Os cinco novos Soles Repsol cos que A Coruña amosa a calidade da súa gastronomía

Hotel-restaurante Balarés, Eclectic, Simpar, Terreo Cocina Casual e O fragón son os establecementos recoñecidos

Máis de 50 inspectores e inspectoras son os encargados de decidir quen recibe un novo Sol da Guía Repsol cada ano. Este sistema de calificación, que leva existindo desde o ano 2009, ten en conta todos os aspectos relacionados coa experiencia dos clientes que visitan un restaurante —desde que fan a reserva ata que saen pola porta do establecemento—; así como parámetros relacionados coa sostibilidade, o quilómetro cero, a integración, a economía circular e a coherencia dos proxectos que se cualifican. É dicir, un Sol Repsol sinala aqueles lugares aos que volverías ou que recomendarías ás persoas que queres que pasen unha boa experiencia culinaria. Por esta razón, que aparezan novos Soles Repsol nunha provincia como A Coruña, sempre é unha boa noticia. Neste caso, foron cinco os distinguidos.

“É un recoñecemento que se ben non nos cambia a vida do momento, si que se agradece moito todo o que implique o recoñecemento do noso traballo”, comenta Rafa Varela, que xunto con Silvia Facal conforma o Hotel-restaurante Balarés. “Ademais, persoalmente, para nós telo conseguido en tan pouco tempo e cando menos pensabamos —agora que volvemos á vila na que nacemos despois de estar 20 anos na Coruña— a verdade é que é estupendo”, indica. O Balarés, en Ponteceso, é un dos cinco novos Soles Repsol dos que agora goza a Coruña. Xunto a el foron recoñecidos O fragón, en Fisterra; Terreo Cocina Casual e Eclectic, na Coruña e Simpar, en Compostela.

Publicidade

Priorizar o produto local

“Para min é un indicativo de que se está traballando ben. É un recoñecemento ao bo facer dentro do restaurante e en relación á experiencia do cliente”, comenta Sergio Musso, un dos membros do restaurante urbano de cociña contemporánea galega Eclectic. “Nós traballamos pola excelencia. Facemos un traballo histórico en torno á recuperación da cultura e utilizamos sempre produto de aquí. E estes son dous dos elementos que a guía destaca”, engade.

E non son os únicos recoñecidos con Soles Repsol que traballan con produtos da zona, km cero. De feito, este é unha das chaves para conseguir este recoñecemento e é un dos puntos que unen a todos estes restaurantes. O fragón, por exemplo, ten a filosofía de “cociñar co que lles rodea”; Simpar aposta “pola cociña local actualizada con produto de temporada”; e en Terreo Cocina Casual traballan con “produto de lonxas próximas para crear pratos suxestivos e saborosos”.

Publicidade

  • Claudia Merchán e Alex Smyth, de Simpar. Foto: Guía Repsol
  • Enrique Vázquez e Ana Señarís de Terreo Cocina Casual. Foto: Guía Repsol
  • Fran Insua e Sefa Insua, de O fragón. Foto: Guía Repsol
  • Paco Chicón e Sergio Musso, de Eclectic. Foto: Guía Repsol

Poñer en valor o km 0

“Son varios os criterios, non só a comida, os que teñen en conta. Pero si que é certo que a nosa é unha cociña de mercado, recoñecible, con bo produto, de proximidade…”, di Rafa Varela, de O Balarés. “Penso que agora están centrados neste tipo de negocios que apostamos polo territorio”, subliña.

Sergio Musso coincide nesta apreciación, xa que en Eclectic fan “un traballo serio” para intentar que a súa cociña se cinxa o máximo posible aos produtos galegos, algo que, aseguran, fai pouca xente. Para Musso o máis normal é ver nas cartas doutros restaurantes pratos como ramen galego. “Para que vou buscar un elemento cultural a 20.000 quilómetros de distancia, cando podo ter un cocido de toda a vida?”, pregúntase Musso. “Nós este ano recuperamos o receitario de Victoria Armesto, a fundadora da Casa Grande de Xanceda, porque queremos darlle á cultura local un novo compendio do que é a gastronomía galega”, sostén.

Apostar pola temporada

Pódese dicir entón que os Soles Repsol coinciden co momento social actual no que cada vez máis xente comprende e aprecia a importancia dos produtos propios e de proximidade. Algo que non só se reflicte na calidade do que se come, senón tamén no coidado da contorna e do planeta en xeral. E isto responde tamén a que, nestes restaurantes, os menús adoiten cambiar tamén segundo a temporada.

“Silvia, que é a chef de O Balarés fai compra semanal e, segundo o que atope, imos axeitando o menú”, explica Rafa Varela. “Aínda que é certo que os peixes en xeral son os que destaca máis a nosa clientela, nós intentamos darlle protagonismo a cada produto en cada época. Adecuámonos moito ao que hai no mercado: nun momento poden ser os tomates e noutro a xarda”, incide.

Calidade, proximidade, sostibilidade, cariño, respecto pola cultura… Aínda que os restaurantes entrevistados din non saber por que recibiron o recoñecemento, a realidade é que se trata dun premio ao traballo ben feito e coidado. E, grazas a existencia dos Soles, pódese escoller con máis acerto onde acudir para gozar de gastronomía galega de proximidade e calidade.

Rafa Varela remata desexando que se siga poñendo o foco na zona porque asegura que ten moito futuro e é importante para a gastronomía galega. Porque un recoñecemento sempre axuda a poñer no mapa lugares que, doutro xeito, quizais pasarían desapercibidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia
00:04:51

Lucía Freitas e o proxecto Amas da Terra: “Quero que sexa unha rede das mulleres”

Lucía Freitas, a chef da Tafona, restaurante Estrela Michelín, quere darlle visibilidade á pegada feminina na gastronomía galega

‘A provincia que sabe’ recibe o premio Gente Viajera Galicia á mellor promoción turística

A campaña gastronómica da Deputación da Coruña, galardoada por "promover a innovación nos procesos turísticos”

Descuberta unha nova planta invasora no encoro coruñés de Cecebre

A planta acuática Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, adóitase utilizar para decorar e osixenar estanques e acuarios