Uns pescadores atoparon en 1946 dous esqueletos nunha illa de Noruega. Os restos eran tan antigos que non se investigaron e acabaron sendo enterrados nun cemiterio ao norte do país. A identidade e a historia deses corpos permaneceron silenciadas durante décadas, ata que se exhumaron en 2019. Había unha sospeita: podían ser os corpos de Birte e Benjamin Olsdatter, dous irmáns acusados de asasinato e executados en 1742. O investigador Erik Francisco Bergseth, do Hospital Universitario de Oslo, leva cinco anos estudando estes restos e aplicando distintas técnicas xenéticas que permitan extraer a maior cantidade de información posible pese á degradación dos ósos. Os resultados preliminares desta exhaustiva investigación presentáronse no Congreso Mundial de Xenética Forense, que se está a celebrar esta semana en Santiago.
O caso reabriuse en 2019 grazas á Sociedade Histórica de Lenvik, que solicitou a axuda do Hospital Universitario de Oslo para comezar a investigación. “Querían saber se cos avances na tecnoloxía de ADN había algunha posibilidade de atopar familiares vivos. Para iso, fixeron unha árbore xenealóxica con 138 persoas e había 10 posibles parentes que aínda estaban vivos”, explica Bergseth. A partir de aí, o investigador e o seu equipo aplicaron diferentes técnicas a unha ampla mostra de ósos da que, pese ao seu relativo bo estado de conservación, era moi difícil extraer información xenética de calidade. As principais conclusións do seu estudo, que aínda non concluíu, é que os dous falecidos eran irmáns. Tamén se atopou unha posible conexión entre un dos ósos e un dos parentes vivos, o que podería confirmar a súa relación familiar pese á degradación dos ósos e os case 300 anos de distancia.
Unha identidade, unha hipótese
Bergseth recoñece que aínda queda moito camiño por diante. Talvez a investigación, e o avance das técnicas de xenética forense, lancen luz sobre un caso que aínda está cheo de incógnitas. Malia que non se puido corroborar con total seguridade que os corpos pertenzan a Birte e Benjamin Olsdatter, as evidencias apuntan claramente a eles. Máis alá de que os esqueletos son os dun home e o dunha muller que eran irmáns, e que están datados na mesma época na que Birte e Benjamin foron executados, apenas houbo decapitacións nesa zona de Noruega nin nesa época nin nas posteriores. Polo tanto, a información histórica encaixa á perfección co caso dos irmáns Olsdatter, que mataron o marido de Birte en 1733 e que xa forman parte do imaxinario colectivo de Noruega, servindo de inspiración a obras literarias e audiovisuais.
Como identificar os familiares dos Olsdatter 300 anos despois?
“Queriamos conseguir a maior cantidade de información posible dos ósos, pero o proceso é moi caro”, recoñece Bergseth. Segundo explica o investigador, o ADN dos restos estaba moi degradado. É dicir, é como se houbese ocos baleiros, sen ningún tipo de información xenética. Para poder comparar os ósos cos parentes vivos, os investigadores tiveron que “adiviñar” os datos que faltaban. Con todo, esta non foi a única técnica que empregaron para esclarecer o caso. Tamén utilizaron a IcWGS (low-coverage genome sequencing, polas súas siglas en inglés). “Cando as mostras son de baixa calidade e non estamos 100% seguros dos xenotipos, temos que traballar con probabilidades. É dicir, as conclusións parten dunha estatística”, sinala Bergseth. Tamén se empregou a Capture hybridization, outro método de secuenciación para analizar só aqueles anacos de ADN que eran interesantes para a investigación.
Malia a aplicación de todas estas técnicas e a consecución de resultados, Bergseth afirma que aínda non remataron a investigación. O seu equipo traballa con hipóteses e probabilidades, igual que sucede coas probas de paternidade. Así é que non existe unha seguridade completa de que os ósos e os posibles parentes estean relacionados, pero hai indicios de que así é. “Comparamos un dos restos cun dos familiares. Vimos que é 5.200 veces máis probable que estean vinculados nunha relación de seis xeracións a que non o estean en absoluto“, apunta Bergseth. Por tanto, haberá que esperar a que conclúa o estudo para saber se as incógnitas sobre estes dous corpos son as mesmas que as do irmáns Olsdatter e se, pese á súa tráxica historia, aínda hai quen 300 anos despois continúa co seu legado xenético.
A historia de Birte e Benjamin Olsdatter
O periplo legal da acusación de Birte e Benjamin como asasinos confesos de Jans, marido da primeira, está ben documentado, pero non así a súa execución. Segundo a información que chega aos nosos días, ela mantiña unha relación complicada con Jans. Fuxira da casa despois de que o seu primeiro fillo nacera morto e refuxiuse coa súa familia, mais viuse obrigada a volver co seu home. Iso si, a condición era regresar acompañada do seu irmán Benjamin. Pouco despois, un incendio na granxa na que vivían fixo sospeitar que Jans morrera como vítima das chamas, malia que non se atopara o corpo. Birte contou aos veciños que fora o seu home quen lle prendera lume á casa para matala mentres durmía. Despois diso, os dous irmáns marcharon de volta á casa familiar.
Porén, un mes e medio despois do incendio —segundo unha publicación de 2022 da Universidade de Tromsø— apareceu flotando o corpo de Jans preto da granxa. Despois da inspección do cadáver, concluíuse que fora asasinado cunha macheta. Era 1733 e os irmáns Olsdatter decidiron agocharse na montaña para non ser descubertos. A partir de aí comeza un longo percorrido de nove anos, ata que son finalmente asasinados. Nese tempo, Birte e Benjamin son capturados pero tamén escapan do cárcere en máis dunha ocasión. Ela confesou o crime, asegurando que matou a Jans cun traveseiro, e que Benjamin tan só a axudou a tirar o cadáver ao mar. Os dous foron condenados a morte e, por tanto, á ser executados, pero dos esqueletos que apareceron en 1946 —e que se atribúen a estes irmáns— só un, o de Birte, dá mostras de decapitación.
Un crime no imaxinario colectivo
Como non hai documentación relativa á súa morte, non se sabe realmente como acabaron os seus días. Se cambiou a condea, que inicialmente tamén implicaba a corta das mans, así como o lugar de enterramento. Se alguén os matou, coa complicidade dos dous irmáns, para evitar ser executados en público. O abano de posibilidades que barallan os investigadores é extraordinariamente amplo. Pouco máis se sabe sobre un caso que xa forma parte da cultura de Noruega. Talvez o avance da xenética forense e das técnicas capaces de esclarecer os crimes, actuais ou antigos, revelen novos datos sobre o caso dos irmáns Olsdatter. Ou talvez continúe sendo unha incógnita… como ata agora.