Catro pasos a seguir ante a picadura dunha medusa

A Consellería de Sanidade ofrece unha lista de recomendacións ante a deteccións de carabelas portuguesas nos areais galegos

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa a poboación do protocolo a seguir no caso de sufrir a picadura dunha medusa nas zonas de baño de Galicia. Durante as últimas datas, detectouse a presenza de carabelas portuguesas (Physalia physalis) en diferentes areais galegos. E malia que esta especie non é considerada unha medusa, dado que son colonias de pequenos organismos mariños denominados hidrozoos, as formas de actuar ante a súa picadura son as mesmas que se deben seguir coas augamares.

En primeiro lugar, a persoa que fose alcanzada por unha medusa deberá saír da auga e eliminar os posibles restos de tentáculos que teña no corpo. Así, para realizar esta extracción deberá evitar o contacto directo coas mans, empregando pinza ou luvas, ou na súa ausencia, co bordo dun obxecto ríxido e plano. Nesta primeira actuación, é moi importante que en ningún momento se rasque ou fregue a zona afectada, nin que se empreguen toallas ou area para limpar a ferida, xa que esta presión podería aumentar a liberación de veleno.

Publicidade

O segundo paso a seguir é lavar a zona afectada con auga de mar limpa, comprobando previamente que esa auga non teña fragmentos de tentáculos. Neste caso, é preciso apuntar que endexamais se debe lavar a zona afectada con auga doce, dado que o cambio de salinidade provoca unha maior liberación de veleno. Tampouco se debe utilizar amoníaco, vinagre ou ouriños.

En terceiro lugar, deberase aplicar frío sobre a zona da picadura mediante unha bolsa de plástico con xeo, e por un espazo de tempo de 15 minutos. Deste xeito, evitase que o veleno pase á rega sanguínea.

Publicidade

O cuarto e último será desinfectar a ferida con tintura de iodo para evitar posibles infeccións. Así, coidarase a ferida ata que cicatrice e tentarase evitar outra posible picadura durante o resto do verán, pois as súas consecuencias poden ser moito peores ao quedar o corpo sensibilizado ao veleno.

Cómpre lembrar que no caso de que a praia conte con servizo de socorrismo, deberase acudir ao mesmo e que, no caso de padecer síntomas xerais como náuseas, vómitos, mareos, cambras musculares, dor de cabeza, ou dificultade para respirar, deberase acudir ao centro sanitario máis próximo ou chamar ao 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo logra criopreservar larvas de medusa por primeira vez no mundo

O estudo do CIM pode transformar as estratexias de conservación da biodiversidade mariña e impulsar novas liñas de investigación en bioloxía e acuicultura

Praias galegas pechadas ao baño pola carabela portuguesa: por que hai cada vez máis?

Os movementos das correntes e os cambios na temperatura do mar son algunhas das causas do aumento da súa presenza na comunidade

Non só hai carabelas portuguesas: estas son as medusas que podes atopar este verán nas praias galegas

A presenza de diferentes especies de augamares en Galicia aumenta cada ano, cunha distribución que abrangue boa parte do litoral, con especial incidencia na Mariña lucense

Non son unha, son catro: identifican novas especies de carabela portuguesa

Un estudo xenómico ligado ao CSIC revela que a suposta única 'Physalia physalis' ten tres parentes máis na súa familia