Venres 29 Marzo 2024

Os puntos vermellos da nova onda: transmisión sen control en Sanxenxo e O Grove

Os informes de Saúde Pública advirten das dificultades para rastrexar a transmisión en varios municipios do Salnés, que pasan esta noite a nivel máximo

Na medianoite do venres ao sábado entrarán en vigor as novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia para conter a nova vaga da pandemia da Covid-19. Por agora, o crecemento da transmisión non parece frearse, coa detección de máis de 1.500 casos entre a tarde do mércores e o xoves. Do mesmo xeito, os ingresos xa se sitúan en 189 persoas en unidades de hospitalización e 23 en UCIs, e as máis de 15.000 persoas baixo seguimento están a sobrecargar a atención primaria.

Á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifique as limitacións de reunión acordadas polo comité clínico esta semana, o Diario Oficial de Galicia, nunha edición extraordinaria publicada na noite deste xoves, detallaba varias claves para entender a situación actual da Covid-19 en Galicia. Para argumentar as novas restricións, que situarán a O Barco de Valdeorras, Sanxenxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Cambados, Meaño e O Grove no nivel máximo de alerta, debullábase o informe epidemiolóxico da Dirección Xeral de Saúde Pública con data do 21 de xullo. O documento sostén, deste xeito, as decisións que levaron a dar o paso atrás na ‘desescalada’ por mor da elevada transmisión do coronavirus. E destaca, polas súas características, o risco das situación na comarca do Salnés, nomeadamente en Sanxenxo, O Grove, Cambados ou Meaño, onde está a ser moi difícil trazar as cadeas de contaxios.

Publicidade

Casos sen vínculo epidemiolóxico

Unha das claves para o control da transmisión da pandemia, como veñen salientando expertos e autoridades sanitarias desde o comezo da crise, é a capacidade de tecer un vínculo entre os casos que se detectan. Coñecer a orixe e a traza que toman os surtos é esencial para cortar a transmisión do virus nunha área determinada.

E está habendo problemas para conseguilo actualmente nalgunhas zonas de Galicia. Saúde Pública recoñece que “está sendo dificultoso o rastrexo dos casos, é dicir, coñecer cal puido ser o seu caso fonte, porque as actividades están a centrarse na identificación de contactos, que dado o aumento das interaccións sociais tamén aumenta en número”.

Así, a situación actual no Salnés preocupa pola escasa trazabilidade das infeccións que se están a producir. Preocupa especialmente o caso de Sanxenxo e O Grove polo volume de casos. Na primeira das localidades detectáronse 335 casos nas últimas dúas semanas e 199 desde o pasado 15 de xullo, mentres que no Grove son 123 e 97, respectivamente. Estas cifras elevan a incidencia en Sanxenxo ata os 1.148,5 casos/100.000 habitantes a 7 días e a 751,1 no Grove no mesmo período, segundo os propios datos facilitados no informe.

No Grove só se puideron vincular a algún brote o 4% dos casos, e en Sanxenxo, o 12%

Este documento di que en Sanxenxo “só se puideron rastrexar e vincular os abrochos do 12 % dos casos” e “só se teñen identificados tres abrochos de amigos, seis familiares e un laboral nunha discoteca”. A porcentaxe de casos vinculados a surtos é aínda menor no Grove. Neste concello “só se conseguiu vincular a abrochos o 4 % dos casos”, identificando apenas “un abrocho laboral dunha orquestra que ía participar nun concerto, un abrocho familiar e un abrocho de amigos”. Alén disto, os dous concellos rexistran casos sen asociar vinculados a  taperías, cafetarías, bares, tabernas, pubs, discotecas e unha instalación recreativa.

Nestes dous concellos, como en moitos outros, estanse a realizar cribados poboacionais para detectar posibles casos asintomáticos. Porén, como veñen advertindo nas últimas semanas as autoridades sanitarias, a asistencia está moitas veces por baixo do 50% das persoas convocadas. Ao mesmo tempo, a falta de recursos na atención primaria está a dificultar o seguimento e a atención diante desta nova vaga: a pesar do notable aumento da poboación por mor do turismo, non se están a cubrir as vacantes necesarias.

Tamén no Salnés, outros dous concellos ficarán a partir desta medianoite en nivel máximo. E do mesmo xeito ca Sanxenxo e O Grove, está a ser difícil rastrexar o vínculo entre as infeccións. En Cambados, con 170 casos detectados a 14 días e 89 a 7, “só se puido vincular a abrochos o 28 % dos casos”. E en Meaño, (61 e 38), esta cifra de casos vinculados a surtos cae ata o 18%, segundo Saúde Pública.

Valdeorras e Barbanza

O informe tamén achega detalles sobre os outros concellos que pasarán a nivel máximo, o que vai supoñer a redución de capacidade nos locais da hostalaría (30% no interior e 50% no exterior, ademais da necesidade de presentar certificado de vacinación completa, proba diagnóstica negativa nas 72h previas ou acreditar ter superado o coronavirus para acceder ao interior dos locais) e, se o TSXG o autoriza, a prohibición de reunións con persoas non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada.

No Barco de Valdeorras detállase que a incidencia “comezou a aumentar desde principios de xullo, a raíz dun abrocho orixinado nun establecemento de lecer nocturno que dá conta de 70 casos e cuxo caso fonte é importado dunha provincia de fóra de Galicia”, ademais de coincidir “co regreso dos estudantes e o aumento de relacións entre eles”. Confírmanse, do mesmo xeito, “cinco abrochos familiares, dos que dous afectan a familia estendida e non só o núcleo familiar de convivencia estable”.

No Barbanza, cos concellos da Pobra do Caramiñal e Boiro en nivel máximo a partir desta noite, o vínculo epidemiolóxico entre casos está máis claro: Na Pobra hai apenas “un 14% de casos sen asociar a abrochos e sen vínculo epidemiolóxico”; en total “68 casos están asociados a oito abrochos de diferentes ámbitos, onde predominan os de tipo social”. En total, A Pobra ten 79 casos confirmados nas últimas dúas semanas e 56 entre o 15 e o 22 de xullo.

No concello de Boiro non se conseguiu asociar a ningún surto “un 22% de casos”. A transmisión é elevada: “actualmente están identificados 117 abrochos, familiares e sociais, aínda que se poderían englobar nun gran abrocho relacionado coa celebración das festas de Boiro do 2 ao 7 de xullo, o que desencadeou a transmisión comunitaria sostida”, advirte Saúde Pública. Boiro rexistra 182 positivos a 14 días e 134 na última semana.

Niveis alto e medio

Ademais dos sete concellos que ficarán nas máximas restricións dentro do novo modelo establecido pola Xunta de Galicia, outro bo feixe de municipios están baixo vixilancia pola  transmisión do SARS-CoV-2. Con todo, quedarán un chanzo por baixo por diferentes razóns. Principalmente, pola maior capacidade de rastrexo que está habendo, mais tamén por outros factores, como a tendencia descendente na transmisión (é o caso da cidade de Ourense).

Deste xeito, estarán no nivel alto Arzúa, Avión, Baiona, Barbadás, Burela, O Carballiño, Carballo, Cervo, Fisterra, Foz, Gondomar, A Illa de Arousa, Marín, Melide, Nigrán, Oleiros, Ourense, Poio, Pontevedra, Porto do Son, Ribadeo, Ribeira, O Rosal, Tomiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Vimianzo e Viveiro.

No nivel medio quedarán Ames, Beariz, Boborás, Bueu, Caldas de Reis, Cambre, A Coruña, Culleredo, Entrimo, Fene, Ferrol, A Guarda, Lugo, Maceda, Meis, Moaña, Mondoñedo, Mugardos, Muros, Mos, Noia, Oroso, O Pereiro de Aguiar, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadavia, Ribadumia, Sada, San Cibrao das Viñas, Santiago de Compostela, Sarria, Silleda, Teo, Tui, Vilalba e Vilamartín de Valdeorras.

Todos os demais concellos seguirán no nivel medio-baixo.

Situación actual en Galicia

Aínda que a nova onda está a caracterizarse por unha maior proporción de casos leves e asintomáticos, o aumento da transmisión preocupa ás autoridades sanitarias. As previsións do comité clínico que levaron a restablecer algunhas restricións esta semana falaban dun pico de ocupación en hospitais e coidados intensivos de preto de 1.000 persoas en Galicia se a transmisión actual se mantén durante dúas semanas máis.

Así, o mapa da incidencia acumulada está a tinguirse dun ton cada vez máis vermello, e apenas unha vintena de concellos se mantén sen ningún caso nos últimos 14 días. Nos últimos sete, a cifra chega a 40.

Ademais, a tendencia na última semana está a superar notablemente, na meirande parte dos casos, a rexistrada nos sete días anteriores. Alén do número elevado de casos das cidades, hai máis de 50 concellos que nos últimos sete días rexistran máis dunha trintenta de infeccións. E atendendo ao criterio da incidencia acumulada (ás veces ‘inflada‘ pola escasa poboación dos municipios), serían case un centenar os concellos que terían máis de 250 casos/100.000 habitantes nos últimos sete días. Estendendo o rango temporal ás últimas dúas semanas, máis de 60 concellos superan a taxa de 500 a 14 días.

Aquí podes consultar o mapa:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

A intelixencia artificial na sanidade galega axilizará os diagnósticos e mellorará a eficiencia

A Xunta investirá máis de 200 millóns de euros nos próximos anos para abordar a transformación dixital do Sergas e para impulsar esta tecnoloxía