Praias galegas pechadas ao baño pola carabela portuguesa: por que hai cada vez máis?

Os movementos das correntes e os cambios na temperatura do mar son algunhas das causas do aumento da súa presenza na comunidade

Novas aparicións de carabelas portuguesas están pechando as praias aos bañistas e provocando a actuación das autoridades locais nos últimos días. Entre elas, as da Lanzada, Areas, Silgar, San Francisco, Area Maior e Cabío-Lombiña, segundo MedusApp. A súa detección súmase ás de medusas como as detectadas no porto da Coruña. Un aumento que, no caso do concello do Grove, xa implicou a retirada de máis de 100 exemplares en menos de dous días. “É un récord”, aseguraba o rexedor local.

“Non é estraño que aparezan no sur, a cuestión é que cada vez aparecen con maior frecuencia”, explica Alfredo López, biólogo mariño da Coordinación para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA). O experto destaca que antes a súa aparición estaba asociada a fortes temporais do sur e suroeste mentres que, en cada vez máis ocasións, chegan sen necesidade de que se dean ese tipo de circunstancias climáticas.

Publicidade

Os motivos da aparición das carabelas

Entre as causas, apunta López, están os movementos das correntes e os cambios na temperatura do mar. “Isto fai que algunhas especies que vivían nunha temperatura determinada poidan aumentar o seu rango de distribución”, aclara, e destaca a diferenza con hai apenas uns anos, cando eran casos moi puntuais.

As correntes tamén inflúen moito, xa que hai certas augas oceánicas que chegan á costa e que traen fauna asociada. “É o caso por exemplo destes días no porto da Coruña, que hai unha invasión dun tipo de medusa”, recorda o biólogo. Tamén hai que ter en conta que cara ao final de verán tende a haber unha maior concentración destes animais.

Publicidade

“É un fenómeno natural de moi alto alcance”, asegura López. As actuacións de momento dependen dos propios concellos e autoridades, que deben pechar as praias e, nalgúns casos, retirar os exemplares que poidan acabar nos areais. De atopar algunha, o experto recomenda avisar os socorristas ou o 112 para mellorar o control da situación e evitar que os bañistas poidan facerse dano.

Unha picada máis perigosa

O contacto coas carabelas poden causar lesións na pel con marcas vermellas, inflamación e sensación de queimadura intensa. Son máis dolorosas que outros tipos de medusas e tamén poden provocar outros síntomas como mareos, náuseas, dificultade para respirar e ata alteracións cardíacas. Por iso, no caso no que a dor se estenda máis aló da zona localizada ou se a reacción é moi forte, é imprescindible buscar atención médica.

“Sempre hai que recalcar que os efectos son da persoa, non do animal”, asegura López. É dicir, que as consecuencias dependen de como reacciona o corpo ao entrar en contacto con esas células urticantes. “Claro, a persoa non o sabe ata que lle pica”, destaca o biólogo. Por iso, recomenda evitalas e avisar para previr a interacción con outras persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar