Unha fronte fría deixará chuvia e acusado descenso térmico na fin de semana

O día de maior inestabilidade será o sábado, mentres que o domingo Galicia recuperará a influencia anticiclónica

Galicia está ás portas dunha fin de semana marcada pola inestabilidade. Unha borrasca situada ao sur das illas británicas enviará este sábado unha fronte activa que entrará polo noroeste e deixará abundantes precipitacións no litoral atlántico durante a mañá. A masa de aire frío que a acompañará provocará un importante descenso térmico, que se notará máis acusadamente nos valores mínimos. Con todo, este episodio de chuvascos e temperaturas frescas durará pouco: o anticiclón volverá exercer a súa influencia sobre Galicia a partir do domingo.

Máis polo miúdo, este venres Galicia estará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Malia que durante a mañá os ceos estarán nubrados nas provincias atlánticas, que tamén experimentarán chuvias febles, a situación cambiará durante as horas da tarde. Máis alá das brétemas costeiras que prevé Meteogalicia nas Rías Baixas, quedará tempo solleiro e ceo despexado tanto no sur como no leste de Galicia. As temperaturas mantéñense arredor dos 26 graos, salientando Ourense, con 33. As mínimas roldan os 18 graos.

Publicidade

Variabilidade nas temperaturas

O día máis inestable da fin de semana será o sábado, debido á chegada dunha fronte activa que deixará chuvias no litoral atlántico pola mañá. Con todo, conforme avance a xornada irase desprazando cara ao interior, ao tempo que perde intensidade. No que respecta ás temperaturas, o maior descenso nas máximas experimentarao o leste de Galicia. En canto ás cidades galegas, Ourense e Pontevedra rexistrarán os valores máis altos, con 27. O resto quedan arredor dos 24. En canto ás mínimas, quedan nunha media de 16 graos.

O domingo xa volven os ceos despexados e o tempo solleiro, dado que se recuperará a influencia anticiclónica. Un dos aspectos máis salientables da xornada será o acusado descenso térmico nas temperaturas mínimas, que non superarán os 12 graos e que quedarán en tan só 8 na cidade de Lugo. As máximas, pola contra, non experimentarán cambios significativos respecto ao día anterior. Esta situación de estabilidade agárdase para o resto da semana, co anticiclón actuando de novo sobre Galicia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres frontes atlánticas consecutivas deixarán precipitacións e ceos nubosos en Galicia

A semana presentará unha situación moi diferente entre o sur e o norte da península, onde a influencia anticiclónica deixará paso a un tren de sistemas fríos

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia