Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

A transición cara ao novo século prometía, e moito, para a xente do pasado: coches voadores, fogares robotizados, chamadas telefónicas con holograma incluído… nalgunhas cousas acertaron. Noutras, non tanto. Quen ía pensar que un becho que nin sequera somos quen de ver podería parar a economía mundial do século XXI durante meses? Ao final, non somos moi diferentes do cidadán de hai 100 anos, e os nosos inimigos non mudaron tanto. A historia antiga está chea de epidemias e pragas, como a peste bubónica e a tuberculose. No ano 4.000 a.C., Hipócrates xa falaba dunha enfermidade con síntomas moi similares ao cólera. O certo é que levamos convivindo coas enfermidades infecciosas dende que existimos: no século XX, Galicia enfrontouse a grandes epidemias, e malia os avances da ciencia e a colaboración internacional, non semella posible erradicar das nosas vidas aos microorganismos que causan enfermidades humanas. Non polo de agora.

Dende a OMS faise un chamamento constante á concienciación e a non esquecer que as posibilidades de vivir unha nova pandemia ocasionada por outros patóxenos seguen a ser moi reais. O coronavirus deixou moi claro a fraxilidade da nosa especie, e a necesidade de coidar a saúde da natureza e dos seus ecosistemas. Agora, o virus mpox declarado emerxencia internacional polo gromo do Congo ameaza con rachar de novo coa normalidade recuperada hai tan pouco. En realidade, non é algo inusual, tampouco para os galegos. Moito antes da covid, a poboación viviu outras alertas, pandemias e ata pragas. Estas son algunhas delas.

Publicidade

Galicia, pioneira na vacina fronte a varíola

No ano 1907 as autoridades do Goberno Civil de Lugo recoñecían nun boletín a existencia dun gromo epidémico de varíola no concello de Cervo, lugar onde se atopaba a Fábrica de Fundición e armas de Sargadelos. Nun municipio de menos de 5.000 habitantes na Mariña lucense, notificouse a defunción dos veciños de distintas aldeas, o cal levou a medidas como o peche das escolas e a recuperar as campañas de vacinación na zona. Non hai moitos rexistros sobre o número de falecidos a causa da varíola en Galicia, pero unha cousa está clara: a enfermidade estivo presente ao longo do século XX.

A varíola é unha enfermidade moi antiga: probablemente xurdiu en torno ao ano 10.000 a.C. e, durante séculos, causou distintas epidemias que arrasaron coa poboación mundial. A taxa de mortalidade dos pacientes da varíola chegou a ser dun 30%. A día de hoxe, é a única enfermidade que a humanidade logrou erradicar grazas á vacinación masiva contra o virus: o 8 de maio do ano 1980, a 33ª Asemblea Mundial da Saúde declarou que o mundo e todos os seus habitantes ficaban liberados da varíola. O papel da vacina, deseñada a partir dunha pústula virulenta de vaca e creada por Edward Jenner no ano 1796, foi crucial para lograr este fito na historia da humanidade.

Publicidade

Edward Jenner inocula a primeira vacina fronte a varíola nun neno de oito anos (14 de maio de 1796). Foto: Wikimedia Commons

Porén, Galicia tivo ao seu propio heroe rexional: trátase do doutor Francisco Julián Pérez, que só tres anos despois do achado de Jenner comezou a vacinar a poboación de Vigo. A historia de como chegou a coñecer os estudos do científico inglés é algo que se descoñece. Pérez foi un pioneiro, se temos en conta que as primeiras vacinas fronte a varíola nos Estados Unidos administráronse no 1800.

A mala fama da gripe española

Aínda que non existe un consenso sobre o número de mortos, unha cousa está clara: a malchamada gripe española (que non é orixinaria da península ibérica), causada por unha variante do virus da gripe ou influenza, foi a maior catástrofe sanitaria do século XX. Dependendo da fonte documental, a cifra pode ser de 20 ou de 40 millóns de falecidos nun só ano.

As persoas contaxiadas falecían ás poucas horas ou en cuestión de días e ademais, eran moi novas: se o normal é que estes virus sexan máis perigosos para as persoas de avanzada idade ou os nenos pequenos, a gripe española cebouse cos adultos de entre 20 e 40 anos.

Daquelas non existía cousa tal como ministerios ou consellerías de Sanidade, así que os datos recollíanse polos gobernadores civís de cada zona. No outono de 1918, a gripe española deixou ata 500 mortos só na Coruña. No caso da cidade olívica, a cifra ascende ás 600 persoas falecidas no outubro dese ano. No libro A gripe de 1918 nas terras de Vigo, o historiador Xosé Carlos Abad Gallego recolle como ata o prezo dos limóns subiu na cidade ao venderse como “fórmula milagrosa” para combater o virus facendo gargarexos con auga. E despois hai quen pensa que o da lixivia de Trump era unha novidade…

E cal era a maneira de enfrontarse a un virus tan mortífero no século XX? Pois o de sempre: alimentarse ben. Tamén houbo confinamento e, de feito, o curso escolar atrasouse ata o mes de xaneiro do ano seguinte.

Viñeta cómica de Aguirre no diario El Fígaro, 25 de setembro de 1918.

A poliomelite e o triunfo da vacina

Nas décadas dos anos 50 e 60, e xa de pleno na ditadura franquista, chegou a España una enfermidade moi contaxiosa, e que nun de cada 200 pacientes causaba a parálise do corpo: era a poliomielite, producida por un poliovirus, que ataca o sistema nervioso central. A poliomielite estaba moi presente nos menores de cinco anos e causaba auténticos estragos, como a atrofia espiñal, a deformación das extremidades e, nos casos máis severos, a morte.

A polio deixou imaxes brutais na época, como os famosos pulmóns de aceiro, máquinas nas que se introducía aos pacientes coa musculatura respiratoria danada para que puidesen respirar. Aínda a día de hoxe recoñécese a súa pegada nos nosos maiores, que no pasado foron os “nenos da polio”.

Pulmóns de aceiro. Foto: Wikimedia Commons.

En Galicia, os casos de poliomielite comezaron nos anos 40, aínda que o pico de actividade da enfermidade deuse, segundo os datos do Sergas, nos anos 50 e 60, con case 200 pacientes en cada década. Finalmente, no 1965 introduciuse unha vacina fronte ao virus e, hoxe en día, Europa é unha zona declarada libre da enfermidade: dos máis de 350.000 casos de persoas infectadas notificados en máis de 125 países no ano 1988, hoxe tan só hai dous países no mundo onde a polio persiste, Afganistán e Paquistán. En Galicia, os últimos dous casos déronse no ano 1982 en Lugo.

Anos antes, á mesma provincia chegaba un equipo de científicos subidos a lombos dunha mula ou dun carro coa promesa dunha cura para a polio. O virólogo Rafael Nájera formaba parte daquel grupo, que penetrou nas aldeas máis illadas entre as serras de Lugo e León para inmunizar a máis de 200.000 nenos e nenas grazas á vacina creada polo científico estadounidense Albert Sabin. Daquelas xa existía outra vacina, patentada por Jonas Salk. Con todo, a dificultade para transportala e administrala nas zonas máis rurais de Galicia decantou a balanza a prol da de Sabin, que se administraba dun xeito oral e cun menor custo. Estudos recentes suxiren que a campaña da vacinación en Lugo e León fíxose como unha proba piloto, ocultando parte da información á poboación e mesmo aos médicos involucrados nela, organizando unha especie de ensaio a gran escala. Finalmente, a vacina que permaneceu e se ocupou de erradicar os gromos en España e no resto do mundo foi a de Salk.

Pandemia mundial da sida: unha tarefa pendente

A historia do VIH está chea de estigma e descoñecemento. Non foi ata a década dos anos 80 que os médicos comezaron a reportar casos de pacientes que compartían cadros clínicos e enfermidades oportunista moi pouco comúns na poboación xeral. Ademais, no caso dos pacientes de VIH dábanse ao mesmo tempo como un cancro raro de pel xunto cunha infección pulmonar que só transmiten os paxaros. En España, o primeiro caso de sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) notificouse no ano 1981. Tres anos despois, notificábase a primeira persoa con VIH en Galicia. Dende entón, a enfermidade é a culpable de máis de 25 millóns de mortes no mundo, e a día de hoxe está catalogada como a pandemia de VIH/sida, aínda activa.

Cartel do ano 1986 que invitaba aos empresarios a non contratar a persoas con sida.

Causada polo virus VIH e transmitida a través de fluídos corporais de persoas que padecen a infección, a sida vencellouse ás poboacións que o resto da sociedade rexeitaba: homosexuais, prostitutas, drogadictos… Neste sentido, o papel de figuras públicas con sida como Magic Johnson ou a modelo Gia Carangi foi impresdincible para mudar a opinión da poboación e loitar contra o estigma. A día de hoxe, os tratamentos para a enfermidade son moi efectivos e a esperanza de vida dos pacientes é moitísimo maior.

En Galicia, entre os anos 1984 e 2008 faleceron 2.678 persoas por VIH/sida. O pico da enfermidade acadouse no ano 1995, con case 300 falecementos nun só ano. Foi unha auténtica epidemia para a poboación nova, sendo a primeira causa de morte na franxa de idade que vai dende os 25 aos 34 anos entre os anos 1993 e 1996. A día de hoxe, a prevalencia da enfermidade é moi baixa na comunidade e, segundo o último informe do Sergas, entre os anos 2004 e 2022 rexistráronse 3.268 casos de persoas infectadas por VIH, o cal representa unha incidencia anual de seis casos por cada 100.000 habitantes.

Medidas de contención: nada novo

A pandemia ocasionada polo SARS-CoV-2 deixou moitas leccións, incluíndo un curso avanzado de microbioloxía e viroloxía. Calquera cidadán coñece hoxe termos como PCR, cepa, ou citoquinas. Con todo, o inicio da emerxencia sanitaria estivo marcado polo medo e o descoñecemento: Como se transmite? Que síntomas causa? Podo morrer se me contaxian?

O mesmo debían pensar os cidadáns de Vigo no ano 1899, cando un gromo de peste bubónica chegou á cidade de Oporto. Aínda que non está documentada a morte de ningún galego a causa da infección aquel ano, a cidadanía e as autoridades daquela puxeron en marcha unha serie de medidas para evitar a propagación da enfermidade. Medidas que recordan, e moito, ás do coronavirus.

Memoria sobre a peste bubónica en Oporto do doutor Ángel Cobián Areal.

A prensa galega da época seguía a evolución do gromo portugués a diario, e os expertos da época facían as súas recomendacións, como mellorar a hixiene das latrinas na cidade da Coruña e instar os concellos a adquirir estufas de desinfección.

Outras medidas ían máis aló: o gobernador civil de Pontevedra ordenou fumigar os viaxeiros procedentes de Portugal. Tamén houbo medidas de confinamento, e a Cruz Vermella puxo a disposición das autoridades camas e traxes illantes para o persoal sanitario. Os fondos públicos destináronse, en parte, a adquirir o que debeu ser o devanceiro do xel hidroalcólico do futuro, chamado soro antipestoso.

Se algo queda claro é que sempre estivemos expostos a pragas, epidemias e ata pandemias. A humanidade leva miles de anos batallando contra as infeccións e, aínda que hoxe sabemos máis que nunca, nunca estivemos máis expostos a elas. Para enfrontarnos aos novos retos que de seguro virán, ademais do coñecemento científico, precisamos de empatía: o que pasa nunha rexión afastada do mundo pode chegar a nós nun pestanexo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Emerxencia internacional polo virus mpox: cantos casos hai e como afectará a Galicia?

Saúde pública acudiu hoxe a unha a unha reunión co Goberno central co obxectivo de avaliar o risco ante a nova alarma sanitaria, mentras que a cifra de contaxios por varíola símica permanece na comunidade en seis casos

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno