Domingo 28 Abril 2024

A gripe española de 1918: o outono do pánico en Galicia

Deixou en todo o mundo uns 20 millóns de mortos, cifra que algúns estudos elevan a 40 e, mesmo, ata 100 millóns. En tan só uns meses, reduciu en dez anos a esperanza de vida nos países desenvolvidos. E, a diferenza dos brotes habituais cada inverno, cebouse na xente nova, que falecían entre 3 e 5 días despois dos primeiros síntomas, vítimas dunha ‘tormenta de citocinas‘, un shock do sistema inmunitario.

Aquel outono de 1918 deixou en Galicia milleiros de mortos. En Vigo, foron máis de 600. Na  cidade da Coruña, falan de 569; na provincia de Lugo, faleceron pola gripe máis de 5.000 persoas, 400 delas na capital. E na provincia de Ourense, morreron 145 de cada 10.000 habitantes naquela tempada vírica.

Publicidade

En Vigo, houbo máis de seiscentos mortos, que chegaron a colapsar os cemiterios no outono de 1918. No mes de xuño existía xa certo clima de psicose ante a inminente chegada da enfermidade. Nas noticias dos diarios, podía lerse como avanzaba desde Barcelona e Madrid, cidade a cidade, sen remedio. O laboratorio municipal tomou medidas cautelares xa no verán, cunha exhaustiva desinfección de locais públicos, como escolas, igrexas, teatros e mesmo prostíbulos no barrio da Ferrería. Pero esta actuación e as sucesivas recomendacións de hixiene non serviron de nada: en setembro xa había en Vigo 53 persoas hospitalizadas pola gripe. E en outubro desencadearíase a máis terrible crise sanitaria. Ao longo do mes, o Concello ordena a desinfección diaria de cafés, hoteis, templos e vehículos de viaxeiros.

Doenes de 'influenza' nun hospital.
Doenes de ‘influenza’ nun hospital.

Na Coruña, a situación de pánico foi similar. O 19 de setembro, falecía a considerada primeira vítima, Herminia López Iglesias, de 35 anos, filla do propietario do Hotel Gran Oriente, situado na praza de Pontevedra. Entre as autoridades, espallouse o convencemento de que os trasatlánticos que chegaban ao porto tiñan a clave da propagación do virus. E comezaron a ser recoñecidos polo director de Sanidade Exterior todos os pasaxeiros que baixaban a terra, mentres se desinfectaban as súas maletas e petates.

As desifeccións extendéronse por toda Galicia, tamén nos tranvías, autocares e ferrocarrís. Os reclutas que ían e viñan de facer o servizo militar tamén espallaban a doenza. Na Coruña, houbo un foco moi activo no Rexemento de infantería Isabel A Católica, no cuartel de Atocha. O Hospital Militar coruñés non daba abasto.

As estampas de pánico eran comúns en toda Galicia e sería imposible retratar todas. En Ourense, tivo que habilitarse un hospital de campaña no Círculo Católico de Obreiros, para pasar logo ao edificio dos Maristas. Crearon unha Estación de Desinfección de Roupas e o chamado ‘Hospitalillo’ quedou colapsado de contado.

O 12 de outubro, en Vigo prohíbese totalmente a celebración de espectáculos de ningún xénero, así como as reunións nos cemiterios, nin sequera para honrar aos mortos. O 16 de outubro, o laboratorio municipal dita a desinfección diaria da correspondencia que chega ao servizo de Correos. Tamén se obriga ao peche de todos os bares e cafés da cidade. E unha orde do 17 de outubro de 1918 establece que se vete o acceso aos tranvías a persoas que aparenten ter febre.

Os mortos cóntanse por decenas todos os días. E a gripe española non distinguirá idades, como tampouco clases sociais. O 8 de outubro morre aos 35 anos de idade, vítima do virus, o marqués de Mos e Valadares, Fernando Quiñones de León, no mesmo pazo de Castrelos.

En toda Galicia, a prensa da época transmite esta situación dramática. Nos xornais de novembro de 1918, lemos os chamados aos galegos para extremar as medidas de hixiene. Entre todos, lembramos o do modesto semanario El Tea, que se publica en Ponteareas, e atopamos “As 16 recomendacións para loitar contra a grippe”.

Recomendacións para a 'grippe' en El Tea.
Recomendacións para a ‘grippe’ en El Tea.

Entre elas, está encalar as fachadas das casas, “non concorrer en lugares pechados onde se aglomeren persoas”, desinfección das habitacións “queimando nelas xofre”, así como “permanecer ao aire libre e ao sol o maior tempo posible”.

As recomendacións, que atopamos tamén noutros diarios, inclúen “facer que os enfermos cuspan en cuspideiras que conteñan auga e sulfato de cobre”, lavar as mans coidadosamente con xabón e alcol, ademais de “facer vida ordenada, sen abusar de alcois nin praceres, alimentándose coidadosamente”.

O último punto destes consellos é o máis revelador: “Non deixarse dominar polo medo, que diminuíndo as defensas orgánicas, facilita a invasión”.

Pero o medo está por todas partes, porque hospitais e cementerios están colapsados en toda Galicia. E os municipios reparten caldo e mantas entre os máis necesitados. No libro La gripe española, de  José María Eiros, María del Rosario Bachiller e Alberto Pérez, as cifras sobre Galicia asustan. De agosto do 18 a abril do 19, rexistráronse en Ourense 145 mortos por cada 10.000 habitantes por mor de problemas respiratorios; uns 127 na Coruña, 110 en Lugo e 89 en Pontevedra, que foi, en conxunto, a provincia menos afectada das catro. A media española foi de 92 mortos de enfermidades respiratorias por cada 10.000 habitantes.

Foi a visita da ‘gripe española’, coñecida inxustamente así en todo o mundo porque España, que non estaba en guerra, facía públicos os datos de mortos mentres as potencias da I Guerra Mundial os censuraban. Aqueles meses de hai exactamente un século foron o outono do pánico en Galicia.

Un virus que volveu á vida no 2005

O virus da chamada ‘gripe española’ de 1918 non desapareceu. A súa reconstrución representa o primeiro exemplo dun organismo extinguido que volveu a ser recreado grazas aos avances de secuenciación e de enxeñería xenética. Este fito histórico foi posible en 2005. Aínda que existían mostras de pulmóns de soldados estadounidenses falecidos, non contiñan virus vivos, xa que foron inactivados durante o proceso de conservación dos tecidos. Con todo, o que si se atopou é o material xenético do virus, aínda que fragmentado e mesturado co humano.Por iso o grupo de Jeffery Taubenberger , quen liderou a investigación, puido secuenciar parte do xenoma a partir destas mostras. Para investigar a virulencia foi necesario desenvolver as técnicas de enxeñería molecular inversa no Hospital Mount Sinai, de Nova York. A partir da secuenciación púidose sintetizar o xenoma e rescatar virus vivos cun xenoma idéntico ao de 1918. Hoxe sábese que foi un virus de alta patoxenicidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica