Venres 29 Marzo 2024

O Gran Burato: un enorme cráter baixo as augas galegas

O descubrimento desta estrutura submarina a comezos de século acadou un notable interese mediático pola posible explotación para obter gas

A tan só 200 kilómetros da costa galega hai un xigante. Górecese baixo o mar, a máis de 1.700 metros de profundidade. Alí, as augas abrazan un cráter que acada os catro kilómetros de diámetro. As súas dimensións, tan singulares como rechamantes, foron a mellor fonte de inspiración para apodalo como Gran Burato. Dende que se coñeceu a súa existencia, a comezos dos anos 2000, o grupo de Investigación Mariña e Ambiental (GEOMA) da Universidade de Vigo desenvolveu numerosas investigacións sobre esta curiosa estrutura xeolóxica de orixe gasístico, considerada unha das máis grandes do mundo.

“A primeira vez que detectamos, con certo detalle, a presenza deste Gran Burato, é no 2002, ao abeiro dunha serie de campañas de exploración relacionadas co naufraxio do Prestige”, explica o coordinador do GEOMA e catedrático da Universidade de Vigo, Daniel Rey. A partir dese momento, esperta o interese por obter máis información acerca deste singular cráter submariño. “Esta estrutura non é anómala se atendemos á súa orixe. Naceu dunha explosión causada polo gas que había no subsolo, que foi liberado bruscamente a través dunha serie de fracturas e que cando chegou á superficie provocou unha explosión”, indica Rey. De feito, el recoñece que estes escapes de gases “son extraordinariamente comúns”. Polo tanto, o Gran Burato non chama a atención polo seu proceso de formación, senón polo seu tamaño. Unhas dimensións que o afastan considerablemente dos outros dous cráteres que se atoparon ao seu arredor.

Publicidade

Modelo de elevación dixital da área do Gran Burato. Fonte: MB bathymetry EEZ, IEO processed
Modelo de elevación dixital da área do Gran Burato. Fonte: MB bathymetry EEZ, IEO processed

O interese económico do Gran Burato

A investigación sobre o Gran Burato non cesou dende o 2002, pero si o fixo o seu interese mediático. Malia que nos últimos anos xa se publicaron varias teses sobre este cráter submariño, situado baixo as augas galegas, pouco máis se soubo del fóra dos círculos académicos. “A raíz dunha serie de artigos que publicamos hai uns anos, a Xunta de Galicia mostrou interese por averiguar cales eran as posibilidades de que o Gran Burato albergase gas”, recorda o coordinador do GEOMA.

Segundo el mesmo relata, asinouse un convenio entre a administración autonómica e a Universidade de Vigo que deu lugar a dúas campañas: unha durante o 2010 e outra durante o 2011. “Había interese ante a posibilidade de que tiveramos unha fonte de gas natural aquí en Galicia, mais determinouse que era un xacemento moi complicado”, afirma Rey. É dicir, que non se trataba dun proxecto que fose viable economicamente, xa que habería que facer un investimento millonario. Aínda que houbo compañías petrolíferas interesadas, tamén houbo varios factores que xogaron en contra.

“Había interese no gran burato ante a posibilidade de que fose unha fonte de gas natural para Galicia”

“En España non hai grande interese nestes xacementos. Moitos deles teñen unha gran complexidade técnica e tamén hai unha forte presión ambiental”, apunta Rey como posibles motivos da non exploración do xacemento. Así mesmo, explica que eles só contaban con indicios; coa posibilidade de que podía haber gas. “As compañías valoran se vai ser rendible economicamente e á hora de facer o investimento, eses millóns de dólares, non o acaban de ver claro”, expón Rey. Unha situación que podería ser comparada co que aconteceu en Canarias hai uns anos, cando as petrolíferas mostraron interese polas “reservas probadas” de recursos que había nas illas, máis o proxecto non foi adiante pola presión social exercida.

Bases de datos do Gran Burato. Fonte: GEOMA
Bases de datos do Gran Burato. Fonte: GEOMA

Outras vías de investigación

Fóra dos intereses económicos e da súa viabilidade, o Gran Burato segue a ser protagonista no ámbito académico. “A investigación acerca deste cráter ten unha orientación completamente diferente á de hai 10 anos”, expón Rey, aludindo a aquelas campañas que buscaban gas natural nas entrañas do cráter. Mais tal e como afirma o investigador, as liñas de estudo que se están a defender hoxe en día —que son as que se marcan dende o contexto español e europeo— xa non camiñan cara á busca de combustibles fósiles, senón cara ao encontro de fontes de enerxía alternativas, como pode ser a maremotriz ou a eólica. “Nós seguimos pedindo proxectos, pero máis centrados en cuestións de cambio climático e non de recursos fósiles”, engade Rey.

As liñas de investigación actuais buscan fontes de enerxía alternativas e non combustibles fósiles

O coordinador do GEOMA admite que lles gustaría volver á zona do Gran Burato para facer unha inspección moito máis profunda do terreo. Ao longo destes 10 anos, eles non pararon de estudar e analizar. De interesarse polo que hai baixo as augas e de coñecer, o máis preto posible, ese gran cráter con forma de xigante. Esas campañas de 2010 e 2011, aínda que estiveron orientadas á busca de recursos fósiles, marcaron o inicio dunha adquisición de datos que se foron ampliando co paso do tempo. O segredo que revela Rey non é outro que a investigación incansable. A mesma que descubriu o Gran Burato e segue atenta a el, alimentado un interese calado pero frutífero que aloumiña un xigante con pés de barro.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

3 COMENTÁRIOS

  1. Temos unha situación desesperada, e ante unha situación dedesperada, remedios desesperados.
    Si nos dende aquí mproduxeramos o gas licuada, rematariían as presions para xustificar unha guerra e a vez poñerían a Galicia no mapa mundial. Co o que supón en termos economicos e laborais.
    Eso si, exixindo a maxima seguridad bioloxica.

  2. Os cidadáns de a pé non podemos facer moito, e os que poden non lles interesa porque hai intereses polo medio e moi pouca sensibilización climática. Hai que aprender a pensar no mañá, e os políticos están interesados en pasar o día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila