De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

A moa (Anomalopteryx didiformis), un ave non voadora de Nova Zelandia, extinguiuse arredor do ano 1.400, pouco despois da chegada dos primeiros cazadores maoríes ás illas. Permaneceu moito tempo no olvido, mais dende hai uns anos, este animal é un símbolo para a poboación neozelandesa, o cal representa a necesidade de protexer ás aves terrestes actuais como o kiwi e evitar, así, que teñan o mesmo final que a Moa.

Se cadra, no futuro, tamén podería ser un símbolo para o resto do mundo: o galego César De la Fuente Núñez, que dende hai anos lidera un grupo de investigación sobre as resistencias aos antibióticos na Universidade de Pennsylvania, vén de publicar un novo estudo baseado na análise do xenoma de animais extintos, como a moa, ou case extintos, como unha especie concreta de papagaio e o rinoceronte negro occidental. Neste caso, De la Fuente atopou unhas moléculas antigas, chamadas β-defensinas, as cales desempeñarían, segundo o investigador, “un papel determinante na inmunidade do seu hospedador”. As moléculas, preservadas ao longo da historia, ofrecen agora a posibilidade de desenvolver novos tratamentos antimicrobianos e antifúnxicos.

Publicidade

Un paso atrás tamén pode implicar un avance

Grazas ás avanzadas técnicas computacionais levadas a cabo polo Machine Biology Group que dirixe De la Fuente, os investigadores lograron ientificar as β-defensinas nos organismos da moa, do papagaio e do rinoceronte. Segundo conta o galego, “a desextinción molecular permítenos retroceder na historia evolutiva e redescubrir moléculas que poderían conter a clave para combater as infeccións actuais”. Estas moléculas antigas, por tanto, poderían servir como base para a creación de novos medicamentos, fronte os cales as bacterias non presentarían resistencia.

A moa representada nun selo neozelandés de 2009. Foto: Shutterstock

Ao analizar computacionalmente un total de oito xenomas, a investigación non só revelou as estruturas das β-defensinas antigas, senón que tamén mellorou a comprensión das súas traxectorias evolutivas a través de análises filoxenéticos e simulacións de dinámica molecular.

Publicidade

Agora, este traballo pioneiro abre a porta ao futuro descubrimento de defensinas en especies extintas ou en perigo de extinción, ofrecendo “unha oportunidade única para aproveitar os antigos mecanismos de defensa da natureza”, e abordar así algúns dos desafíos de saúde pública máis apremiantes na actualidade.

Con todo, non é a primeira vez que o galego recorre aos xenomas de animais extintos. Xa o fixo co mamut, co perezoso xigante a cunha antiga vaca mariña, os cales tamén desapareceron hai miles de anos. É a técnica da desextinción molecular, que pouco a pouco vai gañando terreo no panorama científico actual. A análise dos xenomas de animais extintos é, por desgraza ou por sorte, depende de como se mire, unha fonte inesgotable de recursos e coñecemento. Só tendo en conta o traballo levado a cabo por De la Fuente, o seu equipo xa atopou decenas de miles de novos potenciais antibióticos nestes seres que xa non existen.

Referencia: Defensins identified through molecular de-extinction” (Publicado en Cell Reports Physical Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Unha masa de aire moi cálido sobe ata 10ºC as temperaturas en Galicia na ponte de decembro

O desprazamento do anticiclón das Azores traerá valores inusuais xunto a chuvias persistentes e forte mar de fondo en toda a costa

Cando o corpo se converte en óso: o extraordinario caso da nena galega cunha enfermidade ultrarrara

Cayetana e Celia son dúas xemelgas idénticas que protagonizan un cadro excepcional, unha doenza xenética capaz de xerar óso en tecidos onde non debería existir

Alerta laranxa en Galicia ás portas da ponte: estas son as zonas afectadas

O tempo inestable con ventos fortes, mar adverso e choivas intensas marcará o inicio do descanso festivo, especialmente no litoral entre a Costa da Morte e a Mariña lucense