Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

Comprender o funcionamento do noso corpo é o primeiro paso para poder deseñar novas terapias máis efectivas para tratar e curar enfermidades. Neste sentido, é moita a investigación básica e aplicada que se centra no estudo do organismo a un nivel moi específico: o das proteínas e os péptidos, que regulan a meirande parte dos procesos biolóxicos. O doutor Julián Bergueiro, pertencente ao Centro Singular CiQUS da USC, vén de publicar un recente artigo onde analiza ditas moléculas comezando polo máis básico, pero non menos importante: como se ordenan e conforman as súas estruturas.

Unha propiedade crucial que ordena todo

As hélices son estruturas que poden atoparse de maneira natural en moitas moléculas relevantes, como as proteínas, que regulan o funcionamento de moitas das actividades esenciais do organismo. Ditas hélices teñen un sentido de xiro que depende de como estean organizados os seus compoñentes básicos. Ao comprender como se forma unha hélice, podemos entender mellor como estas estruturas afectan o comportamento das proteínas no noso corpo.

Publicidade

No caso dos péptidos, pequenas proteínas, a súa forma helicoidal débese á repetición de certos bloques máis básicos, chamados aminoácidos. Estas unidades poden ordenarse e crear capas para adoptar unha orientación especial que inflúe nas propiedades do péptido. Esta propiedade, chamada quiralidade, xoga un papel crucial na forma no funcionamento destas estruturas moleculares.

Un novo estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) publicado na revista Nature Communications analiza esta nova capa de información quiral que pode xerarse en péptidos cunha forma específica, a hélice alfa. Tras estudar os diferentes tipos de hélices que poden formarse, os autores puideron describir por primeira vez un modelo de simetría que permite comprender mellor como se relacionan as mesmas. O traballo, liderado polo doutor Julián Bergueiro no Centro Singular CiQUS, detalla como as distintas secuencias de aminoácidos afectan a disposición e propiedades destas estruturas helicoidais.

Publicidade

Contrastar a teoría coa experimentación

Para conseguilo, os investigadores empregaron técnicas de computación avanzadas cunha técnica experimental que analiza como interactúan as moléculas coa luz, o que permitiu obter observacións que coincidían de maneira precisa coas predicións teóricas.

“Os resultados mostraron que os diferentes patróns ou diferentes maneiras de repetir os aminoácidos producen distintas estruturas helicoidais. Isto é esencial para comprender como realizan a súa actividade biolóxica moitas proteínas e potencialmente para deseñar novas moléculas para usos en medicina, biotecnoloxía ou novos materiais biocompatibles” explica Bergueiro, investigador Ramón y Cajal da USC.

Este estudo, explican os investigadores do CiQUS, marca un avance significativo no campo da química de péptidos, transformando a nosa comprensión de como as estruturas helicoidais poden ser potencialmente aproveitadas no desenvolvemento de novos compostos e tecnoloxías cunha finalizade sanitaria.

Referencia:Exo-chirality of the α-helix” (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade