A ciencia galega inspira unha das mellores series británicas dos últimos anos

A segunda tempada de Manhunt aborda o caso Minstead, no que o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro xogou un papel fundamental na súa resolución

No primeiro episodio faise referencia ao equipo da USC. Foto: Filmin
No primeiro episodio faise referencia ao equipo da USC. Foto: Filmin

“Esta serie está baseada nunha historia real da investigación policial sobre unha serie de violacións e roubos que se produciron no sureste de Londres entre 1992 e 2009”. Así comeza a segunda tempada da serie Manhunt, que leva por subtítulo The Night Stalker. Esta produción británica recolle e converte en ficción, en catro capítulos, os acontecementos da chamada Operación Minstead.

Unha actuación policial para capturar ao que podería ser o maior violador da historia recente do Reino Unido. Este depredador sexual escollía a mulleres de idade avanzada, entre 68 e 93 anos, que vivían soas. Como amosa a ficción, servíase da noite para entrar nas vivendas, cegando o detector de infravermellos, quitando as lámpadas e desconectado a liña telefónica. Tras asegurarse de que as vítimas non serían quen de pedir auxilio, cometía os crimes.

Ataviado sempre con pasamontañas e luvas, durante os 17 anos que sembrou o terror no sur londinense non deixou que se vira a súa cara nin deixou pegadas dactilares, polo que a policía só dispoñía do seu ADN. Porén, cando a policía británica comparou nas súas bases de datos todas as mostras de material xenético que tiña, ningunha coincidía. Tratábase dunha persoa sen antecedentes.

“Todo ten que ver co ADN”

Así, por máis que se recollían evidencias e testemuñas, parecía imposible darlle caza ao depredador británico. Após tantos anos e case ningunha pista concluínte, a investigación parecía estar en punto morto. Porén, un novo actor apareceu no xogo: “Temos novas noticias da Universidade de Santiago, en España. Os seus científicos están usando tecnoloxía de vangarda para establecer as características físicas do home de Minstead baseándose no seu ADN”, sinala un dos inspectores ficticios. “Ao determinar a xenealoxía poderán darnos unha pista moi clara sobre a súa ascendencia e país de orixe”.

Uns científicos que non foron outros que aqueles do equipo dirixido por Victoria Laureu, do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (INCIFOR) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e hoxe integrado no grupo de Xenómica que coordina Ángel Carracedo. Toda unha referencia na Xenética Forense a nivel internacional que acabou dando os seus froitos. Así, grazas ás avanzadas técnicas de análise do ADN, “puidemos dicirlle que os trazos do seu ADN amosaban un 82% de orixe africana, un 12% nativa americana e un 6% europea. Son uns rasgos característicos do Caribe, e especialmente da illa de Xamaica. ‘Cravamos’ a cor da pel e dos ollos”, contaba o investigador galego.

Grazas aos datos achegados polo instituto compostelán, o abano de sospeitosos puido reducirse de xeito case definitivo. Finalmente, o cerco policial acabou pechándose sobre Delroy Grant, de 52 anos e nado en Xamaica. A finais de 2009, a policía arrestouno in fraganti cando fuxía do lugar dun dos seus ataques.

“—Figura no sistema ou non? —É complicado”

Após o arresto de Grant, a policía británica recoñeceu erros na investigación, posto que estiveran a piques de capturalo. Porén, mesmo chegando a identificar o coche de Grant preto da casa dunha das vítimas, non se afondou no asunto: “Unha veciña da vítima ve un coche que lle parece sospeitoso e pasa a matrícula. Rastréxano e ven que está a nome dun tal Delroy Grant, con domicilio en Forest Hill. Introducen o seu nome na base de datos e a busca amosa seis persoas con ese nome. Unha en Hackeny, condenada por roubo, co ADN nos arquivos”, relatan no drama. Un resultado que se lle acabou asignando ao verdadeiro do Delroy de Forest Hill, producíndose un fallo no sistema, acrecentado polo feito de que “un inspector do noso equipo visitou ao Delroy de Forest Hill para confirmar os seus movementos da noite do roubo. Non estaba. E nunca se investigou“.

Sospeitoso de ter cometido máis de 100 delitos —aínda que a falta de probas non permitiu culpalo por eles— o tribunal que o xulgou condenou ao Delroy de Forest Hill por un total de 29: 18 roubos, tres violacións, un intento de violación e sete agresións sexuais. Co arresto e condena de Grant, remataba un dos casos máis inquietantes que tivo que afrontar a policía londinense na súa historia. E gran parte do éxito residiu no traballo dun equipo de investigadores galegos que chega agora á ficción despois de tela superado. A serie está dispoñíbel na plataforma Filmin.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.