A contratación de internet medra máis do 20% en tres anos en concellos de menos de 5.000 habitantes

Preto do 64% dos galegos merca en liña e máis dun 78% dos internautas emprega a banca electrónica

A porcentaxe de fogares galegos con conexión a internet aumentou nun 4,4% entre 2020 e 2023, o que supón que o 94,3% das familias xa dispón de acceso á rede no fogar. O crecemento case duplica a media europea, que no mesmo período acada o 2,3%. O aumento resultou especialmente significativo nos concellos con menos de 5.000 habitantes, onde o crecemento chegou ao 20,5%.

A porcentaxe de usuarios de internet nos últimos tres meses chega ao 91,5%, o que representa un aumento do 2,5% en comparación co 2022. O crecemento máis significativo prodúcese no tramo de idade de entre 65 e 74 anos, no que o uso de internet se incrementa un 27,5%.

Publicidade

Os datos corresponden ao estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

En 2023 un total de 890.005 fogares galegos tiña contratada unha conexión de internet, o que supuxo un incremento de 36.545 fogares desde 2020. Os concellos que rexistraron o maior incremento na contratación deste servizo foron os de menos de 5.000 habitantes, cunha porcentaxe de 89,7% no 2023 (un 3,7% respecto ao ano anterior), o que supuxo un total de 3.815 fogares máis con internet contratada no último ano.

Publicidade

Tamén se rexistrou un importante aumento na porcentaxe de fogares con conexión a internet de máis de 100 Mbps, situándose no 32,7% en 2023 fronte ao 27,2% que rexistraba no ano 2020.

Máis dixitalización nos fogares

No 2023, o 79,1% do total de fogares galegos dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tableta. O maior crecemento vén dado polos ordenadores portátiles, un 1,7% máis que o ano anterior, e que están presentes no 61,1% dos fogares galegos.

Ademais, o 27,8% dispoñen dalgún dispositivo electrónico intelixente, o que supón un incremento relativo do 59,7% respecto ao ano anterior. Tamén aumentan nun 50% os dispositivos de seguridade con conexión a internet, nun 20,2% os altofalantes intelixentes e nun 12,6% os fogares con smart tv.

O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos e galegas é o smartphone, do que dispón o 92,6% da poboación. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que se sitúa no 70,3% entre as persoas maiores de 64 anos.

Diminúe a fenda dixital e aumenta o comercio en liña

O número de internautas aumenta un 2,5% respecto ao ano anterior. O 91,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron internet nos últimos tres meses, o que implica un incremento de 70.070 internautas nos últimos catro anos.

A fenda dixital en función da idade está a diminuír ano tras ano, e é importante destacar un notable aumento no nivel de dixitalización entre as persoas de 65 a 74 anos, cunha porcentaxe de usuarios de internet do 65,9%.

Respecto ao uso da rede en 2023, un 63,9% dos galegos e galegas realizou compras por internet, 5,3% máis que o ano anterior. Esta porcentaxe increméntase ata o 90,6% entre os mozos e mozas con idades entre os 25 e 34 anos.

No que respecta á administración electrónica, o 85,2% dos internautas empregárona para buscar información e o 80,8% enviaron formularios cubertos ás administracións públicas a través da rede, cun incremento do 3,1% respecto á edición anterior.

Preto do 80% dos internautas empregan a banca en liña

Ademais, respecto a outros usos de internet o estudo sinala que o 98,5% dos galegos e galegas que emprega internet usa mensaxería instantánea; o 88,6% busca información sobre bens e servizos; o 86,6% recibe ou envía correos electrónicos, o 81,7%  le noticias, xornais ou revistas en liña, un 79,6% realiza chamadas por internet ou videoconferencias; e un 78,4% emprega a banca electrónica.

O 63,1% das persoas que usaron internet nos últimos 12 meses actualizan automaticamente ou de xeito manual algún dos seus produtos de seguridade. O estudo sitúa nun o 14,4% a porcentaxe dos internautas galegos que sufriron algún incidente de ciberseguridade no último ano. Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en osimga.gl.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os galegos de 16 a 44 anos superan a media estatal en competencias dixitais

O 64,1% dos cidadáns en Galicia ten habilidades básicas e avanzadas en internet, 8,5 puntos por riba da media europea

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións