Os casos de mpox en Galicia elévanse a 14

A maioría das infeccións concéntranse na Coruña e outras dúas en Pontevedra. Todos os afectados son homes de entre 27 e 65 anos

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de notificar un total de 14 casos de mpox en Galicia, dous máis que a semana pasada. Segundo indican dende a Xunta, todos os casos declarados son homes de entre 27 a 65 anos. A maioría das infeccións (12) rexístranse na provincia da Coruña e as dúas restantes na de Pontevedra. O gromo actual de mpox comezou o 12 de decembro, cando o primeiro caso notificado iniciou síntomas.

A Consellería de Sanidade confirma que en 12 das infeccións xa se identificou como mecanismo de contaxio a transmisión sexual, mentres que nas outras dúas non se puido determinar. Das persoas afectadas, dúas estaban vacinadas, todas rexistraron síntomas e unha delas requiriu hospitalización.

Publicidade

Risco moi baixo

O risco xeral desta infección na comunidade galega segue a ser moi baixo, pero a Consellería de Sanidade lembra a importancia de seguir unhas recomendacións básicas de prevención e actuación no caso de presentar síntomas compatibles co mpox ou de ter sido contacto estreito dunha persoa diagnosticada. A mpox é, na maioría dos casos, unha enfermidade leve e autolimitada. A detección temperá e a colaboración cidadá son claves para evitar a súa transmisión.

Se unha persoa presenta síntomas compatibles, como febre, malestar xeral, ganglios inflamados ou lesións na pel (especialmente vesículas ou pústulas), recoméndase evitar o contacto estreito con outras persoas, incluíndo relacións íntimas, ata recibir valoración sanitaria. Cubrir as lesións cutáneas, se as houbera, e extremar a hixiene de mans. Ademais débese empregar máscara se existen síntomas respiratorios.

Publicidade

No caso de ser contacto estreito (persoa que tivo unha exposición directa e prolongada cun caso confirmado, especialmente con contacto físico próximo), hai que vixiar a aparición de síntomas durante 21 días desde o último contacto, así como reducir as interaccións sociais. No caso de que comece a sintomatoloxía compatible, contactar de inmediato co sistema sanitario e evitar o contacto con outras persoas.

Cando está indicada a vacinación?

A vacina contra a mpox está dispoñible en Galicia, e pode ser unha ferramenta útil de prevención. Está indicada en persoas consideradas en risco elevado debido á súa situación ou profesión, como aquelas con prácticas de risco ou persoal sanitario exposto. Trátase dunha profilaxe preexposición. Tamén naquelas que tiveran contacto estreito cun caso confirmado e que non teñan antecedentes de infección previa. Neste caso trátase dunha profilaxe postexposición e debe administrarse idealmente ata catro días despois do primeiro contacto (aínda que se pode ofrecer ata os 14 días se non hai síntomas).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica