Un proído intenso arredor dunha marca vermella na pel. E, por se non fose suficiente, unha dor intensa que se estende pola perna na que te picou unha medusa. Coñeces os seus síntomas pero ás veces non é tan doado evitalos. O verán é a época na que máis nos apetece nadar no mar, pero tamén é o momento de máxima abundancia de medusas nas praias. Agora, grazas a unha aplicación desenvolvida por investigadores españois, podemos saber en tempo real se hai medusas nos areais aos que imos habitualmente. E como ben di o refrán, sempre é mellor previr que curar.
MedusApp é unha ferramenta gratuíta que se basea na ciencia cidadá. É dicir, aliméntase da información de avistamentos e picadas que envían os seus usuarios, ben con fotos ou simplemente datos. Por defecto, na aplicación aparecen os avistamentos dos dous últimos días, malia que o filtro se pode modificar. En Galicia, por exemplo, sinálanse varias praias dende a Costa da Morte ata a Mariña lucense. Todas elas responden ao que coñecemos como carabela portuguesa (Physalia physalis) que, en realidade, non é unha medusa, malia que teña a mesma apariencia.
“De entrada, unha sorpresa: unha carabela portuguesa non é unha medusa”, confirma a bióloga Victoria de Andrés Fernández, da Universidade de Málaga, nun artigo publicado recentemente en The Conversation. Segundo explica, estes organismos poden parecer moi simples pero, en realidade, son “extraordinariamente complexos”. “O que criamos un só animal non é tal: trátase dunha sofisticada colonia de individuos (zooides) con formas e funcións moi diversas. Dispóñense de tal maneira que emulan a anatomía dunha medusa”, engade a autora no seu artigo.
Polo tanto, malia que as carabelas portuguesas non son medusas, si aparecen identificadas na aplicación, dado que dá a posibilidade de xeolocalizar outros elementos como plásticos, aceites, espumas ou, incluso, outros organismos mariños. De feito, na praia de Quenxo, en Rianxo, infórmase do achado dunha lebre de mar varada na area. Preto dela, na praia de Porrón, no mesmo concello, un círculo verde informa os usuarios de MedusApp que están ante unha zona libre de medusas.
Segundo a lenda, as medusas ou carabelas identificadas clasifícanse seguindo catro cores. A escala mide como de urticantes son os organismos e, conforme se escurece a cor, máis proído provocan. As carabelas portuguesas, por exemplo, están no nivel 4, de cor vermella, que identifica os animais “moi urticantes”. A única que non aparece cualificada como tal en Galicia é unha na praia de Santa Comba, en Ferrol. Outros dos puntos marcados na praia das Polas está no mínimo nivel, en branco, dado que o organismo fotografado aínda non está identificado.
Máis de 20 praias galegas
Segundo a aplicación, as carabelas portuguesas apareceron en 20 praias galegas. Entre elas, as de Laxe, Arealonga, Baldaio, Cabalar e Santa Comba. Os exemplares identificados polos usuarios estaban entre os 5 e os 25 centímetros, e algúns deles eran crías. De todos modos, a franxa que vai dende a Costa da Morte ata a Mariña lucense non é a única na que se avistaron carabelas portuguesas. Tamén hai constancia, malia que non aparece recollido na aplicación, a identificación de exemplares de Physalia physalis no Grove e en Vigo.
Na aplicación, deseñada por investigadores da Universidade de Alicante, do CIBER de Enfermidades Respiratorias, do CIBERES Laboratorio de Inmunoalerxia, do Instituto de Investigación Sanitaria Fundación Jiménez Díaz e do Equipo LIFE Cubomed tamén inclúen unha guía sobre como actuar ante a picada dunha medusa. No caso de Physalia physalis, a única identificada en Galicia pese a non ser unha medusa, os investigadores advirten de non aplicar auga doce, vinagre, vendaxes a presión, amoníaco nin alcohol na zona afectada. E, no caso de shock ou dificultade respiratoria, buscar atención médica de inmediato.
Para o resto de casos, aconsellan lavar a picadura con auga de mar moi coidadosamente, sen frotar. Aconsellan, tamén, utilizar pinzas, guantes ou unha tarxeta plástica para quitar tentáculos ou fragmentos residuais. A continuación, aplicar calor ou auga quente, entre os 40 e os 45 graos, entre 10 e 20 minutos. No caso de que continúe a dor, repetir o último paso. E, finalmente, consultar un médico se persiste.