Expertos de España e Portugal abordan a cooperación transfonteiriza para previr incendios

O proxecto europeo Firepoctep+, liderado pola Universidade de Vigo, reúne a administracións públicas, universidades, fundacións privadas e un centro galego tecnolóxico e de vangarda

O vindeiro xoves 19 de setembro, a Universidade Politécnica de Madrid (UPM) será o escenario dun evento clave para o futuro da prevención de incendios forestais: a xornada Firepoctep+, organizada no marco do Día da Cooperación Interreg. Este encontro reunirá a expertos de toda España e Portugal co obxectivo de fortalecer a cooperación transfronteiriza na loita contra os incendios que asolan os bosques da península ibérica. Neste contexto, tres entidades representarán os intereses de Galicia en presenza da Comisión Europea: trátanse da Universidade de Vigo, como coordinador do proxecto, da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e do Centro Tecnolóxico EnergyLab.

A problemática de sempre

No que vai de 2024, o lume queimou arredor 43.654 hectáreas (ha) en España, segundo datos do MITECO, deixando outras 15 mil hectáreas de área ardidas en Portugal, segundo EFFIS. Isto supón un considerable descenso comparado con anos anteriores cando chegaron a consumirse máis de 300 mil ha (España, 2022) e 500 mil ha (Portugal, 2017). Previr e adiantarse aos cambios que afectan á rexión en materia de incendios pode reducir significativamente a intensidade e a propagación destes. Porén, é necesaria a cooperación entre países, xa que o lume non coñece fronteiras. “Levar a cabo postas en común entre os distintos axentes que terán que enfrontar un incendio forestal é fundamental para que, chegado o momento, a actuación sexa rápida e co menor impacto posible”, explica Agustín Quesada, manager de proxectos europeos e membro de FEUGA.

Publicidade

O evento ofrecerá unha plataforma para discutir os logros e desafíos do proxecto, ademais de proporcionar talleres e mesas redondas para explorar novas oportunidades de colaboración con Europa. Os asistentes coñecerán de preto o modo no que a cooperación transfronteiriza está a marcar a diferenza na loita contra os incendios forestais, e como o proxecto Firepoctep+ está a avanzar cara a un futuro máis resiliente e sostible.

Unha das claves do proxecto está no feito de involucrar á sociedade civil das contornas rurais, a cal en moitas ocasións vese influenciada polos incendios forestais: “Organizamos charlas divulgativas, talleres de xestión de incendios, e en xeral tentamos transmitir todo o coñecemento que imos adquirindo conforme temos resultados”.

Publicidade

No caso de Galicia, explica Quesada, estase a traballar moito na rexión do Baixo Miño, unha zona na que os incendios son unha constante a revertir.

Representación europea

A xornada contará coa presenza de Lucas González Ojeda, director en funcións da Representación da Comisión Europea en España, Ana Cristina Peña Sánchez, directora xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, Luis García Esteban, director da Escola de Enxeñaría de Montes da UPM, e doutros representantes institucionais de España e Portugal, investigadores e técnicos forestais, entre outros.

Integrantes do proxecto Firepoctep+, nunha saída de campo. Foto: FEUGA.

A semente da “Intelixencia Preventiva”

O lema de Firepoctep+, Sementar intelixencia preventiva, resume o seu enfoque proactivo na xestión forestal. O proxecto busca implementar medidas preventivas e compartir coñecementos e tecnoloxías entre as rexións transfronteirizas. Esta estratexia non só centra o seu obxectivo en mitigar os incendios, senón tamén en desenvolver solucións sostibles para a preservación do medio ambiente e a revitalización das áreas rurais afectadas.

Colaboración Público-Privada

Un dos piares do proxecto é a sólida alianza entre actores públicos e privados. O proxecto reúne a 7 administracións públicas, 5 universidades, 2 fundacións privadas e un centro galego, tecnolóxico e de vangarda. Ditas institucións traballan de maneira conxunta para deseñar e implementar estratexias eficaces de prevención e resposta fronte os incendios forestais.

Ademais, conta coa colaboración de dous socios sen financiamento, que achegan coñecementos e recursos adicionais. Isto reforza o compromiso compartido de todos os implicados para coidar o patrimonio natural da rexión, aumentar a eficacia das accións preventivas e fomentar a sostibilidade nas áreas rurais máis vulnerables.

Sobre o proxecto

Firepoctep+ é un proxecto europeo cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027 (POCTEP). Este proxecto foi designado como unha iniciativa de importancia estratéxica polo comité de seguimento do programa Interrexional, debido ao seu enfoque na identificación de zonas estratéxicas de xestión forestal ao longo da fronteira hispano-portuguesa. Estas áreas piloto son claves no comportamento de grandes incendios.

“Por agora, estamos comezando. Levamos xa nove meses traballando conxuntamente, mais aínda quedan uns anos por diante, ata que remate o 2026”, sinala Quesada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella nas Rías Baixas polo exfuracán Kirk

O servizo de MeteoGalicia prognostica niveis de forza 10 no litoral de Pontevedra: poderían acadarse ventos de ata 140 km/h

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Ventos furacanados e ondas de sete metros: así será o impacto do exfuracán Kirk en Galicia

A borrasca atrasará a súa chegada ao litoral galego ata a madrugada do mércores, activando alertas amarelas e laranxa en toda a comunidade