Sábado 12 Outubro 2024

A galega Viviana Peña lidera un estudo sobre a acidificación dos océanos

O traballo internacional coordinado pola científica da UDC, analizou en augas do Xapón e Italia o papel clave das algas vermellas coralinas

Non é un fenómeno tan visible como o quecemento global ou os fenómenos extremos que, de forma cada vez máis frecuente, golpean diversas partes do planeta. Pero a acidificación dos océanos, que ocupan máis de tres cuartas partes do planeta, por mor da absorción cada vez maior do CO2 que a actividade humana emite á atmosfera, está a alterar equilibrios moi importantes na natureza. A análise deste fenómeno de acidificación centrou unha investigación internacional que liderou a investigadora da Universidade da Coruña Viviana Peña Freire, científica do grupo BIOCOST da Facultade de Ciencias e profesora de Botánica no departamento de Bioloxía desta mesma facultade. Os resultados do traballo publícanse na revista Global Change Biology, e recollen o impacto da acidificación nas algas vermellas coralinas en augas do oceáno Pacífico (Xapón) e o mar Mediterráneo (Italia).

“Moitas investigacións sobre o impacto da acidificación dos océanos foron levadas a cabo en condicións de laboratorio, pero a existencia de surxencias volcánicas abre a porta a estudar gradientes naturais de pCO2 habitados por organismos bentónicos que levan múltiples xeracións sometidos ás condicións contempladas nos diferentes escenarios futuros de acidificación”, explica Viviana Peña. Para recoller datos nestas surxencias, Peña achegouse ata estes fondos mariños. A investigadora galega é unha experta no estudo destes organismos, descubrindo a primeira alga vermella coralina de auga doce, nun traballo que publicou en Scientific Reports no ano 2016.

Publicidade

Algas vermellas coralinas, “enxeñeiras do ecosistema”

“Tanto estudos experimentais de laboratorio coma estudos previos realizados en estas surxencias volcánicas coinciden en destacar que os organismos de natureza calcárea serán os grandes perdedores neste avance do cambio climático”. E, en concreto, as algas vermellas coralinas son un tipo de organismo moi interesante para analizar. “Teñen a capacidade de calcificar as súas paredes celulares empregando o carbonato cálcico disolto na auga de mar, polo que son idóneas para o estudo da acidificación dos océanos”, explica a científica da UDC.

Están consideradas, deste xeito, unhas “enxeñeiras de ecosistema que son capaces de crear hábitats mariños bioxénicos de grande productividade e biodiversidade”. Son peza fundamental de moitos hábitats mariños e teñen unha distribución global, chegando a acadar grandes profundidades de ata 250 metros no Caribe.

Publicidade

Ademais, segundo explica Viviana Peña, “tamén forman parte de arrecifes de coral no que contribúen á súa consolidación e reclutamento” e “nas rexións temperadas, este grupo de algas forman hábitats costeiros de gran valía ecolóxica coma son os fondos de maerl (ou rodolitos) ou o coñecido coralíxeno no mar Mediterráneo”.

Na investigación observouse que o grupo Hapalidiales resultou ser un dos máis sensibles á acidificación dos océanos, e móstranse tamén outros efectos negativos deste fenómeno, como a simplificación da estrutura do hábitat que foi analizada mediante técnicas de tomografía computerizada.

As imaxes realizadas mediante esta técnica foron posibles grazas á tecnoloxía dispoñible na Estacion de Bioloxía Mariña de A Graña da USC, na que traballan os investigadores María Candás e Guillermo Díaz. “Este resultado foi moi interesante para ilustrar a simplificación do habitat conforme incrementaba o CO2“, destaca Peña.

Reconstrución en 3D das mostraxes de algas Pymatolithon e as concrecións de fauna calcificada arredordelas, tendo en contra tres escenarios: referencia, incremento de CO2 e nivel alto de CO2. Imaxes obtidas por tomografía computerizada na Estacion de Bioloxía Mariña de A Graña da USC.
Reconstrución en 3D das mostraxes de algas Pymatolithon e as concrecións de fauna calcificada arredordelas, tendo en contra tres escenarios: referencia, incremento de CO2 e nivel alto de CO2. Imaxes obtidas por tomografía computerizada na Estacion de Bioloxía Mariña de A Graña da USC.

Así, as imaxes analizadas na estación da USC “mostran que a estrutura do hábitat simplifícase, xa que a perda de abundancia das algas vermellas coralinas afecta negativamente á dispoñibilidade de nichos ecolóxicos para a fauna asociada”. O impacto é “aínda maior na fauna calcificada que sofre os problemas de corrosión pola acidificación e tamén esta perda de hábitat”, engade a científica da UDC.

Perda de biodiversidade e consecuencias

O estudo constata, deste xeito, que “a perda de biodiversidade observada nas dúas áreas estudiadas (Xapón e Italia) está desencadeada polo incremento de CO2 na auga e a súa acidificación” En relación a isto, a acidificación progresiva estudada ao longo do gradiente de pCO2 provoca o debilitamento e corrosión de toda estrutura calcificada, incluídas as paredes celulares das algas vermellas coralinas. Ao longo do gradiente de pCO2, a perda de biodiversidade acada a máis da metade da diversidade coñecida nos sitios control e chega a ser total nos sitios máis impactados. En particular, observouse que dous grupos destas algas (Hapalidiales e Sporolithales) son as máis sensibles ao incremento de CO2“.

Con estes resultados na man, e á vista da “enorme relevancia ecolóxica das algas vermellas coralinas a nivel global”, a autora do traballo advirte que “as consecuencias da perda deste grupo de algas poden ser nefastas para a bioloxía de moitas especies e o mantemento de moitas comunidades mariñas tal como as coñecemos”. Por exemplo, di, “a grande sensibilidade observada nas algas pertencentes ao grupo Hapalidiales resulta preocupante pois todas as especies que forman os fondos de maerl na costa atlántica europea pertencen a este grupo”.

O traballo de Viviana Peña forma parte dos resultados acadados pola investigadora durante as estadías de investigación financiadas pola UDC, do programa Campus Industrial de Ferrol financiado pola UDC e do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral Xunta de Galicia (Plan I2C).


Referencia: Major loss of coralline algal diversity in response to ocean acidification (Publicado en Global Change Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

O eucalipto desborda Galicia: a súa presenza multiplicouse por 11 en 50 anos

A fábrica de Altri incrementará a demanda dunha especie que se disparou nas últimas décadas ata máis de 400.000 hectáreas de superficie

Anatomía da agresiva alga asiática que xa está en Galicia: “É unha catrástofe ambiental”

A 'Rugulopteryx okamurae', orixinaria do Pacífico, ten unha capacidade sen precedentes para desprazar ás especies nativas e causa un grave impacto nos ecosistemas mariños

Sara Varela González: bióloga dende Brasil ata Galicia

Cunha traxectoria profesional en Europa e América, a investigadora destaca polos seus estudos no contexto da ecoloxía teórica, cun foco claro: por que as especies están onde están e son como son