Na zona transfronteiriza entre Galicia, Zamora e Portugal érguese o castro do Castelo Pequeno de Santigoso, un dos castros máis relevantes de Galicia pola súa extensión. Está nunha área moi interesante de estudo, xa que aínda que existe constancia de varios asentamentos castrexos hai un importante baleiro do seu coñecemento arqueolóxico.
Desde o ano 2017, o concello da Mezquita está a apoiar as intervencións para coñecer mellor este enclave, situado preto da aldea de Santigoso. As escavacións realizadas pola empresa A Citania Arqueoloxía, baixo a dirección de Israel Picón Platas, fixeron agromar estruturas e materiais que constatan a ocupación do xacemento, dunhas 12 hectáreas, desde, polo menos, mediados do primeiro milenio antes da nosa era (a.n.e).
Agora, este lugar incorpora outro achado de magnitude: segundo as análises realizadas por Andrés Teira Brión, profesor da Universidade de Vigo e membro do Laboratorio de Arqueobotánica da USC, no Castelo Pequeno de Santigoso está o centeo máis antigo que coñecemos na actualidade na Península Ibérica, conxuntamente ao xacemento portugués de Crastoeiro (Mondim de Basto), cunha datación dos anos 343-49 a.C.
As sementes foron localizadas nas intervencións arqueolóxicas realizadas no ano 2020, cando tamén se detectaron novas estruturas construídas no castro. Xunto a estes restos tamén apareceron excrementos mineralizados de roedores, “o que nos indica que se alimentaron deste conxunto de cultivos”, explica Andrés Teira. Ao atopalas, o equipo da escavación remitiu os restos para a súa análise. Esta “permitiu documentar grans de varias especies de cereais como e centeo (Secale cereale) e dúas variedades de trigo: a escanda (Triticum dicoccum) e a espelta (Triticum spelta)”, ademais de “abundantes fragmentos doutras partes das espigas dos cereais e sementes de malas herbas, indicando que posiblemente esteamos perante do produto resultante dunha malla aínda sen peneirar”, engade Teira. Este proceso, explica, “é o que permite eliminar os grans daquelas partes das plantas non dixeribles”.
Dunha “mala herba” a un cultivo esencial
Segundo o investigador da UVigo, “o cultivo do centeo ten una historia fragmentada pero moi interesante”. Foi un dos primeiros cereais que se domesticaron no Próximo Oriente hai máis de 10.000 anos, “pero non chegou a cruzar cara Europa durante o Neolítico, quedando como un cultivo local en Asia“, di. Así, é excepcional encontralo nos xacementos castrexos, a pesar de que posteriormente, na Idade Media, xa era un dos cereais máis cultivados en Galicia.
Así, “os primeiros restos desta planta no vello continente corresponden con variedades que medraban como malas herbas asociadas ás leiras de cultivo de trigos e cebadas. Non é ata o primeiro milenio antes da nosa era cando comezan a cultivarse en varios e distantes lugares, iniciándose un novo e independente proceso de domesticación”, continúa Teira Brión. Xa durante a época romana “prodúcese unha expansión do centeo, pero non será ata a Idade Media cando cobre unha grande importancia que perdurará ata o século XX”.
Tal e como destaca Teira, “coa identificación do centeo nas mostras de Santigoso escríbese un novo capítulo sobre a adopción deste cultivo na Península Ibérica, con dúas propostas de narración posibles”.
A primeira das opcións, di “é que proceda dunha domesticación local, ao igual que acontece noutros lugares de Europa”. Unha das características deste conxunto de grans é o seu reducido tamaño e un embrión pouco desenvolvido en comparación cos de épocas posteriores, polo que podería ter evolucionado a partir de variedades de herbas procedentes de cultivos (arvenses). “Malia iso -advirte o investigador- non hai indicios da existencia de centeo como unha mala herba antes das mostras datadas, polo que aínda descoñecemos as etapas previas, no caso de que se producise unha domesticación local”.
A outra hipótese, e quizáis a máis plausible, apunta a unha “introdución polas interaccións co estado romano contra finais do século II a.n.e. ou a comezos do I a.n.e. Isto levaría a considerar que o centeo puido chegar dende outras zonas de Europa, sendo un dos primeiros cambios alimentarios rexistrados a partir deste momento”. Porén, advirte Teira, ” para coñecer máis en profundidade a orixe dos centeos na Península Ibérica aínda debemos agardar a vindeiras e necesarias investigacións”.
Cos datos recollidos en Santigoso non é posible desentrañar cal das dúas opcións é a ‘correcta’, pero salienta ao mesmo tempo o detalle de que as datacións máis antigas do centeo estean no noroeste e non noutras áreas máis próximas ao Mediterráneo, e ás que o estado romano chegou antes.
Aposta polo centeo
Os achados do centeo en Santigoso reforzan, deste xeito, a aposta do concello da Mezquita na divulgación e recoñecemento do cereal. No 2020 iniciouse un proxecto para recuperar o uso do centeo e aproveitar terreos ermos para a produción de fariña e a malla ao xeito tradicional. “Máis de 2.000 anos despois volve unir ás xentes que habitaron Santigoso”, salienta Teira.