto?

–Pois é unha problemática na que inflúen varios factores. Nós levamos moitos anos estudando as bacterias e as súas resistencias aos antibióticos e sabemos que unha das causas, por suposto, é a administración de antibióticos. Estes fármacos someten ás bacterias a unhas condicións de estrés que fan que se seleccionen cepas resistentes. Pero non é a única causa. Tamén se ven afectadas pola toma e o consumo doutros tratamentos, que poden seleccionar bacterias resistentes. O cambio climático e a contaminación, por suposto, tamén inflúen. E, ademais, debemos ter en conta que aos animais tamén se lles dan antibióticos, e logo nós consumimos esa carne.

Publicidade

–Que quere dicir, exactamente, isto de que unha bacteria é resistente? Cal é a consecuencia directa deste proceso para nós?

–Actualmente considérase a unha bacteria resistente cando, en presenza de antibióticos, non só non morre senón que medra ata máis rápido. Tamén se desenvolven unha serie de factores que fan que a infección apareza antes incluso que na ausencia dun antibiótico. Cando sospeitemos que temos unha infección provocada non por un virus, senón por unha bacteria, o médico é o que debe prescribir o fármaco de forma moi específica. Eu, como microbióloga clínica, considero que é moi importante ter un diagnóstico moi claro de que bacteria é a responsable da infección e mesmo se podemos ter información do seu perfil de resistencia aos antibióticos pois mellor: así o tratamento será máis dirixido. Deste xeito evitamos outros danos colaterais, como resistencias doutros patóxenos oportunistas, etcétera.

–Atopámonos fronte a un escenario no cal algunhas infeccións que antes se trataban e curaban con antibióticos xa poden chegar a ser mortais debido a esta resistencia bacteriana. De que infeccións estamos a falar?

–Recentemente a OMS actualizou a lista de patóxenos prioritarios, dando unha folla de ruta sobre a cal temos que investigar e achegar un maior coñecemento científico. Hai uns anos tíñanse como prioritarios os patóxenos nosocomiais, é dicir, os que atopamos en ambientes hospitalarios como a Pseudomonas aeruginosa, a Acinetobacter baumannii ou as enterobacterales resistentes a Carbapenem. Mais houbo un cambio: na comunidade civil cada vez hai unha maior porcentaxe de bacterias resistentes aos antibióticos que provocan pneumonías e infeccións de transmisión sexual. O problema é que agora temos patóxenos, como gonococo (causante da gonorrea), para os cales estamos quedando sen tratamento, e que xa non se atopan só nestas contornas hospitalarias. Vivimos unha expansión das bacterias resistentes.

Os fagos, unha ferramenta natural e imprescindible na loita fronte ás bacterias

–Na actualidade hai moitísima investigación arredor das resistencias bacterianas, mais o voso grupo céntrase nos fagos.

–Exacto. Antigamente a comunidade científica doutras partes do mundo investigaba moito neste campo. Non en Occidente, onde debido a que tiñamos unha maior dispoñibilidade de antibióticos quizais non lles fixemos moito caso. Agora, debido á resistencia das bacterias, a investigación con estes virus volveu a rexurdir. Os fagos teñen moitas vantaxes, como a sinerxia cos antibióticos: hai familias destes fármacos que, en combinación cos fagos, poden actuar de maneira efectiva, o cal axúdanos a recuperar o seu uso para certas bacterias nas cales xa non exercían ningún tipo de acción.

–Soa xenial! Agora ben: onde está o problema?

–Pois, efectivamente, temos algún que outro hándicap. O principal inconveniente é que son moi específicos. En moitas ocasións, só son efectivos para unha bacteria concreta. De feito, todas as investigacións actuais en fagos van un pouco por esta vía, que sería ampliar o seu rango de acción para que chegue a máis bacterias e mellorar a súa sinerxia cos antibióticos como a penicilina e moitos outros que se administran nos hospitais. Doutra banda, moitas bacterias xa presentan resistencias a estes fagos naturais, xa que comparten ambiente e están expostos a unha ao outro. A nosa investigación céntrase precisamente nisto: identificamos os mecanismos que xa teñen as bacterias para evitar a acción do fago e inhibímolos mediante técnicas de enxeñería xenética. Tamén deseñamos fagos sintéticos que directamente teñen esta capacidade para inhibir as barreiras das bacterias.

–Ou sexa, que están hackeando o sistema das bacterias.

–(Ri). En verdade un pouco si. Unha das nosas liñas de investigación o que pretende é que a bacteria non active estas barreiras de resistencia.

María del Mar Tomás Carmona, xunto ao seu equipo do grupo de Microbioloxía Traslacional e Multidisciplinar (Inibic).

O deseño dos fagos, unha liña punteira

–E no caso da segunda liña de traballo, a dos fagos sintéticos: É posible facelos menos específicos? Case como deseñar un antibiótico de amplo espectro que actúe sobre distintas infeccións.

–Si. Nós colaboramos con grupos de investigación a nivel internacional que o que fan é cortar proteínas que teñan eficacia sobre varios receptores destas bacterias. Así, os fagos terían a capacidade de actuar sobre varios patóxenos. Ti deseñas o fago que ti queres, un pouco a gusto, así que son moi efectivos. De feito, xa se utilizaron noutro tipo de tratamentos como a inmunoterapia. En resumidas contas: canto mellor coñezamos ao noso fago e máis potente sexa, mellor. Moitos destes virus sintéticos fanse a partires dun fago do cal coñecemos por completo o seu xenoma. A partir desa base vanse cambiando as proteínas: quitas as que non che interesan mediante técnicas de enxeñería molecular e pos outras.

Os Premios Zendal, recoñecemento de prestixio

–O ano pasado recibiron o recoñecemento do Premio Zendal na categoría de Investigación Humana. Que estiveron facendo este tempo e de que xeito axudou o financiamento que outorga o galardón?

–Axudounos moitísimo a descubrir un novo tipo de fagos moi interesante, cunhas características especiais. Estes fagos teñen a capacidade de actuar fronte a bacterias que persisten na infección, que resisten aos antibióticos e a outros fagos e que desenvolven no paciente infeccións crónicas. Grazas a este orzamento tamén temos uns resultados preliminares que nos permiten agora optar a convocatorias europeas.

–Cal é o futuro da investigación con fagos? Actualmente é un campo emerxente, ou xa está consolidado?

–A evolución é enorme. Nos últimos dous anos avanzamos moitísimo no coñecemento que estamos a adquirir, xa non só dos fagos senón da súa interacción coas bacterias. Penso que van ter un papel moi importante, sempre favorecendo a acción dos antibióticos, é dicir, como método complementario aos fármacos. Aqueles que sexan máis potentes poderán administrarse xunto aos antibióticos a través dunha medicina personalizada, igual que outras tecnoloxías como as terapias CAR-T.

Sobre os Premios:

Os premios Zendal naceron no ano 2019 co obxectivo de “impulsar, visibilizar, promocionar e recoñecer novos proxectos de investigación no ámbito da saúde humana e animal”, e teñen unha dotación de 40.000 euros na primeira categoría, e de 25.000 na segunda.

Consulta as bases da convocatoria na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella nas Rías Baixas polo exfuracán Kirk

O servizo de MeteoGalicia prognostica niveis de forza 10 no litoral de Pontevedra: poderían acadarse ventos de ata 140 km/h

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Ventos furacanados e ondas de sete metros: así será o impacto do exfuracán Kirk en Galicia

A borrasca atrasará a súa chegada ao litoral galego ata a madrugada do mércores, activando alertas amarelas e laranxa en toda a comunidade